A vergoña non é que cheguen ao poder: é que existan políticos deste nivel.
A vergoña comeza moito antes das urnas.
Que alguén como Feijóo ou como Abascal poida chegar a presidir o Goberno do Estado español é unha grandísima vergoña. Pero a vergoña de verdade é anterior: que existan políticos deste nivel. Feijóo xa presidiu Galiza e Ayuso preside Madrid, así que non falamos de ningunha hipótese. Falamos do que xa temos diante.
Ignorancia, pifias épicas e cero oratoria.
Ignorancia en case todos os temas, falta de capacidade en todos os sentidos e metedura de pata tras metedura de pata, algunhas absolutamente épicas. E unha capacidade oratoria nula.
Vimos Ayuso incapaz de ligar dúas frases seguidas sen o pinganillo na orella e, cando as di, son auténticas parvadas. Vimos Feijóo mesturar landras con castañas unha e outra vez e facerse o listo con aquela perla de 2022: dixo que Orwell escribiu 1984 no ano 84, cando a novela se publicou en 1949, como recollía elDiario.es. Un libro que coñece calquera que pisase unha escola.
O mesmo medio lembraba que antes preguntara se Picasso era catalán e confundira o lugar de nacemento de Rosalía de Castro. Onde estudou este home? Que lle pasou na cabeza para ter lagoas ao nivel de Mariano Rajoy?
E que dicir de Abascal, que non sae do «Viva España», do «Arriba España» e do insulto, porque non sabe nada. Lembro unha das primeiras veces que o vin na televisión: preguntábanlle por distintos temas e respondía que iso aínda non o miraran, que iso xa o decidirían, que nese asunto non pensara. Non contestaba a nada porque non sabía de nada e, a día de hoxe, segue igual.
Un personaxe que viviu dos chiringuitos que lle montou primeiro o Partido Popular para despois montar o seu propio, Vox, e seguir vivindo do conto. E non o digo só eu. Juan Jara, que foi vicepresidente de Vox, cualificouno de vago cando o partido cambaleaba tras o 23-X e Abascal seguía de vacacións en Cádiz: «Abascal ten un grave problema de preguiza». Díxoo alguén que estivo dentro.
Ignorancia, preguiza e chiringuito: ese é o nivel da dereita..
Sánchez non me gusta, pero as proporcións importan.
Pedro Sánchez a min non me gusta. Non son socialdemócrata: son de esquerda, pero bastante máis alá. Desa esquerda radical que entende que ser radical é ir á raíz dos problemas.
Pero, home, comparar a nivel intelectual e oratorio a Pedro Sánchez con calquera destes é como comparar unha moto de Fórmula 1 cun triciclo. Está moi por riba desa xente e de calquera político ao que lle quede algunha neurona sa.
Os que mandan aos que mandan.
O perigo non son só estes ignorantes, caraduras e sen vergoña. Eles obedecen. O verdadeiro perigo son os que os dirixen: as oligarquías, xente que nos considera números, cousas, e que cre que non valemos máis que o diñeiro que producimos para eles.
Persoas cuxa única patria é a carteira, dispostas a obedecer sen rechistar a Donald Trump, a Netanyahu e a todos os grandes empresarios que explotan a clase traballadora do Estado español. Iso si que é perigoso.
Un pouco de sentido do ridículo.
Deberiamos ter coidado con a quen votamos. Deberiamos ter, non sei, un certo sentido do ridículo e pasar un chisco de vergoña allea. Porque, vendo Milei, vendo Trump e o que están a facer nos seus países, xa sabemos o que farán estes se chegan ao poder.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

