A hucha das pensións e a mentira do sistema quebrado.
Vox dío sen agochos: non cre no sistema público de pensións. E o Partido Popular, con máis coidado nas formas, xoga na mesma dirección. Falan de privatizar, de capitalización, de modelos como a mochila austríaca, e xustifícano cunha gran mentira: que o sistema está quebrado. Non o está. O que ocorre é que a unha minoría lle interesa que o pareza, porque unhas pensións públicas son un dereito e unhas pensións privadas son un negocio.
Quen baleirou a hucha.
Convén poñer sobre a mesa quen deixou case baleiro o Fondo de Reserva da Seguridade Social. Esa hucha existía porque durante anos houbo superávit: aforrárase e, en 2011, acumulaba máis de 66.000 millóns de euros. Con Mariano Rajoy foise gastando ata deixala practicamente a cero. A decisión foi política: cando os ingresos se afundiron polo paro e polos salarios baixos que trouxo a súa reforma laboral, o Goberno do PP optou por tirar do aforro en lugar de reforzar o financiamento do sistema. Despois viñeron dicirnos que non hai cartos.
Dúas formas de entender as pensións.
Hai dúas formas de entendelas. Unha é concibilas como un dereito: o de calquera cidadá ou cidadán a unha vellez digna, a unha vida digna e a unha morte digna. Un descanso ao final dunha vida de traballo, non na miseria absoluta, senón cunha certa comodidade. Se a vida é só sobrevivir, merece moito menos a pena ca se a vida é vivir.
A outra é a da dereita: un gasto que recortar.
Pagar o pato, outra vez.
Hai dúas formas de volver encher a hucha. A da dereita é baixar as pensións, igual que quere baixar os salarios, para que paguemos o pato os de sempre e os de sempre sexan aínda máis ricos. A fenda entre ricos e pobres non deixa de medrar e cada vez hai máis millonarios. A macroeconomía vai moi ben; o que vai mal é a microeconomía, a das nosas casas.
A outra forma é a que debemos ter os traballadores na cabeza: gañar máis. Un salario máis alto non só nos permite pagar a vivenda, chegar a fin de mes, alimentar a familia en condicións e ter algo de lecer. Tamén significa que, coa mesma porcentaxe de cotización, entra máis diñeiro para pagar mellores pensións. A maneira de ter mellores pensións é ter mellores salarios.
Non cotizas para a túa pensión.
Hai que lembrarlle a moita xente que, cando cotiza hoxe, non está a cotizar para a súa propia pensión: está a pagar as pensións actuais. Se non as melloramos, cando a esa persoa lle toque cobrar, dará igual que cotizase 30, 40 ou 50 anos. Se baixan as pensións, baixarán para todos. Por moito que te rompese o peito, por moito que votases á dereita.
Necesitamos salarios máis altos e máis xente traballando para soster o sistema. E iso é xustamente o que non quere a dereita. Por iso, o que non quere a dereita é o que debemos querer nós. Aquí cadaquén defende o seu. Nós debemos defender os nosos dereitos; eles, os oligarcas que dirixen a dereita, non defenden só os seus intereses, senón tamén os seus privilexios.
Que é a mochila austríaca.
Púxose en marcha en Austria en 2003 e, como explica o economista de Fedea José Ignacio Conde-Ruiz, substituíu as indemnizacións por despedimento. Cada traballador ten unha conta individual de capitalización á que a empresa achega unha pequena parte do seu salario bruto. Se o despiden, en lugar dunha indemnización, cobra o acumulado. Chámase «mochila» porque o fondo acompaña o traballador aínda que mude de emprego: se leva catro anos nunha empresa e o ficha outra, lévase o seu diñeiro.
E se nunca o despiden, ese diñeiro queda para a súa xubilación, como unha especie de fondo de pensións individual, xestionado por fondos públicos ou entidades financeiras que invisten mentres tanto. Aí está a clave: o diñeiro deixa de ser de todos e pasa a ser de cadaquén e de quen o xestione.
A mochila austríaca xa estaba escrita no seu programa de 2023.
Non falo dunha ocorrencia. No seu programa económico de 2023, o PP comprometíase a introducir «contas individuais portables» para os traballadores, que poderían usar ante diversas continxencias da súa vida laboral. É unha frase escueta e, precisamente por iso, inquieta: non di quen pon o diñeiro, canto nin que ocorre co que hoxe nos protexe. E a súa dirixente Cuca Gamarra foi máis clara no debate da reforma laboral, cando prometeu que o PP, con maioría absoluta, implantará a mochila austríaca.
Unha conta individual, por moi portable que sexa, é o contrario dun sistema común: o que vai á miña conta non serve para pagar as pensións de hoxe nin protexe o compañeiro que cobra menos ca min.
Que pasaría co despedimento.
Todas as voces coinciden en que a mochila austríaca, ou unha fórmula parecida, suporía unha reforma substancial do sistema de despedimento, aínda que o PP non deu detalles. En Austria chegou da man da eliminación das indemnizacións, e Antonio González, de Economistas Frente a la Crisis, subliña que Feijóo debería aclarar se quere o mesmo.
Hoxe, en España, a indemnización é de 33 días por ano traballado, cun máximo de 24 mensualidades, no despedimento improcedente (eran 45 días antes da reforma laboral do PP de 2012). É de 20 días por ano, cun máximo de 12 mensualidades, se o despedimento é procedente, e de 12 días por ano nos contratos temporais. Se desaparece calquera indemnización no momento de despedir, a empresa deixa de afrontar un custo ao facelo, e iso pode aumentar os despedimentos. É un dos principais riscos do modelo. E a indemnización que cobraría o traballador xa non sería unha sanción á empresa: sería o diñeiro do propio traballador.
A solución é repartir mellor.
A solución non é que os pobres sexan máis pobres, os anciáns teñan peores pensións e os traballadores, peores soldos. A solución é un reparto máis equitativo da riqueza, para que haxa mellores salarios e, con eles, mellores servizos públicos e mellores pensións.
Isto, a verdade, non é ningunha medida comunista. É unha medida de sentido común.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

