Sacrificarse, non; arrastrarse, tampouco.
A festa dos de riba, a factura dos de baixo.
A macroeconomía vai coma un tiro. Os ricos son máis ricos, os bancos e as multinacionais presentan beneficios récord trimestre tras trimestre e, con todo, Feijóo sae a dicirnos que quen temos que facer sacrificios somos as traballadoras e os traballadores. Que temos que aguantar, mesmo traballar enfermos, e renunciar aos nosos dereitos para que a quen lle vai moi ben lle poida ir aínda mellor. Hai que ter cara.
Sacrificio? Para quen?.
Din desde o PP que a esquerda non sabe sacrificarse. Por eles, desde logo que non. Tampouco polos multimillonarios. Se hai que sacrificarse, que sexa polos nosos fillos e fillas, polas nosas familias, pola xente máis necesitada e indefensa. Pero non por especuladores, non por ladróns, non por quen quere facer das nosas vidas un negocio millonario.
Porque o que Feijóo chama sacrificarse ten outro nome: arrastrarse. Cando fala de sacrificio, refírese a que os de sempre renunciemos aos poucos dereitos que nos quedan e apertemos o cinto até que o embigo nos saia polas costas. Pretende que renunciemos mesmo á nosa dignidade polo ben dunha minoría que xa ten moito máis do que precisa.
Voitres, pegas e unha viaxe ao pasado.
A dereita defende os voitres carroñeiros e as pegas que acaparan a riqueza que debería ser de todas e todos. Son un paso máis cara á involución, cara a un pasado no que os traballadores valiamos menos que un saco de carbón. E ese pasado non é unha metáfora: coñecérono os nosos avós e non temos a menor intención de volver a el.
Milei, Abascal e o espello que non queren mirar.
O presidente arxentino, Javier Milei, anuncia que virá ao Estado español apoiar a campaña da dereita. Mentres tanto, un millón de arxentinos, ademais dos miles que xa viven aquí, tratan de arranxar os papeis para emigrar á «España socialcomunista», porque no seu país a fame aperta e quedaron sen dereitos, sen sanidade e sen futuro. Que alguén me explique que modelo venden quen fai que a xente fuxa del.
Santiago Abascal xa dixo que quere para España o mesmo que se fixo na Arxentina ou nos Estados Unidos. É dicir, quere o desastre económico para todos os traballadores, incluídos aqueles que hoxe se cren inmunes. Como pode un traballador, alguén que non é millonario, desexar vivir na Arxentina de Milei ou nos EUA de Trump? Non o sei. Que o estudien os sociólogos.
Veñen a por todo.
Cuestionan as pensións e falan de privatizar o sistema. Falan de privatizar a sanidade e a educación. Falan de despedimento libre, de despedimento gratis, de recortar os dereitos das traballadoras e dos traballadores e das minorías. Dinnos á cara que veñen a por todo e, aínda así, hai traballadores que lles van votar.
Custa entender como chegamos a esta situación, na que persoas perfectamente lúcidas votan contra os seus propios intereses por quen as despreza. Pero o que non custa nada é saber que facer: organizármonos, explicar, convencer porta a porta, centro de traballo a centro de traballo, e lembrarlle a cada compañeiro e compañeira que a dignidade nin se negocia nin se sacrifica.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

