Os que nunca colleron unha pa dannos leccións de absentismo
Abascal presume de representar a España que madruga. Un home que viviu sempre de cargos, fundacións e chiringuitos políticos, e que non sabe o que é fichar ás sete da mañá. O mesmo vale para Feijóo, para Ayuso, para Rueda e para calquera destes señores que non saberían por que lado se colle unha pa. E son precisamente eles os que falan de absentismo laboral.
Que saberán eles de traballar enfermos?
Que saberán de ter unha hernia, unha discopatía ou unha tendinite e seguir indo traballar? O máximo que fan para herniarse é erguerse do sillón. E, aínda así, temos un Feijóo que, en plena campaña electoral, deixou de dar mitins porque tiña unha picada nas costas e non podía falar. Para el, a dor propia xustifica parar. A da dependenta, a do repoñedor ou a do albanel coa columna destrozada, en cambio, non. Eses si poden traballar e, ademais, máis horas.
O bulo das baixas da fin de semana
Cóntannos que a maioría da xente colle a baixa os venres, os sábados ou os domingos. A ver: para coller unha baixa hai que ir á médica de cabeceira. En urxencias, o que che dan é un informe sobre o que che pasa e, con ese informe, tes que ir despois á túa médica de cabeceira do Sergas, que é quen che dá a baixa e quen che vai expedindo os partes de confirmación cada semana, cada quince días ou cada mes.
Eu fun a urxencias moitas veces e nunca, xamais, me deron a baixa alí. Como vas ir á túa médica de cabeceira un sábado ou un domingo se os centros de saúde están pechados? Ese argumento non se sostén desde a base. Se alguén quere venderlle ao mundo que as traballadoras e os traballadores somos uns caraduras, que amose os datos. Porque o gran caradura, o que lanza bulos e mentiras, é quen os difunde sen comprobar nada.
Falan de traballo sen coñecelo
Como van falar de faltas e de absentismo quen non falta ao traballo porque non traballa? Cobran un bo soldo por facer practicamente nada. Nin sequera preparan os discursos. Lembremos a Feijóo explicando que Orwell escribiu 1984 no ano 84. Se non es quen de documentarte sobre o que vas dicir, vasme dar leccións de esforzo? Vasmas dar ti, Abascal, que non dominas un só dato e cuxo repertorio se reduce a berrar «Viva España!» e a chamarlles «menas» a uns menores.
Respecto á clase traballadora
A personaxes como Abascal, Ayuso ou Feijóo esixiríailles respecto polas traballadoras e polos traballadores deste país. Non somos uns mangantes. Somos traballadores e traballamos máis horas ca en Alemaña, Francia, os Países Baixos ou Dinamarca, con salarios bastante peores. Os prezos disparáronse e os soldos devaluáronse, de xeito que á maioría non nos chega para vivir con dignidade. Máis horas por menos diñeiro ca nos países máis avanzados da Unión Europea: esas son as nosas condicións.
O despedimento xa é libre e barato
Para colmo, as institucións europeas levan tempo avisando de que os traballadores españois están desprotexidos ante o despedimento. O Consello de Europa, por exemplo, sinalou que a indemnización prevista na lexislación española é insuficiente. E, mentres tanto, Vox pide o despedimento libre e gratuíto, e o PP fala de facilitar un despedimento que, segundo eles, é demasiado caro.
É todo o contrario: despedir en España xa é moi barato, e conseguir a nulidade dun despedimento, aínda que teñas toda a razón, é complicadísimo, mesmo coa reforma deste Goberno «de progreso», que en tantas cousas non o é. Con eles será moito peor, porque a súa mensaxe é que xa temos demasiado: que o salario mínimo é alto, que temos demasiados dereitos. Nada máis lonxe da realidade.
Repartir a riqueza, non privatizala
Somos un país avanzado, un dos que máis medran, segundo o FMI e os organismos internacionais. Entón, o que toca é repartir esa riqueza para que a fenda entre ricos e pobres non sexa tan brutal e para que quen se está forrando achegue máis, de xeito que o Estado do benestar, as pensións, a educación e a sanidade non corran perigo.
Non se trata de privatizar os servizos públicos e poñelos en mans de quen só busca gañar cartos, convertendo as nosas vidas nun negocio.
Patriotas de verdade
Iso si é ser patriota: non da carteira, nin da pulseiriña, nin da bandeirola, senón do teu pobo. E iso é precisamente o que non son ningún destes.
Xa está ben de que nos falten ao respecto quen nunca traballou, de que nos chamen mangantes cando os mangantes son eles. Xa está ben de que nos digan que temos que traballar enfermos nunha sociedade avellentada, onde cada día hai máis traballadores maiores de cincuenta anos que se romperon as costas e o peito levantando este país.
Como van saber o que é vivir traballando enfermos quen nunca o fixo nin coñece a ninguén no seu contorno que tivese que facelo, porque todos eles se enriqueceron grazas á súa dedicación á política?
Deixemos de votar a quen nos insulta
Que futuro queremos para os nosos fillos? Cando se opoñen ao salario mínimo, cando piden o despedimento libre e cando falan de recortar dereitos, en que mercado laboral van traballar os nosos fillos?
Non somos de ferro. Nós tamén enfermaremos, tamén envelleceremos e, se non morremos antes, tamén teremos que xubilarnos e vivir dunha pensión.
Xa está ben de votar a quen nos insulta e ameaza os poucos dereitos que temos, así como o presente e o futuro dos nosos fillos e o noso propio. Comecemos a pensar en nós mesmos, a defender os nosos intereses e os nosos dereitos, e deixemos de confiar en mangantes que non saben o que é traballar e só saben faltarlle ao respecto á clase traballadora.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

