Infancia asasinada mentres os asasinos dan discursos na ONU
Hai cifras que deberían deter o mundo e, con todo, o mundo segue a xirar coma se nada. Máis de 64.000 nenos e nenas mortos ou feridos en dous anos de guerra. Máis de 20.000 menores asasinados desde outubro de 2023. Preto de 21.000 nenos discapacitados ou amputados. 56.000 orfos dun ou de ambos os proxenitores. Estes non son números: son a infancia enteira dun pobo, borrada a propósito, con precisión militar e sen unha soa pinga de vergoña por parte de quen a executa.
77 países víronlle as costas ao xenocida
Mentres o mundo enteiro coñece estas cifras, Netanyahu tivo a desfachatez de subir á tribuna da Asemblea Xeral da ONU. E o mundo, por unha vez, respondeu con algo parecido á dignidade: 77 delegacións abandonaron a sala antes de que o xenocida abrise a boca. O criminal, lonxe de entender a magnitude do rexeitamento, tivo o cinismo de chamar «covardes» a quen se negou a dignificar coa súa presenza o discurso dun carniceiro de nenos. España, pola súa banda, nin sequera acudiu á cita.
Esta é a lista da vergoña que el quixera borrar e que nós imos repetir todas as veces que faga falta, porque cada un destes países dixo cos pés o que moitos gobernos occidentais non se atreven a dicir coa boca:
Países árabes (18): Palestina, Xordania, Líbano, Iraq, Arabia Saudita, Catar, Kuwait, Omán, Iemen, Siria, Exipto, Sudán, Tunisia, Alxeria, Libia, Mauritania, Somalia e Comores.
Asia e Turquía (14): Turquía, Irán, Paquistán, Afganistán, Bangladesh, Indonesia, Malaisia, Brunei Darussalam, Maldivas, Myanmar, Corea do Norte, Turkmenistán, Uzbekistán e Kirguizistán.
África non árabe (20): Sudáfrica, Senegal, Xibuti, Angola, Congo, República Democrática do Congo, Liberia, Eritrea, Chad, República Centroafricana, Madagascar, Níxer, Botswana, Uganda, Lesoto, Esuatini, Guinea Ecuatorial, Mozambique, Namibia e Quenia.
América Latina e o Caribe (17): Nicaragua, Cuba, Brasil, Surinam, Panamá, Venezuela, Antigua e Barbuda, Belice, Barbados, Colombia, Dominica, Perú, Santa Lucía, Bahamas, Bolivia, Güiana e Chile.
Europa (6): Macedonia do Norte, San Marino, Eslovenia, Bosnia e Hercegovina, España e Irlanda.
Oceanía (2): Tuvalu e Tonga.
Setenta e sete países, de todos os continentes, do Sur Global e tamén de Europa, dixeron abondo. Fronte a eles, os Estados Unidos aplaudiron a Netanyahu cando mencionou a Trump, nunha imaxe que o di todo sobre quen sostén o verdugo. E o presidente palestino, Mahmud Abbas, nin sequera puido dar o seu propio discurso porque Washington lle vetou a entrada no país. Esa é a «democracia» e as «regras internacionais» que Occidente predica e nunca cumpre cando o crime o comete o seu aliado favorito.
Unha guerra contra os nenos.
UNICEF non tivo reparo en chamarlle a isto o que é: unha guerra contra os nenos. En poucos meses, Gaza rexistrou máis mortes infantís que calquera outro conflito do planeta en anos recentes. Máis dun neno morre cada hora, segundo Save the Children. Non hai eufemismo diplomático capaz de disfrazar esa cifra. Non hai «dano colateral» que a explique. É exterminio sistemático, e quen o permite, calando, é cómplice.
A fame como arma de guerra.
Máis de cen nenos e nenas morreron en Gaza exclusivamente por desnutrición e fame, consecuencia directa do bloqueo israelí que impide o paso da axuda humanitaria necesaria. Israel non só bombardea: tamén mata de fame, deliberadamente, unha poboación enteira, usando a comida como arma. Isto ten un nome no dereito internacional, e ese nome é crime de guerra. Pero o «exército con menos moral do mundo» nunca precisou xustificación xurídica para os seus crimes, só o silencio cómplice das potencias occidentais.
Corpos mutilados, infancias roubadas.
Milleiros de menores permanecen desaparecidos baixo os cascallos ou quedaron sen ningún referente familiar, o que fai imposible sequera contar con exactitude todas as vítimas. Arredor de 21.000 nenos e nenas quedaron discapacitados ou amputados como consecuencia directa dos ataques do exército israelí. Son corpos infantís que cargarán de por vida as marcas físicas dunha limpeza étnica que Occidente segue sen chamar polo seu nome.
Tortura a menores: a barbarie sen límites.
A ONU acusou o exército israelí de violar os dereitos da infancia a unha escala masiva e sen precedentes. Denunciáronse violacións e torturas contra menores, incluído o uso de cigarros para provocar queimaduras. Nenos liberados de centros de detención israelís relataron torturas físicas e psicolóxicas durante o seu cativerio. Isto non é unha guerra: é a tortura sistemática de criaturas, documentada por organismos internacionais, mentres os gobernos occidentais seguen a vender armas ao verdugo.
Shajareh Tayyebeh: o nome que non debemos esquecer.
Polo menos 180 nenas perderon a vida tras un bombardeo dos Estados Unidos contra o centro educativo Shajareh Tayyebeh. Tiñan entre 7 e 12 anos. Ían á escola. UNICEF e a ONU denunciaron a brutalidade do ataque, pero xa sabemos que as palabras de condena internacional, sen consecuencias reais, non valen nada fronte á impunidade de Israel e o seu principal patrocinador, os Estados Unidos.
Non fai falta agardar polos tribunais para condenar o xenocidio.
Estanse a documentar estes malos tratos para a súa posible oficialización como crimes de guerra. Está ben que se documenten, que quede constancia para a historia e para a xustiza futura. Pero sexamos claros: non precisamos que ningún tribunal internacional certifique o que xa sabemos cos nosos propios ollos. O xenocidio non agarda por papeis para ser xenocidio. E quen hoxe cala, quen hoxe segue a enviar armas, quen hoxe antepón os seus intereses xeoestratéxicos á vida dun só neno palestino, será xulgado pola historia coa mesma dureza que os verdugos aos que sostén.
A clase traballadora do mundo non pode mirar cara a outro lado. Palestina resistirá, como resistiu Vietnam, como resiste Cuba, porque a dignidade dun pobo non se bombardea nin se mata de fame. A nosa solidariedade internacionalista coa infancia palestina non pode ser só un lamento: ten que traducirse en boicot, en denuncia, en organización.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

