Che Guevara: o home que escolleu o lado correcto da historia.
Camaradas,
Hoxe, 9 de outubro, cúmprense cincuenta e nove anos do asasinato de Ernesto Guevara de la Serna na Higuera, Bolivia. Executouno o exército boliviano, ás ordes do ditador Barrientos e seguindo as directrices da CIA. Criron que matando o home mataban a idea. Equivocáronse, como sempre se equivoca o poder cando cre que unha verdade se pode matar cunha bala.
Cruzar a barricada.
Hai persoas que nacen ao outro lado da barricada e deciden cruzala. O Che naceu en Rosario, en 1928, nunha familia acomodada. Puido ser un médico de ricos, vivir ben e morrer vello e tranquilo. Escolleu mirar de fronte a miseria do mundo e poñerse do lado de quen a sofre.
Percorreu América Latina e viu os mineiros bolivianos, os campesiños guatemaltecos, o imperialismo yanqui derrubando gobernos que ousaban tocar os intereses das multinacionais. E entendeu o que moitos médicos non entenden: que non se cura o enfermo sen atacar a causa da enfermidade. Aquela enfermidade tiña nome: capitalismo e o seu brazo armado, o imperialismo.
Un cadro comunista, non un santo.
Cánsame ver o Che reducido a unha camiseta, a un póster de dormitorio, a unha marca. É lóxico que o sistema queira baleiralo: se a xente le o que pensaba e facía, a camiseta convértese en conciencia de clase.
O Che foi ministro de Industrias, presidente do Banco Nacional de Cuba, comandante e embaixador da Revolución no mundo. Instruíuse, teorizou e, o máis importante, participou na inmensa tarefa de construír o socialismo. Non foi un romántico nin un aventureiro, e tampouco un santo: foi un home, un fillo, un pai, un amigo, un comunista consecuente que viviu e morreu dando exemplo.
Cóbado con cóbado coa clase obreira.
O que máis me fala como sindicalista non é a imaxe do guerrilleiro con boina e fusil. É a do ministro baixando aos peiraos da Habana a traballar cos estibadores, ou xunto aos construtores nunha obra, compartindo criterio con obreiros, técnicos e profesionais. Iso non o fai ningún político dos que hoxe nos gobernan. Para o Che a clase obreira non era unha pose: era o motor da revolución e a súa razón de ser.
E é o contrario do que predica a dereita, que ve as traballadoras e traballadores como un custo a reducir e unha variable de axuste que disciplinar co medo ao despedimento. Hoxe VOX propón abrir os comercios 365 días ao ano para que as dependentas non teñan vida fóra do quenda. O PP abarata o despedimento para que o medo nos manteña calados. A ultradereita ataca os sindicatos para deixar o traballador só diante do patrón. Fronte ao individuo competitivo, consumidor e egoísta que o capital necesita, o Che apostaba polo home novo: solidario, consciente, comprometido coa súa comunidade.
Os seus erros tamén ensinan.
Sería deshonesto falar do Che sen falar das súas contradicións. Apostou en exceso polo foco guerrilleiro e non situou no centro o traballo paciente entre as masas. Bolivia foi a consecuencia traxica dese erro estratéxico, e un revolucionario honesto non pode ignoralo. Pero eses erros naceron da urxencia ante o sufrimento humano, dunha impaciencia que se comprende cando se ten diante tanta miseria. O que fai grande un revolucionario non é a ausencia de erros, senón a honestidade intelectual e o compromiso inquebrantable cos oprimidos.
A campaña de bulos.
Agora a dereita recupera o anticomunismo da guerra fría e a caza de bruxas. Aprietan de novo as porcas á clase traballadora e temen que se organice. Acusan o Che de machista, de homófobo, de asasino, e súmanse tamén algúns progres cargados de ignorancia.
Xulgar un personaxe histórico sen o seu contexto é infantilismo ou unha forma hipócrita de prostituír a historia. Chámanlle asasino polos fusilamentos da Cabaña. Pero quen foi xulgado alí eran torturadores e criminais do réxime de Batista, sinalados polas súas vítimas, polos seus familiares e por testemuñas. Como en calquera conflito bélico e en calquera saída dunha ditadura, aplicouse xustiza de excepción: coñeceuna a Francia liberada e aplicárona os tribunais aliados tras a Segunda Guerra Mundial. Iso é xustiza revolucionaria, non o asasinato de civís que practicaban outros, con bombas e golpes de Estado, a costa dos pobos. Que se fale entón do contexto completo. E dunha época na que a homofobia estaba institucionalizada en todo o mundo: en España, coa Lei de Perigosidade Social; nos Estados Unidos, con leis de sodomía e redadas policiais. En ningún país do planeta se recoñecían plenamente os dereitos das persoas homosexuais, e quen hoxe se indigna co Che calaba entón. Ningún mandatario daquela época aprobaría ese exame: case todos foron moito peores, e naquel mundo, o capitalista incluído, os dereitos das persoas LGTB eran simplemente pisoteados. Pero ninguén lle esixe contas a Eisenhower nin a Franco por iso. A acusación resérvase para un comunista, un heroe revolucionario, porque non poden atacar a súa coherencia nin a súa entrega, e úsase para desprestixialo mentres ao mundo capitalista da época nunca se lle retrata co mesmo rasero.
Pódese e débese debater sobre o Che, pero con rigor, non con consignas da guerra fría.
Coñecer a súa obra.
En 1997, con 23 anos, tiven a sorte de visitar a tumba do Che e dos seus compañeiros en Santa Clara. Para min era o exemplo do que quería ser, a guía do que debía ser un comunista. A día de hoxe sigo pensando o mesmo. E hai unha casualidade que me enche de orgullo: el naceu un 14 de xuño de 1928 e eu, un 14 de xuño de 1974.
Serei guevarista ata a morte, porque no meu pensamento revolucionario sempre houbo grandes doses de amor, certo romanticismo, fame de aventura, de saber e de medrar como persoa, e unha necesidade de loitar contra as inxustizas.
Por iso reivindico que se coñeza o Che máis alá do merchandising, a súa biografía pero sobre todo a súa obra. Moitos levan a súa camiseta. Pregúntome cantos o leron e cantos se esforzan cada día por seguir o seu exemplo.
O Che escolleu o seu lado da historia. Nós tamén temos que escoller.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

