Son pobre, pero nunca serei un fachapobre nin un escravo das siglas.
Que me fagan dano non me converte no que combato.
Que me deixe ou me engane unha muller non me vai converter nun misóxino nin nun machirulo. Que me faga algo un estranxeiro non me vai converter nun racista nin nun xenófobo. E que me traizoen uns vendidos nun sindicato ou nun partido político non me vai converter nun traidor. A dor, a decepción e a rabia son humanas, pero non son escusa para pasarse ao bando do odio. Quen responde a unha puñalada ferindo a quen non ten culpa só acaba parecéndose a quen lle fixo dano.
Orgulloso da clase á que pertenzo.
Son pobre, pero nunca serei un fachapobre. Estou orgulloso de ser clase traballadora, de onde veño e da clase á que pertenzo. Non son un ninguén por selo e non necesito ser outra cousa. Nunca lles lamberei as botas aos patróns por se me cae un óso ou parte das sobras. Non é doado ser pobre, pero para min é aínda máis difícil traizoar a miña clase.
As siglas non son nada.
Non son as siglas as que traizoan. As siglas non son nada. O que conta son os valores, a ideoloxía, saber quen es e se es ou non clase traballadora. Hai traidores en todas partes e as puñaladas chéganche de todos os lados. Pero que te traizoen non che dá dereito a converterte nun vendido nin a poñerte ao servizo dos partidos que financian os mesmos que nos pisaron e nos humillaron nas nosas propias empresas.
Memoria e respecto por quen loitou de verdade.
Así que non me veña ninguén con historias de siglas nin de bos e malos. Trátase do que un leva dentro e do que sabe que é. Eu agora mesmo non estou en ningún partido e non o necesito para seguir sabendo que son clase traballadora. Para seguir sendo o que son non necesito ningunha sigla: só necesito memoria e respecto por quen loitou de verdade.
Toca votar contra o fascismo.
E agora toca votar. Toca votar contra o fascismo, contra a ultradereita e contra a estupidez humana. Co nariz tapado se fai falta, pero sen esquecer nunca de que lado estamos.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

