O «ESCUDO SOCIAL» É UNHA MENTIRA, E EU SON A PROBA
Camaradas,
Hai palabras que a clase política converteu en propaganda baleira. «Escudo social» é unha delas. Repítena nos telexornais, nos mitins, nos tuits institucionais, coma se pronunciala abondase para que fose certa. Pero a propaganda non paga o alugueiro, non pon comida na mesa dun menor de catorce anos, nin coida dunha parella á que o Estado te obriga a botar da casa.
Séino porque me pasou a min.
Despois de anos deixando a columna, os xeonllos e a saúde nos corredores dun supermercado, o INSS recoñeceume unha incapacidade permanente total. Pasei dun salario de 1.400 euros a unha pensión de 752,15 euros ao mes: o 55% da miña base reguladora, porque non cumprín os 55 anos e, segundo a lóxica dos despachos, «aínda» podería reincorporarme a un emprego compatible coas miñas limitacións. Que alguén me explique que empresario contrata un home de cincuenta e un anos cunha incapacidade total. Que mo expliquen no mundo real, non no BOE.
Con dous fillos menores ao meu cargo, de catorce e dezasete anos, tentei solicitar o Ingreso Mínimo Vital. E aí é onde a mentira institucional se volve obscena: para acceder a esa axuda, o sistema esíxeme excluír do padrón a miña parella, unha muller venezolana coa que convivo, deixándoa na rúa. A única alternativa que me ofreceron é botala da casa.
Non son un canalla. Non o vou facer.
Así que os meus fillos seguen vivindo con 720 euros ao mes porque o seu pai está enfermo. Así é a letra pequena do escudo social: falan de protexer a infancia e condenan á pobreza aos fillos dun incapacitado. Falan de integración migrante e esixen que expulse do padrón a miña parella estranxeira para poder alimentar aos meus fillos. Falan de combater a violencia contra as mulleres e non teñen ningún problema en empurrarme, administrativamente, a deixar unha muller na rúa. A coherencia, neste país, quédase sempre na sala de espera.
MENTIR É POLÍTICA DE ESTADO
E aquí dígoo con toda a claridade que dá a rabia acumulada: dá practicamente igual quen goberne. A dereita e a socialdemocracia comparten o mesmo vicio, que é tratar a administración pública coma unha fábrica de anuncios sen percorrido. Lexislan sen pisar o terreo, sen preguntarlle a quen sofre a norma, e cando a norma choca coa realidade, a resposta nunca é corrixila: é un novo anuncio, unha nova rolda de prensa, unha nova «reforma» que deixa intacta a letra pequena.
Parece que aos que lexislan non lles importamos un carallo. Só lles importa a publicidade gratuíta, o titular bonito, a foto no telexornal. E esa indiferenza, camaradas, non é gratuíta: págase con saúde, con dignidade, con familias partidas pola burocracia.
Ata que un non perde a saúde, non ve con claridade a falta absoluta de empatía do INSS e de toda a administración. Eu véxoa cada mes, cando fago contas con 752 euros e coa ameaza latente de ter que escoller entre os meus fillos e a miña parella.
RADICAL É IR Á RAÍZ
Fainos falta ser radicais, e ser radical non é un insulto: é ir á raíz do problema. A raíz disto non é que falten leis, é que sobran leis feitas de costas a quen as sofre.
Precisamos a derrogación real da reforma laboral, non unha maquillaxe. Precisamos seguimento efectivo de cada medida que se anuncia, para que deixen de ser papel mollado. Precisamos control de prezos e o fin da especulación sobre a vivenda, a enerxía, os combustibles e os produtos básicos. Precisamos que a incapacidade permanente total deixe de ser un castigo económico disfrazado de prestación, e que o Ingreso Mínimo Vital deixe de esixirlle a un pai que escolla entre os seus fillos e a persoa coa que comparte a súa vida.
Precisamos políticos útiles, non populares. Partidos que traballen para o pobo, non para as élites económicas que nunca van pisar unha oficina do INSS.
O CALDO DE CULTIVO DO FASCISMO
E aquí vai o máis duro de dicir, porque somos nós, a esquerda, quen temos que asumilo: a ultradereita non medra só polo que di ou polo que fai. Medra porque outros prometen e non cumpren, porque a socialdemocracia institucional xestiona a miseria con eslóganes en vez de resolvela, e porque a esquerda foi dinamitada desde dentro por quen se acomodou nos sillóns e esqueceu de onde viña.
Falar moito e facer pouco é o pecado que o votante de esquerdas non perdoa. E cando o pobo se sente enganado, decepcionado, abandonado con 752 euros e un ultimato imposible sobre a súa familia, o fascismo atopa un terreo abonado onde sementar odio. Non fai falta que o semente con esforzo: estámoslle regando nós mesmos con cada anuncio incumprido.
A verdadeira grandeza dun Estado non se mide en discursos. Mídese en se un traballador enfermo pode seguir sendo pai sen ter que escoller entre os seus fillos e a súa parella. Hoxe, en España, esa grandeza non existe. Existe o labirinto, a letra pequena e o silencio de quen goberna sen pisar xamais a cola dunha oficina da Seguridade Social.
A protección social non pode seguir sendo un privilexio para quen sobrevive ao labirinto administrativo. Ten que ser un dereito garantido para toda a clase traballadora, sen excepcións de idade, sen excepcións de unidade de convivencia, sen nos obrigar a escoller entre a família e o pan.
André Abeledo Fernández
Até a vitoria sempre!

