«Palestina Libre» non é unha consigna baleira.
Cando berramos «Palestina Libre», non estamos a pronunciar unha frase de moda nin a adoptar unha postura cómoda. Estamos a dicir, con todas as súas letras, o mesmo que dixemos —ou que deberiamos ter dito con máis forza— fronte aos campos de exterminio de Auschwitz, Treblinka e Sobibor: NUNCA MÁIS.
Nunca máis un pobo encerrado, famento, bombardeado e exterminado polo simple feito de existir. Nunca máis a maquinaria dun Estado posta ao servizo do borrado sistemático dun pobo enteiro. Quen condena o Holocausto do pobo xudeu en Europa e hoxe cala perante Gaza, ou busca escusas para o xenocida, non entendeu nada do que significou aquel «Nunca Máis».
O sionismo é hoxe aquilo que combatemos onte.
Doe dicilo con esta crueza, pero hai que dicilo: o sionismo, como proxecto de Estado, converteuse na reencarnación daquilo que a humanidade xurou non repetir xamais.
Non falamos do pobo xudeu, ao que respectamos e co que somos solidarios, como con calquera pobo perseguido ao longo da historia. Falamos dun réxime, o que goberna hoxe Israel, que converteu a memoria do sufrimento xudeu en Europa en coartada para inflixir ese mesmo sufrimento a outro pobo: o palestino.
Guetos armados chamados «franxas», listas de exterminio disfrazadas de «obxectivos militares», nenas e nenos asasinados a milleiros, fame utilizada como arma de guerra. Se isto non é o rostro actualizado do nazismo, que alguén nos explique entón que outro nome merece.
As vítimas de onte non poden ser cómplices das vítimas de hoxe.
A traxedia engadida é que se invoca precisamente a dor xudía en Europa para blindar de toda crítica o xenocidio palestino. É a máis cínica das inversións históricas: converter a memoria das vítimas en escudo dos verdugos actuais.
Nós, comunistas, internacionalistas, fillos e fillas da clase traballadora, non imos caer nesa trampa. O pobo palestino de hoxe é o pobo xudeu de onte: perseguido, deshumanizado e exterminado ante a mirada cómplice ou covarde das grandes potencias.
E os xenocidas de hoxe teñen nome e apelido: Netanyahu e o Goberno sionista que preside, sostidos polo imperialismo estadounidense e pola hipocrisía dunha Europa que chora os seus mortos de 1945 mentres financia e arma os verdugos de 2026.
Por iso, camaradas, berrar «Palestina Libre» é berrar «Nazis, Nunca Máis». É a mesma bandeira, a mesma trincheira, a mesma humanidade que debemos defender.
Quen o entenda doutro xeito, ou mente, ou é cómplice.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

