A xuventude que nos vai pasar por riba (e que ben que o faga)
Pensamos en analóxico nun mundo dixital
Somos moi vellos para entender o poder real das redes sociais e dos influencers. Pensamos en analóxico nun mundo que xa é dixital, e iso ten consecuencias. Hai unha batalla enorme que se está a librar en canles que non dominamos e ás que nin as organizacións políticas nin os sindicatos tradicionais están sabendo chegar. Nin entendemos nin nos adaptamos. E a historia non adoita esperar por quen se queda atrás.
O que vin durante a folga xeral.
Na folga xeral vin moita xuventude antifascista. Mocidade que non cre nas organizacións tradicionais e, sinceramente, non llo podo reprochar. Non son da súa xeración e os nosos erros, as nosas derrotas e as nosas claudicacións están aí para quen queira velos. Pero, por sorte, está a nacer unha xeración nova que pasa de todo iso e comeza a andar o seu propio camiño.
Están a nacer novas organizacións xuvenís, novos movementos e, supoño, tamén se están a reformular algúns dos que xa existían. Están a empezar a pensar que modelo de sociedade queren. E, ben mirado, é un modelo moi parecido ao que buscabamos nós cando eramos novos. A diferenza é que eles o miran desde outro momento histórico, con outras ferramentas e con outro xeito de relacionarse. Os que xa temos unha idade —eu teño 52 anos— non estamos aí. Non o entendemos. E é normal: o mesmo lles pasou aos nosos pais e aos nosos avós.
Ser novo e non ser revolucionario.
Dicía Salvador Allende que ser novo e non ser revolucionario é unha contradición ata fisiolóxica. Eu penso que é así. E penso tamén que nos equivocamos moito cando demos por feito que a xuventude era facha ou de ultradereita. Non o é. A maioría non o é. Moitos pensan por si mesmos, respectan as diferenzas, non son homófobos, nin racistas nin xenófobos. Son antifascistas e están dispostos a loitar por unha sociedade nova.
E hai algo máis: non están afeitos a axeonllarse ante ninguén. Non queren volver aos tempos en que se traballaba polo que o empresario quixese dar e había que tragar con calquera humillación. Os nosos avós e bisavós estaban de xeonllos e tiveron que loitar para erguerse. Agora o sistema ten que axeonllar a unha xente que non está afeita a iso e que non quere. Se teñen que defenderse, defenderanse. Se teñen que organizarse, organizaranse.
Pobre empresario, que non atopa xente á que explotar.
Cada pouco temos o mesmo cantar: empresarios que din que non atopan traballadores porque a xente prefire vivir das paguiñas. Ademais de ser mentira, habería que preguntarse que salario de miseria ofrecen para que alguén prefira vivir debaixo dunha ponte antes que traballar con eles. Porque ese é o fondo da cuestión.
A xuventude non está disposta a deixarse explotar. É unha xuventude con dignidade. E claro, pobre empresario explotador, que non atopa vermes dispostos a arrastrarse. Pois ben, que se vaian afacendo: os vermes quedaron na casa dos nosos avós e os seus netos non van volver a ese lugar.
Facemos moi mal en menosprezalos.
Faríamos moi mal en menosprezar esta xuventude. E faríamos moi mal en non entender que o mundo cambiou, en rirnos dese novo xeito de relacionarse, de internet, das redes e de canles que non comprendemos ben. Se as organizacións tradicionais non espertan, esta xeración vainos pasar por riba. E non me parece nada malo. Ao contrario: paréceme positivo que a nova xeración colla as rendas. Hai xente demasiado oxidada, demasiado acomodada, que esqueceu que para cambiar as cousas primeiro hai que querer facelo.
As rodas da historia.
Alégrome moito do que vexo e do que escoito. Cando falo cos meus fillos, cando vexo a rapazada nas rúas, sinto que non todo está perdido. Aqueles que fomos derrotados temos detrás unha xeración disposta a seguir a loita, porque estas son as rodas da historia: unhas veces estás arriba e outras, abaixo. Agora queren volver pisarnos, e teño confianza en que esta xuventude será quen de enfrontarse ao inimigo que vén.
E nós, que?.
Tampouco nos podemos quedar na casa. Os que aínda mantemos os ideais temos que estar aí para o que eles precisen. Para iso son os nosos fillos e os nosos netos: a xeración do futuro. Non fomos quen de construír unha sociedade mellor; fomos unha xeración que perdeu dereitos xa conquistados. Cando menos, temos a obriga de axudar a que non se perdan máis e de estar con eles en primeira liña para recuperar todo o que nos teñen roubado.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

