A folga é un dereito; o «dereito ao traballo», unha gran mentira
Cada vez que a clase traballadora para, aparece o mesmo coro: «Hai que respectar o dereito a traballar». Repíteno a patronal, os tertulianos e os políticos de quenda coma se fose unha verdade revelada. Convén poñelos diante do espello.
Un dereito conquistado, non concedido.
A folga foi delito antes de ser un dereito. Ningún empresario nin ningún parlamento nola regalou: arrincouna a clase obreira a base de represión, despedimentos e cadea. Hoxe, a Constitución recóllea no artigo 28.2 como dereito fundamental, o chanzo de máxima protección. O traballo aparece no artigo 35, cunha garantía moito menor. Non é casualidade: son dereitos de distinta categoría, e quen os equipara minte ou non leu a Constitución.
Un dereito que só existe no papel.
Se traballar fose un dereito de verdade, non existiría o paro. Pero o paro non é un accidente: é unha peza do sistema. Presiona os salarios á baixa e disciplina a quen ten emprego para que baixe a cabeza. Un «dereito» que só podes exercer se a un empresario lle convén contratarte non é un dereito: é unha concesión do mercado.
O mesmo ocorre coa vivenda. O artigo 47 recoñece o dereito a unha vivenda digna, e aí temos a realidade: alugueiros imposibles, desafiuzamentos, mocidade que non pode emanciparse e salarios que non chegan a fin de mes. Os dereitos que non se poden esixir nin garantir son papel mollado.
A trampa semántica.
O «dereito ao traballo» serve para enfrontar o traballador contra o traballador, o individuo contra o colectivo. Invócase para deslexitimar o piquete, xustificar o esquirol e presentar como liberdade o que, na práctica, supón debilitar os sindicatos. Un piquete informativo é o exercicio lexítimo dun dereito fundamental; coaccionar é outra cousa, e non é iso o que facemos.
A folga xeral do 11N, a demostración.
Se alguén dubidaba de que os dereitos de papel non pagan o alugueiro, aí queda a folga xeral do 11 de novembro. CCOO, UGT, CGT, Co.bas, a Confederación de Sindicatos de Inquilinas e outras organizacións convocaron un paro de 24 horas pola vivenda, o emprego e os salarios dignos. Foi a primeira folga xeral estatal respaldada por CCOO e UGT desde 2012.
En Galiza, a CIG, primeiro sindicato do país, sumouse á folga xeral que reclamaba o movemento pola vivenda e convocou 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada do 11N, baixo o lema «Galiza en loita por unha vida digna». Esixiulle á Xunta e ao Goberno español un plan de choque que frease o deterioro das condicións de vida da clase traballadora: o encarecemento da vida, a pobreza salarial, a crise da vivenda, a precariedade laboral e a degradación dos servizos públicos, mentres o grande capital continúa acumulando beneficios extraordinarios.
En materia de vivenda, as súas esixencias son concretas: intervención pública no mercado para limitar os prezos e frear os desafiuzamentos, topes aos alugueiros dos grandes propietarios, posta á disposición de quen o precisa do parque de vivendas da Sareb e creación dun Banco Galego de Vivenda. Mentres outros falan de dereitos en abstracto, a CIG esíxeos con feitos.
A folga chegou despois de que o Congreso tombase os decretos de vivenda do Goberno o 2 de outubro. Foi unha folga legal precisamente porque uniu o que o poder quere separar: a vivenda é cara porque os salarios se bloquean. Salarios dignos para poder acceder a unha vivenda digna. Cando as institucións non garanten o que prometen, á clase traballadora non lle queda outra ferramenta que a que conquistou coa súa loita: parar.
E a clase traballadora respondeu. As tres principais centrais sindicais de Galiza —UGT, CIG e CCOO— cualificaron de rotundo éxito o seguimento da folga, con sectores produtivos estratéxicos paralizados e mobilizacións multitudinarias nas rúas. UGT e a CIG sinalaron, ademais, un dato que non admite relato: o consumo eléctrico caeu preto dun 12 % respecto ao mércores da semana anterior, reflexo da paralización de polígonos industriais, portos e grandes empresas. Os contadores da luz non entenden de propaganda: cando a clase traballadora para, o país apágase.
E, como era de agardar, a dereita saíu a defender o «dereito a traballar». Feijóo pediulles aos sindicatos que desconvocasen a folga cun «non a fagan», asegurou que non cuestionaba o dereito á folga, senón a súa oportunidade, presentouna como unha folga «contra a oposición» e deixou caer que o PP tomaría nota se se producía un cambio de ciclo tras as eleccións. Dicíao o partido que votou en contra dos decretos de vivenda do Goberno.
Ayuso foi máis lonxe na Asemblea de Madrid: falou de «corrupción mafiosa» e de «mafia sindical». Abascal esixiulles a CCOO e UGT que a retirasen, co argumento de que non tiña ningún sentido, e avisou de que Vox tomaría nota tras o 29N. A fórmula de sempre: dereito á folga si, pero nunca cando molesta a quen manda. E, sobre todo, nunca cando funciona.
Ao día seguinte da folga, a Deputación Permanente debatía os dous decretos de vivenda que o Goberno volveu aprobar tras o rexeitamento de Junts, PP e Vox, e fíxoo baixo a presión da rúa. Entre outras medidas, recollen un veto ata finais de 2028 á compra de vivendas a prezo de saldo por parte de entidades con fins especulativos, a suspensión dos desafiuzamentos de persoas vulnerables sen alternativa habitacional ata 2030, unha prórroga extraordinaria de dous anos para os contratos de alugueiro que venzan antes de 2029 e axudas de ata 50.000 euros para a entrada da primeira vivenda.
O PNV adiantou que apoiaría o primeiro decreto e votaría en contra do segundo, o das prórrogas extraordinarias dos alugueiros. Veremos se é compromiso ou puro calendario electoral. Un dereito non se mide polo que se anuncia, senón polo que se cumpre, e a vivenda leva demasiado tempo sendo unha promesa.
As urnas non substitúen a loita.
O 29N hai eleccións xerais e cadaquén votará como crea conveniente. Pero a vivenda, o emprego e os salarios non se arranxan cada catro anos, senón todos os días, nos centros de traballo e na rúa. O dereito colectivo á folga está por riba do suposto dereito a traballar, porque é o único que nos pertence de verdade: non depende do favor do patrón nin da promesa dun político.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

