Un secuestro con toga: así pisotea Estados Unidos a legalidade internacional
Un xefe de Estado sacado da súa casa.
O 3 de xaneiro, forzas especiais dos Estados Unidos entraron en Caracas e secuestraron pola forza a Nicolás Maduro e á súa esposa, Cilia Flores. Levaron o xefe de Estado en exercicio dun país soberano que non atacara a ninguén, sen autorización do Consello de Seguridade da ONU. A Carta das Nacións Unidas prohibe recorrer á forza contra a integridade territorial ou a independencia política de calquera Estado. Non hai matiz posible: chámeselle como se lle chame, isto é un secuestro e un atentado contra a legalidade internacional.
O cártel que se esfumou do expediente.
Durante meses repetíronnos que Venezuela estaba gobernada polo chamado «Cártel dos Soles». En novembro de 2025, o Departamento de Estado declarouno organización terrorista. Pero, tras a captura, a propia Fiscalía estadounidense reescribiu a acusación: o cártel pasou de trinta e dúas mencións a dúas, e de organización criminal a «sistema de clientelismo» e «cultura de corrupción». Expertos citados pola prensa lembran que a expresión naceu nos anos noventa como etiqueta xornalística. É dicir, o gran pretexto caeu do papel en canto houbo que poñelo por escrito ante un tribunal.
Primeiro o petróleo, despois as drogas.
Xa en xaneiro, o secretario de Enerxía, Chris Wright, anunciou que Washington vendería o cru venezolano e que os ingresos irían a contas controladas polo seu Goberno. En agosto chegou o acordo: 65.000 millóns de barrís en 17 campos, máis dunha quinta parte das reservas probadas do país, cun control maioritario para empresas estadounidenses. Asinouno Delcy Rodríguez, do mesmo Goberno que nos venderon como narcoterrorista e ao que hoxe Trump eloxia. Se o problema era un réxime narcoterrorista, por que se lle asinan as reservas e se lle dá unha palmadiña nas costas? Rodríguez asegura que Venezuela conserva a súa soberanía. Difícil de crer nunha soberanía asinada baixo a sombra dunha operación militar.
Xustiza á carta.
Maduro está hoxe nunha prisión federal de Brooklyn, co xuízo fixado para o 1 de xuño de 2027, e a súa defensa alega a inmunidade que corresponde a un xefe de Estado. Non é a primeira vez: con Noriega, en 1989, xa se demostrou que, para os tribunais de Washington, a forma en que se captura o acusado é un detalle menor. Con Iraq, en 2003, demostrouse que o Consello de Seguridade estorba cando non di o que interesa. As normas son sagradas para os demais; para o imperio, un trámite.
Un dobre raseiro que nin se disimula.
Arabia Saudita, Qatar e os Emiratos Árabes Unidos son monarquías sen eleccións libres, e Marrocos, unha monarquía onde o rei conserva o poder decisivo; Freedom House cualifica os tres primeiros de «non libres» e Marrocos de «parcialmente libre». Ningún deles é tachado de narcoterrorista nin recibe comandos: reciben armas e apertas de mans.
En 2022, o Goberno de Biden pediu a un tribunal que recoñecese inmunidade ao príncipe herdeiro saudita, Mohamed bin Salmán, na demanda polo asasinato de Jamal Khashoggi. E Netanyahu, cunha orde de arresto da Corte Penal Internacional por presuntos crimes de guerra e de lesa humanidade, viaxa esta semana a Nova York para intervir na Asemblea Xeral da ONU, mentres o alcalde da cidade recoñece que non pode executala.
A propia CPI, foro natural para os presuntos crimes de lesa humanidade en Venezuela, ten aberta unha investigación sobre o país, e Washington non recoñece a súa xurisdición. Cando a inmunidade estorba, négase; cando convén, invócase. Iso non é xustiza: é xeopolítica con toga.
O que está en xogo.
Se isto se normaliza, o precedente vale para calquera país pequeno con recursos e un Goberno incómodo: abonda con inventar o relato, mandar os comandos e asinar despois os contratos.
Os problemas de Venezuela ten que resolvelos o pobo venezolano, non un país que chega con helicópteros e marcha cos pozos. Defender a legalidade internacional non é defender un Goberno concreto; é defender que ningunha potencia se erixa en xuíz, policía e verdugo dos demais.
Camaradas, non tragamos máis contos.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

