O escudo social que non existe
Camaradas:
O escudo social que non existe
Xa o denunciei en máis dunha ocasión: iso do «escudo social» é un conto. Un refrán, unha frase feita que se repite nas roldas de prensa mentres a realidade de miles de persoas é ben distinta.
No Estado español hai traballadores que, aínda tendo emprego, non chegan a fin de mes. Hai nenos en risco de pobreza extrema. E fronte a iso, unha Administración que non contesta: teléfonos que só devolven gravacións, cartas que responden que «esta non é a oficina competente», un aparello pensado para aforrar coma unha empresa, non para atender á xente
Dá igual quen goberne
Puiden comprobar que os refráns se aplican coa mesma exactitude á Administración pública, goberne quen goberne.
O INSS, a Xunta, o Defensor do Pobo ou o Valedor do Pobo, Facenda: todo o sistema parece montado para castigar o máis débil, o máis só, a quen non ten padriños nin enchufes.
O suposto Goberno de progreso mantén, no trato á cidadanía, a mesma distancia e rixidez que o Goberno do Partido Popular en Galicia. Os dous, igual de afastados da realidade, igual de baleiros de empatía, preferindo o anuncio propagandístico á solución real.
Sae máis barato.
Cando o propio Estado te condena
Hai uns meses concedéronme unha incapacidade permanente total para o meu traballo habitual. Dígoo «por desgraza» porque hai problemas de saúde reais que me impiden traballar e porque, de ser un traballador cun salario digno, pasei á miseria dun golpe administrativo.
Por ter menos de 55 anos —teño 51— cobro o 55 % do meu salario; ao cumprir os 55 pasaría ao 75 %. De 1.400 euros en activo, a 1.200 durante a baixa, e de aí a 752,15 euros mensuais coa incapacidade recoñecida.
Con dous fillos de 14 e 17 anos ao meu cargo, que estudan e viven comigo, preciso exactamente o mesmo diñeiro aos 51 que aos 55. Comen igual, vístense igual e queren estudar igual. Pero o criterio é que aos 51 «teño máis facilidade» para atopar un traballo complementario.
Fascite plantar bilateral, discopatía cervical, tendinite crónica en ambos os ombreiros, compresión nerviosa lumbar con dor e adormecemento das pernas, epicondilite crónica e túnel carpiano operado en ambas as mans, cun resultado relativo.
Toda unha vida traballando en supermercados, coa forza do corpo, sen estudos superiores.
O INSS entende que podo traballar noutra cousa, sempre que non prexudique as miñas doenzas.
Talvez de ministro. Talvez de astronauta.
Unha oferta real para limpar oficinas foi descartada por ser «inapropiada» para as miñas doenzas. E teñen razón: non estou en condicións.
A realidade é devastadora e, á vez, tragicómica.
O Ingreso Mínimo Vital que non podo pedir
Déronme a opción de solicitar o Ingreso Mínimo Vital. Preparei os papeis, presenteinos e atopeime con que é imposible no meu caso.
A razón aínda non son capaz de asimilala.
Vivo coa miña parella actual, de nacionalidade venezolana, que non é a nai dos meus fillos. Levabamos tempo tramitando a parella de feito —xa conseguida— e ela non traballa.
Para solicitar o IMV cómpre un certificado de convivencia no que figuramos empadroados a miña parella, os meus dous fillos e mais eu.
Eu pido a axuda para os meus fillos e para min, nunca para ela. Pero, como aparece empadroada no mesmo domicilio, non podo solicitar o IMV para os meus fillos.
Ninguén me soubo explicar este requisito. Nin o teléfono 020 de información sobre o IMV, nin o INSS, nin a traballadora social.
Só «non é posible».
Quen me atendeu empatizou, sorprendeuse incluso e deume a razón moral sobre o absurdo, o surrealista e o inxusto da situación.
Pero nada se pode facer.
Tampouco podo pedir a axuda por fillos menores a cargo, porque vai ligada ao IMV.
A opción que me dan, literalmente, é botar a miña parella da casa, deixala na rúa, para que non conste no padrón.
Entre dous e cinco anos debería esperar para cumprir os requisitos.
Non son un canalla. Non o vou facer.
Palabras, moitas; dignidade, ningunha
Falan do escudo social, e os meus fillos deben vivir con 720 euros ao mes porque estou enfermo.
Falan de integración dos migrantes, e pídenme que bote á rúa a miña parella estranxeira para que os meus fillos poidan vivir dignamente: o dobre estigma que eles mesmos din combater.
Falan de protexer as mulleres do abuso, e non terían o menor problema en que eu abandonase a miña para que o sistema me dese unhas migallas.
Iso non vai pasar.
Non son un canalla, nin un traidor, nin un mentireiro.
A can fraco, todo son pulgas
E mentres tanto, sabemos que hai quen cobra axudas que non necesita, cun enchufe axeitado, mentres quen de verdade as precisa queda esmagado.
Canto peor estás, máis te machacan: esa parece ser a lei non escrita desta Administración.
Como dicía Eduardo Galeano, a xustiza é coma a serpe: só morde aos descalzos.
E como lembra aquel refrán: a can fraco, todo son pulgas.
O cabalo Boxer
Non podo deixar de pensar en Rebelión na granxa, de George Orwell.
O cabalo Boxer, o que máis traballou para erguer aquela granxa, cando enfermou e xa non puido tirar do carro, foi enviado á fábrica de pegamento.
Aquí funciona exactamente igual: mentres produces, serves; en canto enfermas, sobras.
A única diferenza é que a nós nolo disfrazan coa palabra «escudo».
Non o entendo. Non o podo entender.
Tanta hipocrisía supérame, e ninguén foi capaz de darme unha explicación coherente.
Nin sequera o intentaron.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

