O Partido por riba do capital: o que Xi Jinping lles dixo aos empresarios chineses
O que Xi lles dixo aos empresarios
O 17 de febreiro de 2025, Xi Jinping reuniu en Pequín os grandes empresarios privados de China: os responsables de Huawei, BYD e Xiaomi, así como os fundadores de Alibaba e Tencent. Era a primeira cita deste nivel desde 2018. Quen agardaba un cheque en branco para o capital quedou sen el. Xi garantiu protección á empresa privada, si, pero dentro dun marco que deixou moi claro: esa política forma parte do sistema socialista con características chinesas, e os seus principios non poden cambiar nin cambiarán. Aquí, onde os gobernos se axeonllan ante os mercados, convén fixarse no contraste.
O Partido dirixe, a lei protexe
Xi explicouno sen rodeos. É o Partido Comunista quen dirixe o pobo no desenvolvemento da economía socialista de mercado. O sector público consólidase sen vacilacións, mentres que o sector privado se alenta, se apoia e se guía. E a protección ten os seus límites: ampáranse os dereitos lexítimos, non as ganancias ilegais, e protéxese conforme á lei, sen «favores extralegais». China, lembrou, é un país socialista rexido pola lei, e ningunha forma de propiedade pode quedar á marxe dunha investigación se infrinxe esa lei.
A empresa, ao servizo do país
Aos empresarios pediulles que aliñasen o seu pensamento e a súa acción coas decisións económicas do Comité Central. Lembroulles que canto mellor é unha empresa, maior é a súa responsabilidade social: coidar das súas traballadoras e traballadores e fomentar relacións laborais harmoniosas, non buscar o desenvolvemento a costa de contaminar, colaborar en obras de interese público e dar un paso á fronte cando a patria o precise, sobre todo en tempos de crise. E rematou pedíndolles que empregasen a súa prosperidade para promover a prosperidade común.
Prosperidade común fronte á oligarquía
Non é unha ocorrencia de última hora. En agosto de 2021, Xi defendeu que China debe optar pola prosperidade común e non por un crecemento sen límites, porque este xera unha desigualdade excesiva. Esa política asociouse á regulación dos ingresos excesivos e á oposición á expansión desordenada do capital. Segundo a revista Qiushi, Xi chegou a dicir que a prosperidade común non é só unha cuestión económica, senón tamén un asunto político de primeiro nivel que atinxe á base do poder do Partido. Alibaba e Tencent anunciaron achegas de miles de millóns de dólares a esa causa.
Unha década de melloras sociais
Falemos de resultados, con cifras oficiais. Entre 2012 e 2020, 98,99 millóns de persoas do medio rural saíron da pobreza extrema, e os 832 concellos e as 128.000 aldeas que figuraban como pobres deixaron de estar incluídos nesa categoría. Nese período construíronse ou melloráronse 1,1 millóns de quilómetros de estradas rurais; máis do 98 % das aldeas pobres teñen hoxe fibra óptica e cobertura 4G, e máis de 25 millóns de persoas viron renovadas as súas vivendas en ruínas. China deu o obxectivo por cumprido en febreiro de 2021, dez anos antes do prazo da Axenda 2030 da ONU.
A protección social medrou á par. En 2020, o seguro médico básico cubría 1.360 millóns de persoas, o 95 % da poboación, e os seguros de desemprego e de accidentes de traballo daban cobertura a 217 e 268 millóns de traballadoras e traballadores, respectivamente. A pensión básica cubría máis de 1.070 millóns de persoas en 2024. Entre 2012 e 2021, a renda dispoñible per cápita subiu un 112,8 %, e a renda rural medrou máis rapidamente ca a urbana (un 125,7 % fronte a un 96,5 %), de xeito que se reduciu a fenda entre o campo e a cidade. Ademais, no seu discurso de 2025, Xi esixiu que se puxese fin aos impagos ás empresas privadas e que estas cumprisen coa obriga de pagar os salarios das súas traballadoras e traballadores.
Máis anos de vida
A esperanza de vida alcanzou os 79 anos en 2024, 1,1 anos máis ca en 2020, segundo a Comisión Nacional de Saúde. En 1960 roldaba os 44 anos. En 2024, a mortalidade infantil baixou a 4,0 por cada 1.000 nacementos e a mortalidade materna, a 14,3 por cada 100.000 nacementos, ambas as dúas en mínimos históricos. Ademais, oito rexións de nivel provincial superan xa os 80 anos de esperanza de vida. O obxectivo oficial é chegar a uns 80 anos en 2030. O gasto sanitario total representou o 6,7 % do PIB en 2024.
Sanidade e educación: o público manda, pero hai mercado
Sexamos rigorosos, porque a verdade non precisa adornos. Na sanidade, a cobertura básica articúlase mediante un seguro social público que alcanza o 95 % da poboación. A rede hospitalaria é mixta, aínda que a atención está dominada polo sector público: en 2021, os hospitais públicos concentraron o 84,2 % das consultas externas e o 81,4 % dos ingresos, ademais de arredor do 70 % das camas hospitalarias. Os hospitais privados son máis numerosos (24.766 fronte a 11.804), pero moito máis pequenos, e a súa cota de consultas aumentou do 9,1 % en 2011 ao 15,8 % en 2021.
No ámbito educativo, o ensino obrigatorio de nove anos, dos 6 aos 15, está financiado polo Estado, que se comprometeu a ofrecelo de balde. Impártese tanto en escolas públicas como en centros privados sen ánimo de lucro. Desde 2021, a política oficial busca que as escolas públicas sigan sendo as principais provedoras deste ensino: en teoría, non se autorizan novas escolas privadas na etapa obrigatoria. A matrícula en centros privados de primaria representa o 6,4 % do total (2024). En cambio, en educación infantil, o 57 % da nenez acode a centros privados, fronte a un terzo de media na OCDE.
Pola súa banda, servizos básicos como a electricidade e as telecomunicacións están en mans de grandes empresas estatais, como State Grid, China Mobile, China Telecom e China Unicom.
Que é público, que é mixto e que é privado
Non existe unha lista legal única e pechada. O que hai son directrices da Comisión de Supervisión e Administración de Activos do Estado (SASAC) e listas de acceso ao mercado que se foron axustando cos anos. Na práctica, hai tres chanzos.
Primeiro, os sectores estratéxicos. En 2006, a SASAC fixou sete sectores nos que o Estado debía manter o «control absoluto»: armamento, xeración e distribución de electricidade, petróleo e petroquímica, telecomunicacións, carbón, aviación civil e transporte marítimo. Nos sectores da electricidade, o petróleo, o gas, as telecomunicacións e o armamento, o Estado debe ser propietario único ou maioritario; no carbón, na aviación civil e no transporte marítimo, debe conservar unha participación de control.
Segundo, os sectores «pilares», nos que o Estado orienta o desenvolvemento e a propiedade é, en boa medida, mixta: automoción, química, construción, electrónica, maquinaria e equipamento, metais non ferrosos, prospección, aceiro e tecnoloxía.
Terceiro, os sectores competitivos, como o turismo, o sector inmobiliario, a manufactura xeral, a agricultura, a industria farmacéutica, os servizos profesionais e o comercio. Nestes ámbitos, o Estado debe reducir a súa presenza e as empresas privadas poden operar en condicións de igualdade.
Desde 2013, a reforma da propiedade mixta permite abrir empresas públicas ao capital privado. En 2018, máis do 70 % das empresas centrais e o 88 % das provinciais dos sectores competitivos xa emprenderan este proceso, e permítese que o capital privado teña unha participación de control nalgunhas delas. Aínda así, preto do 80 % dos activos das empresas centrais seguía concentrado no petróleo, na petroquímica, na electricidade, no armamento, nas telecomunicacións e na minería.
Como regra xeral, a lista negativa de acceso ao mercado de 2025 establece que todo o que non figure nela está aberto, en condicións de igualdade, ás empresas públicas, privadas e estranxeiras. As empresas privadas representan máis do 92 % do total de empresas do país.
O que eu defendo
Aquí quero deixar clara a miña posición, sen medias tintas. Os sectores básicos e estratéxicos, así como todos aqueles dos que depende a cidadanía para vivir, deben estar totalmente en mans do Estado, e o capital privado non debe intervir neles en absoluto.
O capital privado busca un beneficio económico, e é lóxico que o busque, porque para iso existe. Precisamente por iso, a súa entrada en sectores tan sensibles supón un perigo: cando o que está en xogo é a enerxía, as comunicacións, a sanidade ou a educación, non se pode supeditar a vida da xente a unha conta de resultados.
Nisto, eu iría máis lonxe ca o modelo chinés, que admite capital privado nos sectores «pilares» e abre algunhas empresas públicas á propiedade mixta. Pero que China manteña o control estatal do petróleo, da electricidade ou das telecomunicacións, e que o Partido deixe claro que o capital non está por riba do pobo, apunta na dirección correcta.
A idade de xubilación
Hai un dato que convén coñecer e que non vou agochar: desde o 1 de xaneiro de 2025, China está a elevar gradualmente, ao longo de 15 anos, a idade legal de xubilación, algo que non se facía desde hai décadas. Os homes pasarán dos 60 aos 63 anos; as mulleres, dos 55 aos 58 anos nos postos administrativos e técnicos, e dos 50 aos 55 anos nos traballos manuais. O período mínimo de cotización subirá de 15 a 20 anos.
Quen cumpra ese mínimo poderá xubilarse até tres anos antes da nova idade legal, pero nunca antes da idade que rexía anteriormente. O punto de partida é unha idade de xubilación moi baixa: a esperanza de vida alcanzou os 78,6 anos en 2023, e a idade legal de xubilación chinesa figuraba entre as máis baixas do mundo, por debaixo da do Xapón (65 anos) ou da de Corea do Sur (63 anos). Proxeccións de institucións estatais chinesas advertían de que o principal fondo de pensións se esgotaría cara a 2035 se non se acometía unha reforma. A medida non estivo exenta de debate entre a poboación.
Dous modelos, unha pregunta
Mentres en China o capital privado ten que render contas ante o Partido e ante a lei, aquí os fondos voitre especulan coa vivenda, as portas xiratorias colocan políticos nos consellos de administración e a dereita lexisla ao ditado dos grandes poderes económicos. Cadaquén pode sacar as súas propias conclusións sobre quen manda de verdade en cada lugar.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

