O xenocidio continúa e a diplomacia da vergoña branquéao
Israel prosegue o seu proxecto de exterminio e limpeza étnica contra o pobo palestino sen que nada nin ninguén o deteña. Mentres Gaza segue a ser arrasada, o Estado sionista estende o seu brazo criminal ao Líbano, onde asasina poboación civil, e a Siria, onde combina a ocupación territorial con bombardeos impunes. Non hai tregua nin contención: hai terrorismo de Estado, apartheid, tortura e desprezo sistemático polo dereito internacional. Israel non incumpre a legalidade internacional por erro nin por presión das circunstancias: pisótaa como método de goberno.
A «Xunta de Paz» de Washington: un decorado colonial.
A recente posta en escena diplomática impulsada desde Washington mereceu o rexeitamento de numerosos analistas internacionais, de organizacións de dereitos humanos e, sobre todo, do propio pobo palestino, que non se recoñece en ningunha das súas liñas. Non é un plan de paz: é un simulacro, un decorado colonial deseñado para lexitimar o que xa existe sobre o terreo.
A denuncia máis contundente que se pode facer contra esta farsa é sinxela: reuniron a Israel, a gobernos árabes cómplices e a lacaios internacionais do sionismo —comezando por Javier Milei—, pero excluíron por completo a representación palestina do deseño do futuro do seu propio territorio. Decídese sobre Palestina sen Palestina. Así de sinxelo, así de obsceno.
Un texto que cala o esencial.
Os propios xuristas que analizaron o documento coinciden en algo revelador: evita deliberadamente mencionar o dereito á autodeterminación do pobo palestino. Non hai unha palabra seria sobre a fin da ocupación militar, nin sobre o estatuto de Xerusalén, nin sobre fronteiras soberanas, nin sobre o dereito ao retorno das persoas refuxiadas. Omítese todo o que importa porque todo o que importa é, precisamente, o que Israel e Washington non están dispostos a conceder.
Un acordo entre xenocidas, non un acordo de paz.
O que este plan fai en realidade é declarar unilateralmente Gaza baixo tutela israelí e norteamericana, esixindo ao pobo palestino algo que non pode chamarse doutro xeito que rendición. A maioría dos observadores internacionais coincide: este texto non busca un acordo bilateral xusto e equitativo, senón que valida a ocupación ilegal e impón unha capitulación humillante baixo ameaza de exterminio. É un insulto á intelixencia e á dignidade humana disfrazado de xesto diplomático.
Os nomes da infamia.
Convén non confundirse sobre quen é quen neste reparto de responsabilidades. Donald Trump, como presidente dos Estados Unidos, pasará á historia como o patrocinador político deste plan de sometemento e, moi probablemente, como un dos mandatarios estadounidenses máis servís xamais postos ao servizo do proxecto colonial israelí. Benjamín Netanyahu, pola súa banda, quedará marcado como o artífice directo do xenocidio contra o pobo palestino, o home que dirixiu o exterminio coa cobertura política e militar que Washington lle garantiu. Ambos os dous, sen dúbida, compartirán capítulo con Adolf Hitler cando a historia escriba sobre os maiores xenocidas do noso tempo.
A solidariedade con Palestina non pode ser un xesto ocasional nin unha consigna baleira. É unha obriga de clase e de conciencia fronte a un xenocidio que se desenvolve en tempo real, coa complicidade de gobernos que se chaman a si mesmos defensores da paz mentres asinan actas de rendición para as vítimas.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

