Cando as pensións xogan no casino do capital: a lección do Paraguai

Publicado:

Noticias populares

Cando as pensións xogan no casino do capital: a lección do Paraguai.

 Cando se xoga co diñeiro público e se deixa que o capital privado entre no que é de todos, tamén nas pensións, como queren o Partido Popular e VOX no Estado español, o desastre está garantido. O Paraguai e a Arxentina estánnolo amosando en directo.

 A ultradereita vendepatrias e o abismo.

 A Latinoamérica en mans da ultradereita trumpista e vendepatrias afundirase irremisiblemente: pasará do terceiro ao cuarto mundo. E se en Europa seguimos ese mesmo camiño, acabaremos no mesmo burato. Capitalismo salvaxe, privatización e corrupción: o Paraguai, a Arxentina e Honduras son o manual de como facer merda o que xa era unha desgraza.

 Que é o IPS e onde está o problema.

 O Paraguai ten un sistema público de seguridade social que se nutre das cotizacións de traballadores e empresarios. O Instituto de Previsión Social (IPS) recibe esas achegas e xestiónaas para pagar xubilacións, pensións de viuvez, prestacións por incapacidade e atención sanitaria.

 Pero o IPS non só administra: tamén inviste. Xestiona un patrimonio colectivo nos mercados financeiros. E aí está o problema.

O diñeiro dos traballadores, exposto á banca privada.

Segundo os datos do propio IPS, recollidos polo xornal ABC Color o 3 de novembro, a institución mantiña investimentos financeiros por uns 355 millóns de dólares, repartidos entre 14 entidades bancarias, en certificados de depósito de aforro e bonos financeiros. Entre elas está Ueno Bank, cuxos problemas de solvencia obrigan hoxe o IPS a reclamar a protección e recuperación deses fondos.

Sexamos rigorosos: os 355 millóns non son o perdido en Ueno, senón o conxunto da carteira. Non hai unha cifra oficial desagregada que indique canto está comprometido exclusivamente nese banco. Pero que non haxa unha cifra concreta non lle resta gravidade ao asunto.

Tres escenarios e unha pregunta de fondo.

O que está en xogo non é o pagamento das pensións deste mes, senón o patrimonio do sistema público. Hai tres escenarios: que o IPS recupere integramente o investido; que o banco non teña activos suficientes e se produzan perdas; ou que estas sexan importantes e acaben por afectar a sustentabilidade da previsión social a longo prazo.

E hai preguntas que alguén ten que responder. Por que unha institución pública que administra as cotizacións de miles de traballadores expuxo parte das súas reservas a unha entidade que acabou tendo tales problemas de solvencia? Que mecanismos de control e de responsabilidade existían para impedilo?

Que non nolo vendan como un risco «técnico».

Non falamos de accionistas privados que perden diñeiro nunha aposta. Unha cousa é que un banco quebre e outra ben distinta que as consecuencias da súa mala xestión acaben recaendo sobre o patrimonio da seguridade social. Falamos de recursos que proceden do traballo de miles de persoas e que existen para garantir a súa protección.

Servizo, non negocio.

Un modelo privado busca sempre o beneficio; un modelo público debe garantir un servizo. Os servizos básicos —as pensións, a sanidade e a educación— teñen que estar ao servizo da sociedade e non converterse no negocio de ninguén. Cando o obxectivo é o beneficio, a protección da xente pasa a un segundo plano.

Esa é a lección: cada vez que se abre a porta do público aos intereses privados, quen acaba pagando a factura é a clase traballadora. Defender as pensións públicas, blindadas fronte á especulación e sometidas a un control democrático real, é defender a dignidade de quen traballou toda unha vida.

 

Até a vitoria sempre!

 

André Abeledo Fernández

DEJA UN COMENTARIO (si eres fascista, oportunista, revisionista, liberal, maleducado, trol o extraterrestre, no pierdas tiempo; tu mensaje no se publicará)

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Últimas noticias

Cuando las pensiones juegan en el casino del capital: la lección de Paraguay

Cuando las pensiones juegan en el casino del capital: la lección de Paraguay. Cuando se juega con el dinero público...

Le puede interesar: