Do Alvia á dana: a dobre vara de medir dun PP que esixe o que nunca deu

Publicado:

Noticias populares

Do Alvia á dana: a dobre vara de medir dun PP que esixe o que nunca deu

Hai unha semana, un AVE estrelábase contra un Iryo detido en Urda e deixaba decenas de mortos sobre as vías da alta velocidade. Vinte e catro horas despois, Núñez Feijóo xa esixía «responsabilidades políticas». Sen agardar pola investigación oficial, sen agardar a que arrefriasen os corpos. Quen hoxe corre a pedir cabezas é o mesmo que, cando lle tocou a el, se escondeu detrás dun maquinista.

Angrois: oitenta mortos e ningunha responsabilidade política.

O accidente ferroviario máis grave da democracia española non foi o de Adamuz nin é o de Urda. Foi o de Angrois, en Compostela, en xullo de 2013: oitenta persoas mortas nunha liña de alta velocidade. Á fronte da Xunta estaba Alberto Núñez Feijóo; en Fomento, Ana Pastor. Quen asumiu responsabilidades políticas? Ninguén. O PP sinalou como único culpable o maquinista por tomar a curva a unha velocidade excesiva e calou o esencial: que existira unha decisión política de desactivar o sistema de seguridade ERTMS.

Ese mesmo Feijóo rexeitou ata en tres ocasións que o Parlamento de Galicia abrise unha investigación política. Hoxe anuncia comisións no Senado con xesto grave. Daquela vetábaas. E as vítimas, ademais, tiveron que aturar que se lles impedise a entrada á súa propia homenaxe. Tampouco no Congreso se investigou: a ministra compareceu semanas despois, en comisión e non no Pleno, sen recoñecer un só erro. Só cando o PP perdeu a maioría absoluta se abriu a investigación parlamentaria, presidida, que ironía, pola propia Ana Pastor. En 2018, as vítimas pedíronlle que non «engadise máis dor». Cinco anos de silencio e aínda houbo que suplicar.

Mazón: un ano de escudo e complicidade.

A dana de Valencia levou por diante máis de duascentas persoas. Mentres tanto, o presidente da Generalitat pasaba horas illado nun reservado de El Ventorro, e o PP sabíao. Sabía a que hora se pagara a factura que atesouraba Génova. Sabía cando chegara realmente ao Cecopi. Sabía que mentira. E, aínda así, Feijóo sostívoo durante todo un ano; a noite mesma da traxedia aconselláballe por WhatsApp levar «a iniciativa da comunicación», que «é a clave». Non a verdade, non as vítimas: a comunicación. Só a presión popular, a rúa, acabou coa resistencia de Mazón. Non caeu pola conciencia do PP, senón pola mobilización do pobo.

O metro de Valencia, o Yak-42 e o Prestige: o mesmo guión.

Non é unha anomalía, senón un método. En Valencia, o metro descarrilou ao dobre da velocidade permitida por un erro de deseño nas balizas, e morreron corenta e tres persoas. Gobernaba o PP tanto no Concello como na Generalitat. Camps nunca recibiu as vítimas; Cotino chegou a ofrecer postos na Administración a familiares a cambio de que non se persoasen na causa; Canal 9 converteuse en altofalante da versión oficial. Fixo falta que o PP saíse do Govern, dez anos despois, para que as Cortes investigasen. Foron condenados catro directivos ferroviarios. Ningún político.

En 2003, o Yak-42: sesenta e dous militares españois mortos en Turquía, nun avión subcontratado e en mal estado, cos restos mortais mesturados e repartidos ao chou entre as familias. O Consello de Estado responsabilizou o Goberno en 2017. Cal foi o resultado? Tres mandos militares foron condenados, dous deles indultados. A Trillo, lonxe de lle pedir contas, Rajoy premiouno coa embaixada en Londres. E, no caso do Prestige, Rajoy falaba de «fíos de plastilina» mentres a costa galega se cubría de chapapote. Foi o pobo, mediante a autoxestión cidadá, quen limpou o que as administracións abandonaron.

Quen goberna para o capital non rende contas ante o pobo.

Sempre o mesmo patrón: buscar un culpable por debaixo, nunca no cadro de mandos político. Un maquinista, un operario, un mando intermedio. A responsabilidade descárgase cara abaixo e os privilexios repártense cara arriba. É o que ocorre cando se privatiza, se subcontrata e se recorta en seguridade: a vida de quen viaxa, traballa ou vive no territorio vale menos ca a conta de resultados.

Eu non pido que se cale ante o ocorrido en Urda. Pido que se investigue ata o final, con independencia e sen cortinas de fume, e que as vítimas e as súas familias estean no centro. Pero quen esixe hoxe unha dimisión en vinte e catro horas debería explicar por que en Angrois, en Valencia ou no caso de Mazón pasaron anos, houbo un Parlamento vetado e unha fila de vítimas pedindo que non se lles engadise máis dor. A memoria das vítimas non é munición de campaña: é un deber.

Hai que lembrar e hai que esixir, tamén a quen agora se viste de fiscal.

 

Até a vitoria sempre!

 

André Abeledo Fernández

DEJA UN COMENTARIO (si eres fascista, oportunista, revisionista, liberal, maleducado, trol o extraterrestre, no pierdas tiempo; tu mensaje no se publicará)

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Últimas noticias

Estados Unidos ni paga traidores ni cumple su palabra

Estados Unidos ni paga traidores ni cumple su palabra.  Hay una lección que el imperio repite siglo tras siglo y...

Le puede interesar: