Francia naceu dunha revolución: cando o pobo avanza, treme o poder.
Os escandalizados de sempre
Hoxe son moitos os que se escandalizan polas protestas dos mozos franceses. Os mozos saíron á rúa a loitar contra a carestía da vida, porque non poden acceder a unha vivenda, porque non chegan a fin de mes e pola calidade da educación. Por todo iso. E resulta que o que escandaliza a algúns é o vandalismo, din eles. Fascistas, ultradereitistas, burgueses asustados e progres: todos unidos no mesmo escándalo contra a loita da mocidade francesa.
Centos de miles na rúa
O pasado 17 de outubro participaron nas protestas arredor de 550.000 persoas, segundo as autoridades, e arredor de 800.000, segundo os organizadores. Houbo polo menos 1.800 persoas detidas. Pero fíxense en como se conta: fálase das persoas detidas e non das 800.000 persoas que saíron berrar que así non se pode vivir.
O que piden os convocantes
Convén mirar que reclaman, que é precisamente o que menos se conta.
Os estudantes de secundaria, coa Unión Sindical Lycéenne (USL) á fronte, denuncian a falta de profesorado e de persoal, o mal estado dos liceos, as clases e os horarios sobrecargados e o estrés que xera Parcoursup, o sistema de acceso á universidade. Os sindicatos docentes e universitarios piden 250.000 prazas máis na universidade, a renovación dos edificios escolares e universitarios e a supresión dos criterios de selección de Parcoursup.
A xornada do 17 de outubro foi impulsada por antigos chalecos amarelos que protestan contra o encarecemento da vida, a inflación e a suba do prezo dos carburantes. Sumáronse a CGT, Solidaires, as marchas polo clima e a intersindical dos condutores de VTC. Educación, salarios, prezos: dereitos básicos, non caprichos.
Unha República nada da revolución
Pois convén lembrarlles que Francia, a República Francesa, naceu dunha revolución. Naceu coa toma da Bastilla e a liberación dos presos. Naceu coa queima dos pazos. Naceu coa guillotina para o rei e para a nobreza opresora. Aí naceu Francia.
A Marsellesa non é un himno calquera: é unha canción revolucionaria. Era o que cantaban os revolucionarios cando se enfrontaban ao poder da nobreza que os oprimía. Así que non veñan agora con historias. Francia é o que é hoxe grazas á Revolución Francesa.
O dereito a derrubar o que non responde
Poden escandalizarse canto queiran. Poden dar mostras da súa ignorancia e demostrar que non entenden que, cando un sistema non é quen de dar resposta ás necesidades da súa poboación, dos seus mozos e dos seus traballadores, esa poboación ten dereito a derrubalo. Porque o poder debe estar en mans do pobo, porque o pobo é quen máis ordena.
Cando o pobo se cansa
Cando os políticos non queren escoitar, cando as institucións non saben dar respostas e cando os poderosos queren acaparar riquezas e condenar o pobo á pobreza, chega un momento en que o pobo se cansa, pon pé en terra, planta os pés con firmeza e avanza. E cando o pobo avanza e toma as rúas, treme o poder. Treme.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

