Feijóo e o pinchazo: a hipocrisía de quen quere mandar traballar o enfermo.
A hipocrisía dalgúns non coñece límites. Tampouco a falta de empatía nin a falta de humanidade.
O pinzamento de Feijóo e a cruzada contra o enfermo
Temos a Feijóo, líder do PP e da oposición, aspirante a presidir o Estado español, que leva tanto tempo pedindo eleccións anticipadas que xa nin nos lembramos. Este mesmo personaxe deixou de dar mitins e de facer campaña porque dicía ter un pinzamento nas costas, un pinchazo.
Pois ese mesmo Feijóo considera agora que as baixas laborais son demasiado longas e quere emprender unha cruzada contra os traballadores que enferman. Os traballadores de verdade, os que saben coller unha pa. Non como el, nin como Rueda, o presidente da Xunta, que dá incentivos económicos aos médicos que dan menos baixas ou máis altas.
As mutuas: empresas privadas con diñeiro público.
Son os mesmos que queren que sexan as mutuas as que decidan tamén as altas nas enfermidades consideradas comúns. Enfermidades comúns que, moitas veces, son en realidade enfermidades laborais que o sistema se nega a recoñecer como tales para aforrar diñeiro e para aforrárllelo ás mesmas mutuas.
Unhas mutuas que, en teoría, deberían coidar a saúde dos traballadores e que, aínda que non se presenten como empresas privadas, funcionan como tales: reciben diñeiro público, defenden os intereses das empresas para as que traballan, aforran custos e fan que o traballador enfermo volva ao posto canto antes. Todas e todos o sabemos, por moito que nos conten outra cousa.
Que os sindicatos maioritarios apoien que as mutuas axilicen as altas tampouco debería sorprendernos: hai moito que esas cúpulas deixaron de ser sindicatos. Están vendidas, son sistémicas e son unha panda de traidores.
O que si debería seguir indignándonos é que un presidente autonómico e o líder da oposición poñan en dúbida os médicos, os acusen case de actuar de forma ilegal e inmoral e pretendan que, con incentivos económicos, se salten o seu xuramento hipocrático e manden traballar xente enferma.
Para eles, o traballador de baixa é un presunto delincuente, un presunto estafador, e o médico que asina a baixa, un presunto cómplice.
O INSS e os tribunais médicos: sen empatía e sen probas que valgan.
Despois atopámonos cun INSS que fai o posible por mandar traballar a quen está enfermo, porque aquí o que importa é o diñeiro. Se hai moito nas arcas, a xente pode estar enferma; se non o hai, non pode. Que unha persoa estea enferma é o de menos.
E isto ocorre, goberne o Goberno máis progre da historia ou goberne a ultradereita: seguimos topando cun INSS sen empatía e con tribunais médicos aos que non lles interesan as probas médicas, senón atopar a maneira de desfacerse de ti e poñerte a traballar.
Cos mesmos criterios cos que hai uns anos se concedía unha incapacidade absoluta, hoxe xa non se concede. Onde antes se recoñecía un 60, un 70 ou un 80 % de incapacidade, agora custa que dean un 35 ou un 40 %. Por que? Unha vez máis, por motivos económicos.
Mutuas que deberían coidar a saúde dos traballadores e están para defender os intereses dos patróns. Un INSS que debería coidala e está para tratalos como presuntos delincuentes e, se non poden seguir traballando, para que a incapacidade ou a pensión que lles quede sexa a mínima posible: o xusto para sobrevivir; non xa con dignidade, simplemente sobrevivir.
Enfermos, despedidos e ademais culpables.
E mentres tanto, unha dereita e outra dereita pretenden que sexa aínda peor, porque lles parece que os traballadores teñen demasiados dereitos e pasan demasiado tempo enfermos.
Canto falta para que algún destes ultras diga que un traballador enfermo e de baixa tampouco debería ter dereito a votar?
A patronal catalá xa dixo nestes días que a quen acumule moitas baixas, ou baixas demasiado longas, habería que despedilo. Aínda que o rebenten física e psiquicamente durante anos de traballo para esas mesmas empresas. Cando chegan a unha idade na que xa non serven, despedilos sen máis, porque xa non serven.
Non sei como lle chamar a isto sen insultar a quen pensa así.
E os abandeirados son Abascal, que viviu sempre da política e dos chiringuitos que lle puxeron; Feijóo, que por un pinchazo non podía falar en campaña, pero cre que unha persoa cunha hernia pode seguir traballando coa pa; e Ayuso, que acusa os traballadores mentres presume de mercar as súas cousas con diñeiro público.
Pouco máis que noxo se pode sentir.
Hai unha soa resposta: organizármonos.
Nin os patróns, nin as mutuas, nin o INSS, nin os sindicatos de cúpula van defender a saúde da clase traballadora. Teremos que defendela nós.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

