Dende a Plataforma Galega pola Terceira República queremos mostrar solidariedade plena con Pablo Hasél, artista condeado á prisión simplemente por ter mostrada a opción republicana e popular nas súas cancións, opción que cada vez vai collendo maior apoio fronte ó carácter represor da Monarquía e o seu Réxime, herdeiro da ditadura fascista.
É incrible coma o goberno central, que se di “progresista”, non ten xa derogada a Lei Mordaza, a cal supón unha clara persecución ideolóxica, e feita unha depuración da Audiencia Nacional, o cal demostra que o franquismo segue vivo nas institucións. A súa complicidade coa dereita reaccionaria nestas cuestións pon en evidencia a necesidade dunha separación real dos poderes lexislativo, executivo e xudicial.
Compre, diante desta situación, unha resposta política contundente. Apelamos, xa non só a manifestar a nosa repulsa diante da falta de liberdade de expresión que se está xeneralizando contra as xentes das esquerdas, se non a organizarnos para presionar, nas rúas e nas institucións, ao goberno de coalición para que se tomen aquelas medidas necesarias para a maioría social. Mais os acontecementos actuais nos demostran que isto xa non basta; a creación dun frente común republicano, democrático e plural ten un carácter totalmente urxente para dar resposta unitaria ao fascismo que avanza, amparando polo marco político saído da Transición. Neste sentido só cabe avanzar, organizarse e loitar. Súmate a contribuir á alternativa do ben común, á opción rupturista!
SOLIDARIEDADE CON PABLO HASÉL!
UNIDADE CONTRA A MONARQUÍA!