Milei é o espello: así quere verse a ultradereita española
Camaradas, cada vez que Javier Milei abre a boca en Bos Aires, en Madrid alguén toma nota. Milei non é unha anomalía sudamericana, é o laboratorio. É o espello no que o PP, VOX, Santiago Abascal, Isabel Díaz Ayuso e Alberto Núñez Feijóo se miran para saber ata onde poden chegar cando o pobo baixa a garda.
Arxentina toca fondo unha e outra vez, e cada vez cae máis baixo. Non podía ser doutro xeito cun vendepatrias no Goberno, un lacaio que aliña a política exterior e económica do seu país aos intereses de Washington antes que aos do seu propio pobo. Milei e os seus Libertos son a burla do mundo, si, pero tamén son unha ameaza moi seria para a clase traballadora arxentina, que é quen paga a broma.
A grande estafa da «liberdade»
A Milei gústalle presentarse como un adalid da liberdade, un «anarcocapitalista» que viña derrubar os privilexios da casta. Esa foi, dende o minuto un, a grande estafa. Quen defendemos os dereitos dos de abaixo sabemos que para o neoliberalismo máis extremo a palabra «liberdade» significa unha soa cousa: liberdade dos poderosos para explotar sen límites, e sálvese quen poida para o resto.
A suposta «casta» contra a que Milei prometía loitar nunca foron os grandes empresarios nin os fondos voitre. A verdadeira casta que o seu goberno decidiu esmagar é a clase traballadora con dereitos: obreiros que perden o seu emprego, pensionistas desamparados, familias que xa non poden alimentar aos seus fillos mentres desmantelan a sanidade e a educación públicas. A Milei só lle gusta a quen ten a barriga chea.
O fracaso que abre a porta
O verdadeiro perigo de personaxes mesiánicos coma Milei é que non xorden do nada. Son o resultado monstruoso do fracaso dunha falsa esquerda institucional que abandonou a rúa, que se dedicou á política de salón e que lle abriu as portas de par en par á extrema dereita. Cando un pobo se sente desprotexido e carece dunha vangarda organizada, é doado enganalo con discursos de odio e promesas baleiras.
Arxentina é hoxe unha lección dolorosa para toda a clase obreira mundial: amósanos o que ocorre cando un pobo perde a conciencia de clase. Sen conciencia colectiva nin organización sindical, dominámonos facilmente. A dolarización, a privatización de todo o público e a fin das axudas aos máis pobres non son «reformas», son unha máquina de xerar miseria que arrastra o país cara ao abismo.
O «PPVOX» en España: o mesmo guión.
Alberto Núñez Feijóo representa a continuidade do modelo privatizador que xa ensaiou en Galicia, camuflado baixo unha falsa aparencia de moderación xestora. Esa centralidade esboróase en canto se analiza a súa dependencia total dos sectores máis duros do seu partido e da extrema dereita para sosteren gobernos autonómicos e locais.
Isabel Díaz Ayuso é o ariete do neoliberalismo salvaxe, o motor ideolóxico da ala máis desacomplexada da dereita. A súa xestión en Madrid é o exemplo vivo do populismo identitario como cortina de fume: mentres axita discursos de confrontación permanente, executa o deterioro sistemático da sanidade, a educación e os servizos sociais públicos, entregando os recursos comúns a fondos voitre e grandes corporacións.
Santiago Abascal e VOX operan como a punta de lanza da reacción: a súa función é radicalizar o debate público, normalizar o discurso de odio e cuestionar os dereitos de minorías e mulleres. Ese extremismo non é anecdótico, serve para desviar a atención dos problemas materiais da xente e romper a conciencia de clase mediante o chovinismo.
O «PPVOX» non é un eslogan, é unha realidade material: regalos fiscais ás rendas máis altas, privatización encuberta da sanidade e a dependencia, e oposición frontal a calquera avance en dereitos laborais ou vivenda. O seu obxectivo non é gobernar para a cidadanía, senón blindar os privilexios das élites financeiras a costa de empobrecer a maioría social.
E Junts per Catalunya, que se presenta como oposición ao centralismo español, terá que explicar algún día como pretende sosteren no poder aos mesmos que aplicaron o artigo 155 e reprimiron o dereito de autodeterminación en Catalunya. VOX e PP comparten con Junts as mesmas políticas económicas antiobreiras; o que os separa é o modelo de Estado, non a defensa da clase traballadora, que en ningún dos tres casos existe.
A resposta é a organización.
Como nos lembraba Bertolt Brecht, non hai que confiarse nunca da derrota dun fascismo concreto, porque o ventre que o pariu segue fértil. O capitalismo sempre recorre ao fascismo como ferramenta represora cando o conflito social se achega, e o que máis teme a oligarquía en tempos de crise sistémica é unha clase traballadora consciente e organizada.
Non existe goberno capaz de resistir a paralización total dunha nación. Unha folga xeral, unha folga política consciente, cambia gobernos e derruba sistemas. Por iso a oligarquía precisa traidores nas nosas filas, e por iso a falsa esquerda socialdemócrata é tan útil para mantérmonos confundidos.
Fronte a Milei, fronte ao PPVOX, fronte a Trump, Netanyahu, Meloni, Bukele: a única alternativa real é a organización, a mobilización e a batalla nas rúas para recuperar cada dereito que nos queren arrebatar.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

