As concentracións do PP nos concellos por Ceuta: covardía, oportunismo e ningún apoio real aos ceutís
Camaradas:
A Federación Española de Municipios e Provincias, controlada polo Partido Popular, convocou concentracións en todos os concellos de España «por Ceuta». Hai que dicilo sen rodeos desde o primeiro parágrafo: isto non é apoio a Ceuta, nin moito menos unha resposta seria a nada. É unha convocatoria política, deseñada polo e para o Partido Popular, que non busca solución ningunha, nin para os ceutís nin para ninguén. Busca unicamente rédito electoral, e búscao a costa do sufrimento de dous colectivos á vez: o da poboación ceutí, utilizada como coartada, e o dos migrantes, convertidos en diana.
Feijóo e os seus falan de «invasión». Que quede claro: unha invasión é armada. O que estamos a ver en Ceuta non é un exército que cruza unha fronteira, senón xente desesperada que foxe da miseria e dunha ditadura satrápica, a do réxime marroquí, que utiliza os seus propios cidadáns como munición política. Marrocos abre a valla cando lle convén presionar o Estado español e Europa, e péchaa cando lle convén o contrario. Os que morren no intento, e son moitos, non son invasores: son vítimas dunha chantaxe xeopolítica orquestrada desde Rabat, coa bendición de Washington e de Tel Aviv.
Porque non nos enganemos sobre quen está detrás. O réxime marroquí é hoxe un réxime aliñado sen disimulo co trumpismo e co sionismo israelí. E fronte a iso, que fai a dereita española? Nada. Non é quen de facer fronte a Donald Trump cando o seu contorno insinúa que Ceuta e Melilla son «territorio en disputa» entre España e Marrocos, seguindo a mesma lóxica imperial que no seu día impulsou a Marcha Verde con Kissinger e Hassan II para arrebatar o Sáhara Occidental ao seu pobo.
Tampouco é quen de facer fronte a Israel, cuxo contorno máis próximo —o propio fillo de Netanyahu— chegou a reclamar que Ceuta e Melilla «non son territorio español». Silencio total. Aí está a man que move o berce, e nin Feijóo nin ninguén da súa corda se atreve sequera a nomeala.
Iso é covardía absoluta: non se atreven a enfrontarse a quen de verdade ten poder e move os fíos, e por iso descargan toda a súa furia sobre quen non pode defenderse. Atacar o civil, atacar o migrante que só intentou entrar en España e en Europa fuxindo dunha ditadura satrápica en busca dunha vida mellor, non é firmeza: é a forma máis covarde e miserable de facer política.
E que non veña o PP darnos leccións de firmeza. Cando defendeu o Partido Popular o Sáhara Occidental? Nunca. É verdade que o PSOE e o actual Goberno tamén traizoaron esa causa, pero o PP non ten ningunha autoridade moral para sinalar a ninguén: fixo exactamente o mesmo cando gobernou, cunha sumisión absoluta ante Rabat.
Agora ráchanse as vestiduras dicindo que o Goberno «non defende as fronteiras», coma se eles, nalgún momento da súa historia, tivesen feito algo distinto.
Estas concentracións non buscan defender nada. Buscan avivar o racismo, sementar odio contra os máis débiles e enfrontar o pobo traballador contra quen foxe da fame, en lugar de sinalar a quen de verdade organiza a espoliación: o capital, as ditaduras satélite do imperialismo e os gobernos que utilizan os pobres como arma arroxadiza.
É a vella táctica fascista: buscar un inimigo interno fabricado para tapar a ausencia total de proxecto. A Feijóo válelle todo con tal de arañar votos, e Abascal e Vox non fan máis que lamberlle as botas a Trump e a Netanyahu, bailarlles a auga, aplaudir as súas ocorrencias e actuar como vendepatrias, que é o único que realmente saben facer. Porque para esta xente a única patria de verdade é a conta corrente.
Ningunha persoa cun mínimo de humanidade e sentido común debería achegarse a esas concentracións. Son actos racistas e xenófobos, de raíz neofascista, que non serven para nada máis que para sementar bulos, mentiras e violencia.
A solidariedade de clase non entende de fronteiras impostas por quen nos explota: entende de dignidade. E a dignidade non se defende con concentracións de odio; deféndese facendo fronte a quen de verdade oprime, dentro e fóra das nosas fronteiras.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

