O Parlamento non é unha igrexa
É difícil entender —ou quizais non tanto— a presenza do Papa León XIV no Parlamento español. E non, o problema non é unicamente protocolario nin diplomático. O problema é político, profundamente político.
Porque aínda que León XIV sexa formalmente o xefe de Estado da Cidade do Vaticano, sería inxenuo obviar que é, ante todo, o máximo líder da Igrexa Católica. Un dirixente relixioso. O representante dunha confesión concreta que basea a súa doutrina nun dogma de fe e na crenza de que a Biblia representa a palabra de Deus. E iso, nunha democracia moderna que se di plural, debería marcar límites moi claros.
Un Parlamento non é unha catedral. Non é un espazo para cerimonias relixiosas nin para a exaltación simbólica dunha fe determinada. É —ou debería ser— o lugar onde se representa a soberanía popular dunha sociedade diversa e plural, onde conviven crentes e non crentes, católicos, musulmáns, ateos, agnósticos e persoas de múltiples sensibilidades ideolóxicas e espirituais. Precisamente por iso, a separación entre relixión e Estado non é un capricho anticlerical, senón unha garantía democrática básica.
Permitir que un líder relixioso interveña no corazón institucional do Estado é un acto de involución política e social. Unha nova demostración de que en España o laicismo segue a ser unha materia pendente e de que o famoso “goberno máis progresista da historia” ten de esquerda bastante pouco e de sistémico absolutamente todo.
Porque do PSOE xa ninguén espera nada. Hai décadas que abandonou calquera pretensión transformadora para converterse nunha peza máis da engrenaxe do réxime. Pero o verdadeiramente decepcionante volve ser o papel de quen aínda intenta venderse como esquerda alternativa mentres compite desesperadamente por saír na foto e aparentar institucionalidade.
Vímolo con Yolanda Díaz visitando ao Papa no Vaticano nunha escena coidadosamente deseñada para o márketing político e volvémolo ver agora coa presenza compracente de SUMAR neste novo espectáculo institucional. Moito discurso republicano, moito feminismo de escaparate e moita estética progresista, pero cando chega a hora de defender principios básicos como a separación entre Igrexa e Estado, desaparece toda coherencia.
A esquerda que renuncia ao laicismo remata renunciando tamén á transformación social. Porque non se trata só de relixión; trátase de que poderes seguen condicionando a vida política e cultural dun país. E en España a Igrexa Católica continúa gozando de privilexios económicos, fiscais, educativos e simbólicos incompatibles cunha democracia verdadeiramente avanzada.
Por iso resulta tan importante destacar a coherencia de quen si decidiu non participar deste circo político-relixioso. Tanto o BNG como Podemos entenderon que non correspondía lexitimar nin a intervención papal no Parlamento nin a imaxe vergoñenta dunha misa no hemiciclo onde debería representarse unicamente a vontade popular e non ningunha fe concreta.
E esa coherencia, aínda que hoxe pareza excepcional, debería ser o normal.
O sucedido estes días retrata perfectamente o nivel da política institucional actual: política de subsolo, política do postureo, política baleira de principios onde importa máis a fotografía, o titular e a estética do momento que manter posicións ideolóxicas sólidas e coherentes.
Mentres tanto, os problemas reais da clase traballadora seguen aí. Vivenda imposible, salarios precarios, privatizacións, mocidade sen futuro e unha extrema dereita medrando ao calor da frustración social. Pero a prioridade do espectáculo institucional parece ser converter o Parlamento nun escenario cerimonial para maior gloria dos poderes tradicionais.
E logo aínda se preguntan por que tanta xente xa non cre nesta falsa esquerda institucional.
André Abeledo Fernández

