Donald Trump o bufón que se cre dono do mundo
Camaradas,
Donald Trump repite, xa van preto de cen veces, que gañou a guerra contra Irán. E agora engade unha nova bravata: o estreito de Ormuz será dos Estados Unidos. Se o personaxe que o di non tivese a man apoiada sobre o botón nuclear e non dirixise o maior aparato militar do planeta, todo isto sería un circo de risa doada. Pero non o é. Detrás do pallaso hai miles e miles de mortos: o xenocidio en Gaza que sostén co seu apoio incondicional a Israel, a agresión contra o Líbano, a guerra ilegal e inmoral contra Irán, a persecución do inmigrante coma se fose unha alimaña dentro do seu propio país.
Agora quere quedar co estreito de Ormuz, igual que antes quixo quedar con Groenlandia e lle cambiou o nome, ou como di que se quedará con Canadá, coma se o capricho dun só home abondase para reescribir a xeografía do planeta. Ao golfo de México chámalle golfo de América. Groenlandia, que segue a ser dinamarquesa, declárana súa. Canadá, un Estado soberano, trátao coma se fose unha provincia máis á espera de anexión. O estreito de Ormuz, que segue baixo control de Irán, entre Irán e Omán, declárao territorio estadounidense. Para Trump o mundo enteiro pertencelle porque o di el, aínda que a realidade demostre exactamente o contrario. O mesmo fai con Venezuela, tras secuestrar o seu presidente lexítimo, Nicolás Maduro, para se quedar co petróleo, e o mesmo pretende con Cuba, recrudecendo un bloqueo ilegal que busca deliberadamente afundir o pobo cubano na catástrofe humanitaria.
E pódeo dicir, pódeo facer, porque xa o facía antes, aínda que hoxe xa non se moleste nin en disimulalo. Detrás da Marcha Verde coa que Marrocos se anexionou o Sáhara Occidental estaban os Estados Unidos e Henry Kissinger. A diferenza é que agora xa non fai falta agocharse: Trump, xunto ao Mossad, a CIA e Benjamín Netanyahu, é capaz de provocar unha crise migratoria e humanitaria en Ceuta só para castigar o Goberno español por non se axeonllar dabondo.
E a quen decide defender a súa soberanía pásalle o que lle pasou a Venezuela, co seu presidente lexítimo secuestrado para lle roubar o petróleo. Pásalle o que sofre Cuba desde hai décadas cun bloqueo ilegal e inmoral que Trump converteu en xenocida, negando ata as xiringas e os medicamentos a todo un pobo.
Este xenocida, este personaxe nefasto sen unha pinga de empatía, incapaz de controlar nin os seus propios esfínteres, quere dominar o mundo e pon a todos en perigo. A súa única oferta é vivir de xeonllos, lambendo botas. Para un pobo con dignidade, esa nunca pode ser unha opción. Non nacemos para ser escravos de ninguén.
A ultradereita, pola contra, non ten ningún problema en se axeonllar. Vémolo en Abascal, sempre a cabalo entre lamber as botas de Netanyahu e as de Trump. Vémolo en Ayuso, capaz de condecorar Israel polo seu xenocidio en Gaza ou a Milei polo seu servilismo. Vémolo en Feijóo, incapaz de sinalar os verdadeiros responsables da crise de Ceuta. E vémolo en Meloni, humillada unha e outra vez por Trump —que chegou a dicir que precisaría unha orde de afastamento para que a deixase en paz— e que aínda así salta cada vez que Washington llo ordena.
A hipocrisía chega ao seu máximo expoñente con Finlandia e Dinamarca dando leccións sobre migración a España, mentres Dinamarca ve como os Estados Unidos reclaman Groenlandia, o seu propio territorio autónomo, e ningunha das dúas se atreve a plantarlle cara a Trump.
Todo isto sería unha traxicomedia magnífica se non fose unha traxedia real. Trump, xunto a Netanyahu, é o peor que lle pasou á humanidade desde Adolf Hitler. Sen dúbida ningunha.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

