«Lévaos á túa casa»: a miseria moral disfrazada de argumento
Camaradas,
Hai unha frase que se converteu no santo e sinal do fachoerectus uninneuronal, esa subespecie que confunde o odio co pensamento e o resentimento co argumento: «se che gustan os inmigrantes, lévaos á túa casa». Repítena co mesmo automatismo con que outros repiten un eslogan publicitario, sen pararse un segundo a pensar que, en realidade, están confesando algo moito máis grave do que cren estar denunciando: a súa propia incapacidade para sentir empatía e o seu nulo hábito de usar as poucas neuronas que a xenética lles prestou.
Imos por partes, que a estes especímenes convén explicarllo amodo.
A min gústanme os nenos. Non por iso vou levar todos os nenos do mundo á miña casa, porque iso non é o que significa defender un dereito. Defender o dereito de calquera neno a ter unha infancia non esixe converter o meu salón nun orfanato: esixe esixir que existan escolas, sanidade, protección e futuro para todos os nenos, veñan de onde veñan. Do mesmo xeito, defender o dereito de calquera persoa migrante á dignidade non significa levala vivir á miña casa. Significa defender que teña papeis, traballo digno, vivenda e os mesmos dereitos que calquera veciño deste barrio. Significa defender a humanidade que estes especímenes, nados e criados no odio e na ignorancia, perderon por completo.
Porque esa é a clave que se lles escapa, camaradas: levar alguén á casa nunca foi a solución de nada. A solución é unha sociedade que non abandone a ninguén, que reparta a riqueza que hoxe acumulan uns poucos, que non enfronte o obreiro autóctono contra o obreiro migrante mentres o empresario se frota as mans vendo como pelexan polas migallas. Axudar a quen o precisa —sexa de aquí ou de alá— non empobrece a sociedade: enriquéceaa. É a lóxica máis elemental da solidariedade de clase, esa que o fascismo leva un século tentando borrar a golpe de bulo e de medo.
E aquí vai a miña conclusión, sen matices e sen complexos: prefiro mil veces de veciño a un inmigrante que cruza medio mundo buscando unha vida mellor para a súa familia, que a calquera deses fachapobres que pasan o día cuspindo veleno dende o sofá dun piso que non lles pertence, defendendo con uñas e dentes os intereses dunha clase dominante que xamais os convidará á súa mesa. Porque o inmigrante que chega buscando traballo achega esforzo, dignidade e ganas de vivir. O fachapobre, en troques, só achega odio, complexos e a vergonza allea de ver alguén defender con paixón os privilexios de quen o despreza.
Non nos van roubar a rúa, nin o barrio, nin a conversa. Fronte á súa uninneuronalidade, camaradas, a única resposta posible é a organización, a memoria e a clase.
O racismo é un complexo de inferioridade con bandeira.
Sempre o pensei e cada día confírmoo máis: o racismo é cousa de xente cun profundo complexo de inferioridade. Porque, imos ver, ¿que clase de mediocridade precisa agarrarse á cor da pel ou ao lugar de nacemento —unha lotaría, nada máis, algo que ninguén escolle— para sentirse mellor ca outro ser humano? ¿Que tipo de baleiro interior fai falta para precisar sentirse superior a alguén só para sentirse ben consigo mesmo? A min supérame, confésoo. Pero sei perfectamente por que ocorre.
Ocorre porque hai unha sementeira de odio, obvia e deliberada, que se aproveita da ignorancia, da frustración e do medo dunha sociedade esgotada até o tetano. É a vella táctica de sempre, a que usa a ultradereita —e que no fondo serve ao mesmo capitalismo que di combater—: buscar un chivo expiatorio débil para desviar a mirada dos verdadeiros culpables, que non son outros que os multimillonarios de sempre, os que fixan os alugueres imposibles, os que asinan contratos de miseria, os que deciden quen come e quen non.
E esa sementeira está enraizando: hai xente convencida de que o seu problema son outras persoas explotadas igual ca eles, abusadas igual ca eles, buscando unha vida mellor igual ca eles. Persoas que non acaparan riqueza, que non suben os alugueres, que non asinan os contratos lixo. Persoas que fuxen precisamente das consecuencias que provocan os mesmos que aquí nos empobrecen a todos. Que non sexamos capaces de ver que están no noso mesmo barco, que o inimigo común está arriba e non ao carón, é a maior vitoria que pode ter a ultradereita e quen move os seus fíos.
E hai un límite que non se pode cruzar sen caer no monstro: cando a un neno se lle chama «mena», cando a un neno se lle chama invasor, cando a un neno se lle chama inimigo. ¿Como se pode chamar así a quen foi, ante todo, un neno? ¿Que clase de ser sen empatía, que clase de monstro, é capaz de deshumanizar así a infancia? Sinceramente, camaradas, non o podo nin entender. E non penso normalizalo.
Até a vitoria sempre!.
André Abeledo Fernández

