Se goberna o PP-VOX, non haberá España da que marchar.
A deriva trumpista da dereita española.
O trumpismo afúndese nos Estados Unidos e, mentres tanto, en España o PP e VOX seguen empeñados en copiar o manual de quen xa non sabe aplicalo. Unha dereita servil, de parvos útiles, cega e sempre a destempo: chega tarde ata á súa propia ruína, pero quere arrastrarnos a todos con ela.
A patronal xa deu o sinal de saída.
A patronal pide que o Goberno actual non suba o salario mínimo e que o negocie quen gañe as eleccións do 29 de novembro. Non fai falta ser adiviño: quen pide agardar polas urnas é porque conta con que gañe quen está máis preto dos seus intereses que dos de quen vivimos dunha nómina, e eses son o PP e VOX. Traducido: que gañe a dereita e así volven decidir eles canto vale o noso traballo, mentres o Goberno xa puxo en marcha a suba de 2027 e os sindicatos reclaman un 7 %. Se gaña a dereita, comeremos merda. Así de claro. E convén lembrar que xa houbo anos de conxelación do SMI e que cada euro que subiu llo arrincou a clase traballadora coa loita sindical, a mobilización e un Goberno que non se axeonllou ante a CEOE.
Se goberna o PP-VOX, non haberá España da que marchar: seremos a Arxentina de Europa e África volverá comezar nos Pireneos.
Onde quedou o patriotismo?.
Non queda patriotismo de ningún tipo en ningures? Tampouco existe o patriotismo de clase, a honra, a palabra ou a empatía. Hai quen di «eu son capitalista» sendo consumidor e traballador asalariado, sen ser dono de ningún medio de produción. Iso non é capitalismo, é ignorancia, e a ignorancia é o mellor aliado de quen manda.
Cando a clase traballadora esquece quen é, pasa a non ser nada. E os ninguén son máis doados de pisar, de enfrontar entre si e de dominar. Esa é toda a estratexia.
Dous atrasados con atraso.
Abascal e Feijóo son un atraso e teñen un atraso: entre os dous non xuntan nin media neurona. E o peor é que ningún sabe o que é traballar de verdade.
Feijóo pasou case toda a súa vida laboral en cargos públicos e vivindo da política. Este verán chamoulles «cancro» ás baixas por enfermidade, cuestionou que un traballador enfermo cobre o mesmo e fíxoo sen achegar datos da suposta fraude masiva; un ano antes dixo, en ton de «broma», que as vacacións están sobrevaloradas. É o lóxico en quen nunca necesitou unha baixa nin unhas vacacións das que teñen que pagar os demais, porque a súa vida laboral nunca foi a nosa. Que a unha persoa enferma se lle trate como a un sospeitoso di moito de quen xamais fichou nunha cadea de montaxe nin pasou oito horas de pé nunha caixa.
Santiago Abascal leva toda a vida na política, pagado co diñeiro de todos, e preséntase como o representante da «España que madruga». A súa única experiencia fóra da política, segundo recolle a revista Emprendedores, foi un bar da franquía Heineken en Vitoria, para o que rexistrou, en decembro de 2006, a empresa Hammer Hostelería SL. O negocio durou apenas un ano, pechou 2008 con máis de 130.000 euros de perdas e acabou traspasado. Despois, a empresa perdeu xuízos contra traballadoras por finiquitos e salarios sen pagar, con condenas duns 9.000 euros en 2010 e duns 7.500 en 2011. Quen non soubo sacar adiante un bar e deixou a súa plantilla con salarios pendentes de cobro di que saberá levar un país.
Iso si, do diñeiro público viviu ben: segundo unha revisión da súa traxectoria publicada na prensa, entre 1999 e 2013 cobrou preto de medio millón de euros do contribuínte, con cargos como o de director da Axencia de Protección de Datos da Comunidade de Madrid, que desapareceu dous anos despois, deixando 22 traballadores na rúa, ou o de xerente da Fundación para o Mecenado e o Patrocinio Social, cun salario anual duns 82.000 euros. O liberal que despotrica contra a «paguiña» viviu dela.
Ademais, avoga por unha mili obrigatoria para os demais, el que se librou de facela encadeando tres prórrogas ata que se suprimiu en 2001. Defínese como católico apostólico e romano, divorciouse tras ter dous fillos e volveu casar, e defende a familia tradicional. Di representar os traballadores, pero a súa vida non se parece en nada á nosa. É un vago, un inútil e un hipócrita.
O que toca.
Que non nos confundan: aquí non hai patria sen pan nin orgullo sen salario digno. O patriotismo verdadeiro é o de clase: o de defender a quen madruga de verdade, a quen enferma de verdade e a quen vive do seu traballo e non do dos demais. Organizarse, afiliarse, votar con conciencia e non soltar nin un só dos dereitos que tanto custou conquistar.
Até á vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

