O candidato da vergoña foxe aos brazos do seu amo
Catro días. É o que lle durou a Flávio Bolsonaro a épica do «rescate do Brasil». O domingo 25 de outubro perdeu as eleccións fronte a Lula e, o luns, a Policía Federal notificoulle a orde do Supremo: entregar os pasaportes. O martes, cando venceu o prazo, xa estaba fóra do país. Así é a ultradereita: moita bandeira, moita patria e moito Deus ata que chega a hora de responder ante a xustiza.
A fuga
Segundo as autoridades arxentinas, Flávio Bolsonaro, a súa muller e as súas fillas entraron pola ponte internacional Tancredo Neves, en Misiones, e desde alí puxeron rumbo aos Estados Unidos. Sen pasaporte brasileiro, claro, pero co italiano que obtivo en 2023 e que a xustiza brasileira non pode anular. O ministro Guilherme Boulos confirmou a fuxida e Lula cualificouna de «vergoñenta». Nin un comunicado de dignidade nin unha explicación ao pobo ao que lle pedía o voto: un cruzamento de fronteira de madrugada.
Unha familia, un negocio
O seu pai, Jair Bolsonaro, cumpre unha condena de 27 anos por tentar un golpe de Estado. O seu irmán Eduardo, condenado a catro anos e dous meses por presionar desde Washington a xustiza brasileira, ten unha orde de arresto e vive en Texas. E Flávio está a ser investigado polo Supremo por un presunto delito de branqueo de capitais vinculado, segundo a prensa, ao negocio das apostas en liña. Di que é persecución política. Será a primeira vez que un perseguido foxe en plena noite en lugar de dar a cara e defenderse ante os tribunais do seu país. Prófugo da xustiza e presunto delincuente: a xente honrada non se esconde.
O amo no norte
Os Bolsonaro levan anos ofrecéndolle o Brasil a Donald Trump: as súas presións, os seus aranceis, a súa riqueza mineral. Agora, segundo Bloomberg, a Casa Branca estuda concederlles visados e asilo político. É o círculo completo: quen se axeonlla ante o imperio recibe refuxio do imperio. Trump, Milei, Netanyahu e compañía representan o patrón dunha internacional reaccionaria que predica patriotismo mentres vende a soberanía ao mellor postor e se protexe mutuamente fronte aos tribunais dos seus propios países.
O que fai o pobo
Mentres eles foxen, as traballadoras e os traballadores do Brasil quedan, como sempre. Quedan para construír o país, defender a democracia que o bolsonarismo intentou asaltar o 8 de xaneiro e apoiar a Lula fronte á presión exterior. Iso é patriotismo de verdade: non o das bandeiras no balcón, senón o de quen non abandona a súa xente cando veñen mal dadas.
Aos xuíces brasileiros tócalles agora impedir que a fuxida se converta en impunidade. A nós, desde Galiza e desde calquera recanto do mundo, tócanos denunciar a ultradereita e a súa internacional do cinismo, e tender a man a quen resiste no Brasil.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

