Milei en Arxentina. O prezo da mediocridade: cando un peón se cre rei
Javier Milei volveu ás andadas. Desta vez non lle abondou con chamar «ladrón», «corrupto» e «presidiario» ao presidente de Brasil, Lula da Silva. Foi máis lonxe, até a burla máis rastreira: mofarse do cancro que sofre un xefe de Estado, chamarlle «calvo» coma se iso fose o máis suave que lle quedaba no arsenal de insultos. E despois, por se quedaba algunha dúbida do seu nivel, replicou nas redes sociais a un congresista republicano que chamaba «porco» ao presidente brasileiro. Este é o nivel de estadista que temos como veciño: un home que confunde a diplomacia co patio dun colexio e que conseguiu, en poucos meses, provocar a maior crise bilateral entre Arxentina e Brasil das últimas catro décadas.
Brasil respondeu como corresponde: retirada de embaixador, redución do nivel de representación diplomática, un portazo con toda a razón do mundo. E Milei, en vez de rectificar, redobrou a aposta, orgulloso do seu papel de bufón ao servizo da extrema dereita internacional que tenta colocar a Flávio Bolsonaro no poder.
Pero velaquí a ironía que ningún libertario de manual quere mirar de fronte: o grande prexudicado desta crise non é Brasil. É Arxentina. Brasil é a grande potencia rexional, cunha diferenza abismal respecto ao resto do continente: unha economía tres veces maior cá arxentina, socio fundador dos BRICS, superávit comercial sostido durante dezasete meses seguidos, motor industrial e agroalimentario de referencia mundial. Arxentina, pola contra, depende de Brasil coma quen depende do aire: o 13% das súas exportacións e o 22% das súas importacións pasan por Brasil, e case o 40% das súas manufacturas industriais teñen a Brasil como destino. Para Brasil, en cambio, Arxentina é apenas unha cifra menor, un socio comercial marxinal fronte ao peso de China e Estados Unidos.
É dicir: Milei decidiu cuspir no prato do que come o seu propio pobo. Mentres Arxentina arrastra reservas internacionais negativas, un risco país disparado e unha dependencia estrutural do xigante veciño, o seu presidente dedícase a insultar coma un adolescente resentido ao líder do país que sostén boa parte do seu comercio exterior. Non é valentía, é irresponsabilidade histórica. Non é soberanía, é un tiro no propio pé multiplicado coma os pans e os peixes.
E non é casualidade. Milei fai exactamente o que Washington espera del. Trump xa o dixo sen pudor: prefire rodearse de «perdedores» que o fagan sentir superior, odia escoitar éxitos alleos. Ese é o molde que impuxo en toda Latinoamérica: Milei en Arxentina, mais tamén os seus equivalentes en Colombia, Ecuador, Honduras, Perú, Chile. Unha nova Operación Cóndor, desta vez sen necesidade de tanques, con embaixadas que ditan a política interior de repúblicas convertidas outra vez en patio traseiro. Abascal, Meloni, Bukele, Noboa, Feijóo, Ayuso: a mesma xenuflexión, a mesma lingua limpando botas alleas, a mesma entrega da dignidade dos pobos a cambio dunha palmadiña no lombo do imperio.
A clase traballadora arxentina non escolleu esta humillación. Págaa, coma sempre, quen non a provocou.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

