Os traidores fan máis dano que o inimigo.
Camaradas,
Os que viven da política.
O que máis dano lle fixo á esquerda non son só os ataques da dereita: son os oportunistas, os que unicamente teñen proxectos persoais e usan a política para colocarse e solucionarse a vida. Xente para quen a militancia é unha escaleira, non un compromiso coa clase traballadora.
Os traidores destrúen desde dentro.
Sempre nos fan máis dano os traidores que os inimigos declarados. Ao inimigo vémolo vir; o traidor engana e destrúe desde dentro. Son quen desmobiliza a esquerda real, porque esa é precisamente a súa función e para iso os utiliza o sistema.
Os dos mil nomes e as mesmas caras.
Fixeron moitísimo dano os dos mil nomes coas mesmas caras, os da señora do dato, os colocados por pandillismo político: personaxes máis preocupados por manterse ca por cambiar as cousas. Desgraciadamente, non se van ir nin con auga quente. Son resistentes ao insecticida e nunca se someten a primarias. A ben paga e os seus seguen ao seu.
Nin enganados nin desmobilizados.
Non nos deixemos enganar pola extrema dereita, que nos quere roubar todo, nin desmobilizar polo oportunismo. Son dúas caras do mesmo problema: unha quítanos dereitos e a outra quítanos as ganas de defendelos.
O voto do mal menor non abonda.
Debemos frear a extrema dereita nas urnas co voto do mal menor, pero sen esquecer que, se seguimos sen empurrar, se non reconstruímos o campo da esquerda e se non recuperamos a conciencia de clase, tarde ou cedo o desastre ocorrerá e acabaremos como a Arxentina de Milei.
Milei, de xira polo Estado español.
O mesmo desastroso Javier Milei virá ao Estado español facer campaña pola extrema dereita, axeonllada, coma el, ante o amo Trump e o Israel xenocida de Netanyahu. Que ninguén se chame a engano: o que vén vendernos xa sabemos como acaba para quen traballa.
A tarefa é clara: organización, conciencia de clase e unha esquerda que non estea ao servizo dos que se colocan.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

