Para frear a ultradereita, menos foto e máis xenerosidade
Camaradas,
Sen ideoloxía non hai proxecto.
A esquerda precisa xenerosidade e xente con ideoloxía que loite por unha sociedade máis xusta. O que non precisa son persoas que, como único proxecto político, teñen o de vivir da política: ir nas listas e saír na foto. Quen entra nisto para colocarse non suma, estorba. E quen leva anos no tajo, no sindicato, no barrio, na asemblea, sabe distinguir moi ben uns dos outros. E, diante dunha ultradereita que avanza, non nos podemos permitir figurantes.
O novo vello proxecto.
Agora mesmo hai máis xente que resta que xente que suma nese novo vello proxecto, con outro nome, a «Frente Amplia», pero coa mesma xente que afundiu a esquerda con SUMAR. Cambia a etiqueta, cambia o envoltorio, pero as caras e os costumes son os mesmos. E á clase traballadora non se a convence cambiando o nome da marca, senón con coherencia, traballo e presenza real nos centros de traballo e nas rúas.
Un liderado que escoite.
Sería bo un novo liderado que lle fixese caso á xente e non aos intereses de organizacións políticas, persoas e personaxes. Un liderado que mirase cara abaixo, cara a quen sostén todo isto, e non cara arriba, cara aos despachos e aos repartos de cadeiras. Sen humildade e sen escoita non se reconstrúe nada.
Respecto ás nacións sen Estado.
E sería aínda mellor que se puxesen de acordo para non se presentar en Galiza, Euskadi e Catalunya, onde non pintan nada e restan votos aos partidos nacionalistas de esquerdas que teñen posibilidades e apoio popular real. É unha cuestión de respecto democrático e de intelixencia política: se de verdade se quere avanzar, non se pode competir contra quen representa mellor a clase traballadora de cada pobo. Dividir aí o voto de esquerdas non é pluralidade, senón un regalo á dereita.
Pedirlle peras ao ulmeiro.
Pero é difícil pedirlle peras ao ulmeiro e patriotismo de clase aos oportunistas. Por iso, a tarefa segue a ser a de sempre: organizármonos desde abaixo, con ideoloxía, con xenerosidade e coa cabeza fría, sen agardar que nolo resolvan quen vive de que nada cambie.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

