O Estado do benestar que non chega a quen máis o necesita.
Por moito que algúns non o queiran ver, vivimos nunha sociedade onde quen non ten contorna familiar, nin rede de amizades, nin cultura, nin recursos; quen ten problemas ou é maior; en definitiva, a persoa máis desprotexida e desfavorecida, é a que máis pisan, da que máis abusan e á que menos axudan. Segue a funcionar así e non cambiou.
Un escudo social que só protexe a quen sabe buscalo.
Din que existe un escudo social para evitar a exclusión. Mais a realidade é que as poucas axudas que hai chegan a quen as coñece, a quen as sabe buscar, a quen ten un asesor, un amigo no concello ou un familiar que mira por el. Non chegan, moitas veces, ás persoas que máis as necesitan, porque o suposto Estado do benestar non fai o seu traballo: non busca as persoas que quedaron excluídas para axudalas a saír do burato. Se esas persoas non teñen alguén que as guíe, que as acompañe, que chame por elas, quedan completamente soas e afundidas, e o Estado non aparece. Nin cos progres nin, peor aínda, cos fachas.
A xustiza, como dicía Galeano, morde os descalzos.
Seguimos a vivir nun mundo onde ao can flaco todo son pulgas e onde, como dicía Galeano, a xustiza é como as serpes: só morde os descalzos. O forte abusa do débil sen problema; a xustiza é cara e quen non ten téñoo moi difícil para que lle fagan caso. Non é o mesmo poder pagar un bo avogado que ter que solicitar un de oficio. A Administración non te trata igual, a sociedade non te trata igual. Se non tes nada, non vales nada; e se tes moito, podes mercar o teu propio valor.
Anuncios, publicidade e votos.
Fixéronse moitas promesas e sacáronse moitas axudas que non chegan a onde deberían. Faise moita publicidade para a galería, anunciando proxectos, ideas, leis e plans que se quedan niso, en anuncios. E todo o que se queda en anuncio é publicidade, algo que fan os políticos para conseguir votos, non para que sexa útil. As axudas serán útiles cando cheguen a quen máis as necesita.
Axudas iguais para quen gaña 700 euros e para o neto de Amancio Ortega.
Non pode ser normal unha axuda que é a mesma para quen gaña 700 euros ao mes que para un neto de Amancio Ortega. Nin que un político no Parlamento, en Madrid, que cobra 5.000 euros ao mes, máis dietas e máis complementos, poida ademais acceder ao bono social da electricidade por ter familia numerosa. Iso non é xustiza social nin igualdade: é abuso social, pagado cos impostos de todos e todas, para seguir custeándolle as cousas a quen non as necesita e que, ademais, conta cun asesor que lle busca todas as axudiñas para que lle saian aínda máis gratis que a quen de verdade as precisa.
Facenda somos todos, ata que toca cobrar.
Mentres «Facenda somos todos» siga a ser un eslogan; mentres se esmague a quen menos ten; mentres as multinacionais se vaian de rositas e os grandes multimillonarios poidan manter débedas con Facenda, cando o pequeno currante non pode porque lle van directos á nómina; mentres a xustiza sexa para quen a poida pagar; mentres a Administración funcione con teléfonos onde che din que apretes un numeriño e nunca atopes o que necesitas, nin a ninguén que te entenda nin que sexa quen de empatizar; mentres todo funcione sen a menor empatía e coa maior distancia respecto dos problemas reais, dá igual quen estea no poder: a sociedade seguirá a ser inxusta. Seguirá a ser unha selva.
Sei o que é porque o vivín na miña propia carne.
Sei que cos que poden chegar ao poder, o PP e Vox, será moito peor. Mais tamén sei o que fan os que están agora, porque me tocou vivilo. Ao enfermar, o INSS recoñeceume unha incapacidade permanente total para o meu traballo habitual que me deixou nunha situación económica deplorable. Resulta que, ao ter menos de 55 anos, enténdese que cobrarei o 55 % do salario e que, a partir dos 55, cobrarei o 75 %. Supoño que cren que entón me fará máis falta, cando máis falta me faría agora, que teño fillos menores ao meu cargo. Pero aquí todo se mide polo diñeiro, e nalgún sitio tiñan que poñer a raia. Supoño que a partir dos 55 é máis doado que morra que agora, cos meus 52 anos. E mentres isto siga a funcionar así e a ninguén lle importe, que non veña ningún deles dicirme que lles importamos o máis mínimo.
A clase traballadora, ou se organiza ou non hai nada que facer.
A clase traballadora ou se organiza ela mesma, busca a solución aos seus problemas, defende os seus intereses e protexe os seus dereitos, ou non hai nada que facer. Que non conten connosco eses progres que veñen de salvadores, pero non saben como é a vida e están moi cómodos onde están, e moito menos a ultradereita e a dereita, que defenden os intereses do patrón, do amo, e para quen tampouco somos nada, porque nos consideran inferiores.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

