Yolanda Díaz para a OIT: un premio a que e avalado por quen?
O Goberno español quere impulsar a Yolanda Díaz para presidir a Organización Internacional do Traballo (OIT). E a pregunta xorde de xeito inevitable: se se trata dun premio, a que mérito responde e quen o concede?
Porque, se se trata dun recoñecemento á súa defensa dos dereitos da clase traballadora, custa atopar os méritos que xustifiquen semellante candidatura. Durante anos construíuse arredor da súa figura un relato político e mediático que a presentaba como a gran esperanza do mundo do traballo. Con todo, ese relato foi afastándose cada vez máis da realidade que viven millóns de persoas asalariadas.
É este un premio avalado polas grandes organizacións sindicais, esas que unha parte crecente da clase traballadora considera excesivamente acomodadas ao diálogo social, mesmo cando este remata consolidando os intereses da patronal? Ou estamos, máis ben, ante un premio político por unha operación que acabou desmantelando o espazo da esquerda? Sumar naceu coa promesa de abrir un tempo novo e rematou convertido nun proxecto cada vez máis débil electoralmente. Mentres tanto, o campo progresista continúa dividido e a extrema dereita segue gañando espazo. Difícil resulta presentar ese balance como un éxito.
Tamén se anunciou con gran solemnidade a derrogación da reforma laboral de Mariano Rajoy. Pero a realidade foi moi distinta. Sindicatos como a CIG, ELA, LAB ou a CGT denunciaron xa no seu momento que o texto pactado resultaba, no esencial, recoñecible respecto ao acordo laboral que o PSOE subscribira coa Ciudadanos en 2016, e que nin sequera se plantexaba recuperar dereitos históricos coma o fin do despedimento libre pagado. Non houbo, pois, unha derrogación integral, senón unha reforma parcial que deixou en pé boa parte da arquitectura da lexislación anterior. A precariedade segue instalada en demasiados sectores e o despedimento continúa sendo un dos puntos máis cuestionados do ordenamento laboral español.
Porque os dereitos non existen polo simple feito de apareceren escritos no Boletín Oficial do Estado. Os dereitos existen cando poden exercerse sen medo. E hoxe milleiros de traballadores seguen aceptando abusos, calando ante as inxustizas e renunciando a reclamar o que lles corresponde por medo a perder o emprego. Sen inspeccións suficientes, sen controis efectivos e sen unha protección real fronte ás represalias empresariais, moitos deses dereitos rematan convertíndose en papel mollado.
A política non pode limitarse á propaganda nin aos grandes anuncios. A publicidade institucional pode ocupar titulares durante uns días, pero non transforma as condicións materiais da clase traballadora. Esa transformación mídese nos salarios, na estabilidade laboral, na redución da precariedade, na capacidade real de negociación e na seguridade de que quen denuncia un abuso non acabará pagando un prezo persoal por facelo.
Por iso resulta sorprendente que agora se fale de situar a Yolanda Díaz ao fronte da Organización Internacional do Traballo. A OIT representa, desde hai máis dun século, a defensa do traballo digno e dos dereitos laborais no ámbito internacional. Unha institución dese relevo debería estar dirixida por unha figura capaz de concitar un amplo consenso entre quen vive do seu traballo. E ese consenso, hoxe por hoxe, non parece existir. A votación está prevista para o 16 de novembro, e quen resulte elixido non tomaría posesión até outubro de 2027: tempo de sobra para que o Goberno articule unha campaña diplomática arredor dun nome que, no plano interno, xa esgotara o seu percorrido político.
E non se trata dun caso illado. Días antes desta candidatura, España xa propuxera ao ministro Luis Planas para dirixir a FAO a partir de 2027. Dous ministros do mesmo Executivo, en apenas unhas semanas, aspirando a senllos organismos de Nacións Unidas. A coincidencia di moito sobre como os gobernos empezaron a mirar para estas institucións: non coma espazos de servizo aos pobos, senón coma destinos onde recolocar figuras políticas que xa non teñen percorrido na primeira liña nacional.
Resulta inevitábel, ademais, establecer un paralelismo co que estamos a ver noutros organismos internacionais. Mentres Donald Trump promove a Gianni Infantino para ocupar a máxima responsabilidade nas Nacións Unidas, o Goberno español pretende facer o propio con Yolanda Díaz na OIT. Son situacións distintas, pero ambas responden a unha mesma lóxica: a de converter institucións que deberían actuar con absoluta independencia en escenarios onde os gobernos procuran colocar persoas afíns aos seus intereses políticos.
As organizacións internacionais non poden converterse en destinos honoríficos nin en premios de consolación para dirixentes que atravesan momentos de debilidade política. A súa misión debería ser servir aos pobos e aos principios que representan, non ás estratexias dos gobernos de quenda.
Porque cando as institucións deixan de escoller aos mellores para premiar aos máis convenientes, tamén elas comezan a perder a súa razón de ser. E esa é, probabelmente, a maior derrota: a dunha cidadanía que ve como mesmo os organismos creados para defender o traballo digno rematan sendo percibidos como unha extensión máis dos intereses do poder político. Ao final, a pregunta coa que arrancabamos segue sen resposta convincente: un premio, si, pero a que e avalado por quen?
André Abeledo Fernández

