Gaza versus Ucraína: a diferenza entre un xenocidio e unha guerra, en cifras.
Hai números que non precisan adxectivos. Poñemos unhas ao carón das outras as cifras de Gaza e de Ucraína, as das fontes oficiais e as dos organismos internacionais, e deixamos que falen. Todas son terribles, porque calquera guerra é unha traxedia humana. Pero non todas as mortes responden á mesma lóxica.
Os nenos, o primeiro termómetro.
En Ucraína, desde febreiro de 2022, a ONU (OHCHR) verificou 820 nenos mortos e 3.126 feridos. Son 820 vidas truncadas que nunca deberían terse perdido.
En Gaza, desde outubro de 2023, as cifras oficiais indican que o exército israelí matou máis de 21.000 nenos e deixou uns 44.500 feridos ata principios de abril de 2026. UNICEF eleva o cómputo a máis de 64.000 nenos mortos ou feridos, incluídos uns 300 falecidos nos 300 días posteriores ao alto o fogo de outubro de 2025. É dicir, máis de 25 veces o número de nenos mortos en Ucraína e máis de 14 veces o de feridos, nun territorio que cabe nun puñado de comarcas galegas e en menos tempo.
Os civís: dúas guerras, dúas lóxicas.
A ONU verificou en Ucraína polo menos 16.874 civís mortos e 51.273 feridos.
O Ministerio de Saúde de Gaza cifra os mortos en 74.645 e os feridos en 175.978, segundo os datos máis recentes, do 10 de novembro de 2026. As mulleres e os nenos representan aproximadamente a metade das vítimas. Desde o alto o fogo de outubro de 2025 contabilízanse uns 1.600 mortos máis, e aínda quedan vítimas baixo os cascallos sen recuperar. Un alto o fogo no que se segue a matar.
Quen morre nunha guerra e quen morre nun exterminio.
Nunha guerra, a maioría dos mortos son os que combaten. En Ucraína, Zelenski falou en febreiro de 2026 de 55.000 soldados mortos, segundo as cifras oficiais, mentres que o CSIS estadounidense calcula entre 125.000 e 150.000 mortos en combate ata xuño de 2026. Do lado ruso, Mediazona e a BBC confirmaron, con nomes e apelidos, uns 283.000 militares mortos, e os servizos británicos estiman a cifra en uns 500.000. Os exércitos, os que decidiron ou acataron a guerra, poñen a inmensa maioría dos mortos.
En Gaza, o exército israelí recoñece 970 mortos entre soldados, reservistas e axentes de seguridade desde o 7 de outubro, 472 deles durante a ofensiva terrestre e 85 por lume amigo ou accidentes (o Ministerio de Defensa eleva a cifra a 1.152 con outro método de cómputo). Fronte a iso, máis de 74.000 palestinos mortos: uns 77 por cada militar israelí caído, segundo as cifras do propio exército.
Israel afirma ter matado máis de 24.000 combatentes en Gaza. Porén, unha investigación de +972 Magazine e The Guardian, baseada en datos da intelixencia militar israelí, sinala que, en maio de 2025, esa mesma intelixencia só contabilizaba 8.900 combatentes de Hamás e da Xihad Islámica como mortos ou probables mortos. Israel rexeita esa interpretación. Aínda así, mesmo aceptando a súa cifra máis alta, queda unha cantidade enorme de mortos que non empuñaban un fusil.
O que din os xuristas.
O xenocidio consiste na comisión de determinados actos coa intención de destruír, total ou parcialmente, un grupo nacional, étnico, racial ou relixioso. Non é unha cuestión de verbas groseiras: é unha categoría xurídica, e cada vez máis voces con autoridade para facelo aplícana a Gaza.
En setembro de 2025, a Comisión de Investigación da ONU concluíu que Israel é responsable de xenocidio en Gaza, tras constatar catro dos cinco actos xenocidas recollidos na Convención de 1948 e unha intención de destruír os palestinos da Franxa. Un centenar de penalistas españois do Grupo de Estudos de Política Criminal denunciaron crimes de guerra, de lesa humanidade e de xenocidio, e reclaman a España e á Unión Europea que se personen nos procesos penais internacionais e rompan as relacións comerciais e diplomáticas con Israel. O caso de Suráfrica segue aberto ante a Corte Internacional de Xustiza, e a propia Fiscalía española abriu unha investigación.
Israel rexeita todas estas conclusións. Que o faga non as borra, e os xuristas que as subscriben non son precisamente propagandistas. Quen siga poñendo en dúbida o que mostran as cifras e o que din os expertos será lembrado pola historia como cómplice.
A diferenza non é de grao, é de natureza.
Nunha guerra, por brutal que sexa, o obxectivo principal non son os civís e moito menos os nenos: morren pola lóxica criminal do conflito, polos bombardeos e polo desprezo ás leis da guerra. Nun xenocidio, o obxectivo é a aniquilación dun pobo, o seu exterminio, e por iso os nenos, que son o seu futuro, e os civís, que son a súa substancia, non son un «dano colateral», senón a diana.
As cifras falan por si soas. O que non pode facer ninguén con dignidade é seguir mirando para outro lado.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

