Venezuela: a memoria como trincheira fronte ao espolio imperial
Hai feitos que a propaganda mediática occidental pretende reducir a simples anécdotas cando, en realidade, son a chave para comprender o tempo que nos tocou vivir. O secuestro de Nicolás Maduro Moros, presidente lexítimo de Venezuela, elixido democraticamente polo seu pobo, e da súa compañeira Cilia Flores, trasladados pola forza a un cárcere en territorio estadounidense, non é un episodio xudicial máis. É a demostración de que o imperialismo norteamericano, cando non consegue impoñerse nas urnas nin no terreo da batalla ideolóxica, recorre ao secuestro de Estado disfrazado de proceso penal.
¿Alguén pode explicar con seriedade que lexitimidade ten un tribunal federal de Manhattan para xulgar un xefe de Estado estranxeiro por supostos delitos fabricados? ¿Alguén pode soster, sen rubor, que isto ten algo que ver coa loita contra o narcotráfico e non co control das maiores reservas de petróleo do planeta? A resposta coñecémola todos: non hai lawfare que non agoche un pozo de petróleo detrás.
De onde nace a dignidade que queren roubar
Para entender o que está en xogo cómpre volver a 1999, cando Hugo Chávez Frías chegou á presidencia e puxo fin ao entreguismo da IV República, unha etapa na que as multinacionais saqueaban o petróleo venezolano mentres o pobo era condenado á pobreza. A Revolución Bolivariana non foi un lema baleiro. Foi redución da pobreza, alfabetización recoñecida pola UNESCO e millóns de persoas que abandonaron a exclusión grazas ás Misións Sociais. Eses datos non os inventou ningún propagandista chavista; foron acreditados por organismos internacionais como a CEPAL ou o PNUD, os mesmos aos que a dereita recorre cando lle convén e silencia cando non.
Chávez non se limitou a administrar o sistema. Atreveuse a transformalo. E ese foi o seu maior «delito»: poñer os recursos naturais ao servizo da maioría social e non dos intereses de Wall Street. Iso é algo que Washington nunca lle perdoou e que tampouco lle perdoa hoxe a Nicolás Maduro. Por iso o odio das elites cara á Revolución Bolivariana é, paradoxalmente, a mellor proba do valor do seu legado.
Maduro asumiu a dirección do proceso bolivariano no momento máis complexo, mantendo vivo o legado do comandante fronte a unha guerra permanente: bloqueo económico, sancións ilegais, intentos de golpe de Estado, un magnicidio frustrado e agora o secuestro máis escandaloso do século XXI. A súa lealdade a Chávez non foi un discurso; demostrouse cada día na resistencia dun pobo sometido a un asedio constante.
O presente: terremotos, bloqueo e cinismo
Mentres o goberno lexítimo de Venezuela permanece secuestrado en territorio estadounidense, o país tivo ademais que facer fronte a unha grave traxedia natural, con milleiros de familias afectadas polos terremotos que sacudiron a costa venezolana. E aquí aparece a cara máis noxenta do imperialismo: quen impón un bloqueo criminal contra Venezuela son os mesmos que despois escenifican unha suposta preocupación humanitaria.
A mellor axuda para Venezuela, camaradas, non son discursos nin declaracións baleiras. A mellor axuda é levantar o bloqueo, devolver os activos venezolanos conxelados e liberar o seu presidente.
Existe, ademais, un tratado de extradición entre os Estados Unidos e Venezuela, asinado en 1922, que establece que calquera conflito debe resolverse mediante arbitraxe independente e non mediante o atropelo unilateral dun tribunal neoiorquino. Mais o dereito internacional, para o imperio, só existe cando serve aos seus intereses. Cando non lle convén, substitúeo polos portaavións.
Non esquecer, non perdoar
Non esquezo que Maduro continúa retido ilegalmente mentres boa parte do mundo cala. Non esquezo que este mesmo guión —invadir, espoliar e presentar todo baixo o disfraz dunha falsa «liberación»— xa o vimos en Iraq, Libia ou Siria. Non esquezo que a batalla de Caracas é tamén a batalla da clase traballadora internacional, porque hoxe é Venezuela e mañá pode ser calquera pobo que decida que os seus recursos pertencen ao seu pobo e non a Wall Street.
A democracia en Venezuela será bolivariana ou non será. E fronte ao secuestro imperial só cabe unha resposta: memoria, denuncia e solidariedade internacionalista sen fisuras.
André Abeledo Fernández

