Os nenos, primeiras vítimas do Trumpismo.
Quen máis ten que temer o Trumpismo, o seu goberno de tarados e os seus aliados arrastrados son os nenos e as nenas. Nin os banqueiros, nin os xenerais, nin os magnates: os nenos.
Os inocentes, na mira.
Os nenos e nenas violados e abusados na illa do seu amigo, o pederasta e proxeneta Epstein. Os nenos e nenas asasinados en Gaza grazas ao apoio incondicional de Washington ao Estado xenocida de Israel. As nenas asasinadas no bombardeo dunha escola de educación primaria en Irán. Tres escenarios distintos, unha mesma lóxica: para Donald Trump e para todo o lixo que o arrodea e o aplaude, a infancia é prescindible.
A inversión moral do sistema.
Ulrike Marie Meinhof (1934-1976) deixouno escrito hai medio século, e soa hoxe máis actual ca entón: «Parece ser que o criminal non é lanzar bombas contra nenos, senón protestar contra esas bombas. O criminal non é condenar millóns de persoas á fame; o criminal é combatela. O criminal non son o terror e a tortura do Estado, senón defenderse diso».
Velaí o mundo ao revés que nos venden: condénase quen berra contra as bombas e branquéase quen as lanza.
A crise que paga a clase traballadora.
Non esquezamos, ademais, que desde a chegada de Trump ao poder vivimos nunha crise económica e xeoestratéxica constante e crecente. Os produtos básicos subiron non só nos Estados Unidos, senón na maior parte do mundo. E cando sobe o prezo dos produtos básicos, quen máis sofre é quen menos ten.
Os que tiñan pouco, pero aínda non eran pobres, caen na pobreza. Os que eran pobres caen na miseria. E os que xa estaban na miseria pasan fame ou morren de fame. Entre eles, sempre, os máis febles: os enfermos, os anciáns, os nenos.
Só lles importa o diñeiro.
A Trump e ao seu goberno, aliado doutros xenocidas como o goberno sionista de Netanyahu, non lles importa en absoluto. Que se extermine os máis febles, os que menos teñen, os nenos, os enfermos, os anciáns, tráelles sen coidado. O único que lles importa é o diñeiro.
Diante diso non cabe a neutralidade nin o silencio. Quen vive do seu traballo sabe de que lado está a dignidade. A solidariedade internacionalista cos pobos agredidos e a defensa da infancia son hoxe tarefas da clase traballadora.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

