Facenda nunca fomos todos
Impostos xustos para unha sociedade xusta
Pagar impostos é necesario. Sen eles non hai sanidade, nin escolas, nin pensións, nin dependencia, nin un mínimo de xustiza social. Ninguén que viva do seu traballo o discute. O que denunciamos é outra cousa: quen paga de verdade e quen se arranxa para non facelo.
Máis impostos, mellores servizos públicos.
Os datos da OCDE (Revenue Statistics 2025) debuxan o contraste. Estes son os cinco países con maior recadación en relación co PIB en 2024:
1. Dinamarca: 45,2 %
2. Francia: 43,5 %
3. Austria: 43,4 %
4. Italia: 42,8 %
5. Bélxica: 42,6 %
E estes son algúns dos países con menor presión fiscal:
– México: 18,3 % (a máis baixa da OCDE).
– Colombia: 19,9 %.
– Chile: 20,5 %.
– Costa Rica: 24,8 %.
– Estados Unidos: 25,6 %.
A media da OCDE é do 34,1 %.
Non hai fórmula máxica, pero o patrón é claro: onde se recada máis e se recada ben, vívese mellor. Onde se recada pouco, os servizos pagámolos do peto ou, directamente, non existen.
Fonte: OCDE, Revenue Statistics 2025. Datos de 2024, provisionais.
As traballadoras e os traballadores sostemos o Estado
A propia OCDE recoñece que, en 2024, os impostos sobre o traballo impulsaron a recadación ata alcanzar o seu máximo histórico. A nosa nómina chega coa retención feita, sen posibilidade de regateo. Os multimillonarios, en cambio, teñen leis feitas á medida para pagar menos ou levar o seu diñeiro a paraísos fiscais. Enxeñaría fiscal para uns; requirimentos e recargas para outros.
Se os impostos non son xustos, non hai democracia
Se os impostos non son proporcionais, progresivos nin xustos, a inxustiza convértese en norma e non existe unha verdadeira democracia. Unha democracia que lle cobra a quen menos ten e lle perdoa a quen máis ten é unha democracia de fachada.
No Estado español, Facenda nunca fomos todos
«Facenda somos todos» é un eslogan. No Estado español, Facenda nunca fomos todos, e a clase traballadora foi sempre a que sostivo o Estado. Non é certo que sexamos iguais, tampouco á hora de pagar impostos. Quen ten un gran patrimonio dispón de asesores, aprazamentos e vías de negociación; á clase traballadora cóbraselle calquera erro na declaración da renda, e con recarga. Un organismo opaco no que a empatía e a razón teñen pouco espazo cando es pobre.
Cando a lei se usa contra o pobo
Cando a lei deixa de protexer a quen traballa e se volve contra el, medra a desafección e ábrese a porta a quen promete solucións doadas. Cando a lei non fai xustiza e se utiliza contra o pobo, chega o momento das revolucións ou comezan a nacer os monstros. A historia demostrouno máis dunha vez. Que ninguén se faga o sorprendido despois.
Pagar impostos é necesario. Pero que paguen máis os que máis teñen e que o fagan de verdade.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

