Galiza non é terra de fascistas
«É necesario decatármonos de que a violencia-fame, a violencia-miseria, a violencia-opresión, a violencia-subdesenvolvemento, a violencia-tortura conducen á violencia-secuestro, á violencia-terrorismo, á violencia-guerrilla; e de que é moi importante comprender quen pon en práctica a violencia: se son os que provocan a miseria ou os que loitan contra ela…»
— Julio Cortázar, Corrección de pruebas, 1973
A mocidade galega dá unha lección
Vox non ten en Galicia nin un só concelleiro. Nin un. Aínda así, o primeiro acto preelectoral de Santiago Abascal na nosa terra, na praza de María Pita da Coruña, atopou o que merecía: unha multitude. Mentres o líder ultra falaba desde un atril, nunha esquina da praza e rodeado dun grupiño de seguidores, ao outro lado, tras unha barreira formada por unha ducia de furgóns policiais e axentes antidisturbios, concentrábanse unhas 5.000 persoas, segundo as cifras do propio Concello. Convocábanas Galiza Nova, o Sindicato da Vivenda e a Coordenadora da Mocidade Socialista. Berraban «No pasarán», «Galiza será a tumba do fascismo» e «Ningunha persoa é ilegal». E seguiron berrando cando Abascal xa marchara.
A ignorancia fascista precisa dun odio irracional para sementar as súas mentiras e colleitar os seus froitos podres. En Galiza, ningunha desas sementes agromou. A mocidade galega é un orgullo e un exemplo de loita antifascista.
As cargas chegaron cando o fascista xa non estaba
E entón chegou a policía. As cargas comezaron cando Abascal e os seus seguidores xa abandonaran a praza: pelotas de goma, gases lacrimóxenos e porrazos. Galiza Nova denuncia unha «represión desmedida» e fala de «múltiples persoas gravemente feridas», de agresións a militantes que non mostraban ningún comportamento violento e dun afiliado detido. As persoas asistentes e as organizacións convocantes falan dunha actuación desproporcionada e indiscriminada. Houbo quen respondeu aos golpes co que tiña á man: pedras, cadeiras e botellas. Defendíanse.
Esa mesma tarde, unhas 2.000 persoas concentráronse diante da Subdelegación do Goberno para rexeitar a represión do dereito de protesta. Na concentración participaron dirixentes do BNG e da CIG, o sindicato maioritario de Galiza, ao que me honro en pertencer. Alí estivemos e alí temos que seguir estando: do lado de quen sae á rúa contra o fascismo, e non do lado de quen o recibe a porrazos.
Un país que non rompeu co franquismo
Fálase moito da chegada do fascismo ao poder en Europa, e con razón. Pero no Estado español non falamos dunha ameaza: falamos dunha realidade. O fascismo nunca se foi. Segue vivo dentro das estruturas do poder.
Por iso existe unha «Fundación Francisco Franco» que exalta o ditador xenocida e xestiona a apertura ao público do Pazo de Meirás, o mesmo pazo que os fascistas obrigaron o pobo a «regalarlles». Por iso hai xuíces que paralizan a retirada das placas que dan ás nosas rúas os nomes de xenocidas. Por iso se ofician misas en memoria do golpista. Por iso os restos dos fascistas seguen no Valle de los Caídos, unha tumba colectiva tamén para as súas vítimas, mentres se toleran homenaxes aos verdugos, para escarnio dos republicanos obrigados a erguer aquel mausoleo e das familias que aínda buscan os seus. Por iso milleiros de persoas asasinadas seguen en foxas comúns. E por iso a Real Academia de la Historia chama «réxime autoritario» á ditadura de Franco e presenta a Negrín, xefe dun Goberno lexítimo, como un ditador: o relato dos vencedores, repetido con selo académico.
Golpe de Estado, non guerra civil
E por iso seguimos dicindo «Guerra Civil». Foi un golpe de Estado militar, coa axuda da Alemaña nazi e da Italia fascista, contra un Goberno democrático. Despois viñeron a guerra e unha posguerra de exterminio contra a esquerda e contra cantos pensaban de maneira diferente. Liderárono militares que traizoaron o seu xuramento de lealdade á República.
Quen é fascista e quen non
Convén non confundirse. Quen pensa de maneira diferente e defende a súa postura con argumentos, os compartamos ou non, non é fascista. O fascismo non recorre aos argumentos porque non os ten: os seus argumentos son a mentira, a forza e a violencia. Por iso co fascismo non se discute. O fascismo combátese na rúa, nas urnas e nos centros de traballo.
Comunismo e fascismo: dous mundos irreconciliables
Comunismo e fascismo son antagónicos. Foi o comunismo, foi a URSS, quen venceu o fascismo e salvou o mundo na Segunda Guerra Mundial.
O comunismo consiste en recuperar os medios de produción, a enerxía e os sectores estratéxicos para poñelos en mans da clase traballadora e ao seu servizo, e evitar así a explotación e a acumulación de riqueza por parte dunha oligarquía minoritaria. Un comunista pensa que calquera persoa, polo mero feito de nacer, ten dereito a unha vida digna e a ter cubertas as súas necesidades básicas; que a economía ten que estar ao servizo do ser humano e non ao revés; que traballamos para vivir e non vivimos para traballar. Para un comunista, a patria é a clase obreira, e a solidariedade, a igualdade, a fraternidade e a xustiza social son os alicerces do futuro socialista.
O xenocida máis respectado da historia
O capitalismo mata de fame, asasina en guerras de espolio, tortura e masacra pobos enteiros e os pobres do mundo, e escraviza millóns de homes, mulleres e nenos. E, curiosamente, segue sendo o xenocida máis respectado da historia. No capitalismo, a vida non vale nada.
Cortázar díxoo cunha claridade que doe: hai que comprender quen pon en práctica a violencia, se os que provocan a miseria ou os que loitan contra ela. Hoxe a ultradereita ofrécenos unha mestura velenosa de liberalismo económico e fascismo que pretende devolver a clase traballadora ás condicións de vida e á falta de dereitos do século XIX, mentres unha elite minoritaria segue acumulando riqueza.
Fronte a iso, memoria, organización e loita.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

