Advertino: a falsa esquerda abriulle a porta á ultradereita
Advertino, e non me alegra nada ter acertado. Esta noite do 29 de novembro, co escrutinio avanzado, PP e Vox suman a maioría absoluta. Feijóo e Abascal xa reparten o país como quen reparte un botín. E hai que dicilo claro desde o primeiro minuto: sería Sumar, ou como queira que se chame esta semana, quen remataría abríndolle as portas á ultradereita. Así foi. Sen a complicidade da falsa esquerda, isto non tería sido posible. ¡Maldit@s traidor@s!
Unha responsabilidade que non se lava con auga
A falsa esquerda, con Yolanda Díaz e os seus á fronte, e as cúpulas de CCOO e UGT teñen unha responsabilidade política ineludible. Desmobilizaron a xente, desactivaron a resposta social na rúa e nos centros de traballo e traizoaron a clase traballadora a cambio de fotos, mesas de diálogo e acordos de salón. Cando había que plantar cara, pediron calma. Cando había que organizar, pediron paciencia. Cando había que mobilizar, asinaron.
O seu papel foi decisivo para lle aplanar o camiño á ultradereita. Que non pretendan agora lavaren as mans coma Pilatos nin botarlle toda a culpa ao votante. Tamén son responsables. E sábeno.
Acábanselles os nomes, non as ganas de montar historias
Sumar cambiou de nome por enésima vez e agora chámase Frente Amplio. Cambian de nome, si, pero convén preguntarse por que precisan facelo tantas veces. O envoltorio cámbiase cando o produto xa non se vende. E repetir os mesmos erros con outra etiqueta non vai dar mellores resultados.
O certo é que, máis que sumar, restaron. Acábanselles os nomes, pero non as ganas de seguir montando historias. O curioso é que sempre as montan os mesmos: cambian de etiqueta para seguir sendo exactamente o mesmo.
Sumar, por chamarse Sumar, non sumou nada. Unidas Podemos, por chamarse Unidas, non uniu a ninguén. E Frente Amplio, por chamarse así, non se vai ampliar.
Unha axencia de colocación con siglas de esquerda
A esquerda debería unirse arredor de ideais, dunha ideoloxía e dun programa de clase para cambiar de verdade as cousas. En cambio, isto converteuse nunha axencia de colocación onde a mesma xente, unha e outra vez, se arranxa para non deixar de pisar moqueta, para non erguerse do cadeirón, para seguir cobrando un salario máis que digno e para non ter que volver a un mercado laboral bastante máis incerto e duro que quedar aí dicindo cousas que despois nunca se cumpren.
Dígoo como traballador do comercio desde hai máis de dezaoito anos e como delegado sindical. Aí abaixo, onde se madruga para repoñer lineais, onde a prima é a cenoria que case nunca se alcanza e onde unha baixa se paga con medo, non se ven os seus discursos por ningures. Vense as súas nóminas, iso si, cada vez que saen na prensa.
Creo que boa parte da culpa da debilidade actual da esquerda tena estes chiringuitos montados por catro sinvergonzas, que o único que conseguiron foi debilitala cada vez máis.
Coma Atila: por onde pasa o seu cabalo non volve medrar a herba
Foron coma Atila: por onde pasou o seu cabalo, non volveu medrar a herba. E agora, coma se ademais botasen sal na terra, chámanlle Frente Amplio. Antes foi Sumar, antes Unidas Podemos e así sucesivamente, sempre co mesmo obxectivo: colocar a súa xente en cargos con bos salarios e poñerse ao servizo do poder.
Tanto ten o nome que lle poñan se son os mesmos catro de sempre os que montan o tinglado. A etiqueta cambia; o reparto de cadeiras, non.
Abaixo seguimos igual
Porque esa foi a realidade: os que estamos de verdade abaixo, a clase traballadora, non melloramos gran cousa a nosa situación. E ese é o problema de fondo. A xente está frustrada, a xente está cansa, a xente non chega a fin de mes. Paga alugueiros imposibles, traballa máis horas por menos diñeiro e escoita como lle prometen o ceo cada catro anos.
Cando quen di representarte non te defende, o cabreo busca outra saída. E a ultradereita, que vive da rabia allea, sempre está agardando na porta cun discurso de odio listo para recoller o que a falsa esquerda deixou tirado.
Con PP e Vox, todo será peor
Que ninguén me malinterprete: coa ultradereita, con Vox e co PP, todo será aínda peor. Despedimentos máis baratos, mutuas que dan a alta a traballadores enfermos, pensións en mans da banca, sanidade e educación esnaquizadas para o negocio privado e o odio ao migrante como cortina de fume. Vímolo na Arxentina con Milei e verémolo aquí.
Pero precisamente por iso a traizón é máis grave. Porque sabían o que viña e preferiron coidar o cadeirón antes que organizar a xente para frealo.
Reconstruír unha esquerda de verdade. Pero sen eles
Que deixen de tomarnos o pelo dunha vez. A esquerda non se reconstrúe con outro logotipo nin con outro acto de presentación cheo das mesmas caras. Reconstrúese desde abaixo: nos centros de traballo, nos barrios, nos sindicatos que non se venden, con ideoloxía, con organización e con conciencia de clase.
A ver se, entre todos, somos capaces de reconstruír unha esquerda de verdade.
Pero sen eles.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

