CEUTA NON É RACISTA: OS VOITRES QUE SOBREVOAN A TRAXEDIA SI QUE O SON
Camaradas:
Hai que dicilo con toda claridade: Ceuta non é racista. Ceuta é unha cidade que vive un drama humano e que merece solidariedade, non que a utilicen como escaparate para o odio. Os racistas de sempre, eses que aparecen cada vez que hai unha desgraza, coma voitres que cheiran a carroña ou coma moscas que se alimentan do esterco, están a tentar aproveitar o sufrimento alleo para sementar o seu discurso de sempre: o medo, a mentira e o odio cara a quen chega de fóra.
Aí está a flotilla dos pijofachas, esa expedición marítima de nenos ben con bandeiras e consignas que se presenta como «apoio a Ceuta» e que, en realidade, non é máis ca un decorado para a propaganda racista. Aí están as concentracións convocadas supostamente para mostrar solidariedade coa cidade, onde se corearon consignas racistas e fascistas que nada teñen que ver con axudar a ninguén e todo con reafirmar un discurso de exclusión e de odio ao diferente. Non enganan a ninguén: non van a Ceuta para abrazar as vítimas; van a Ceuta para facer campaña sobre os seus cadáveres simbólicos.
E isto non é novo, camaradas. É un patrón que se repite cada vez que ocorre unha desgraza neste país. Pasou coa DANA de Valencia, cando, en lugar de arrimar o ombreiro para axudar a quen o perdera todo, a ultradereita dedicouse a sementar bulos sobre inmigrantes saqueadores e a repartir odio nas redes sociais mentres a xente buscaba os seus mortos entre a lama. Pasou durante a pandemia da COVID-19, cando, mentres milleiros de persoas morrían soas en hospitais colapsados, esa mesma caverna mediática e política vendía teorías conspirativas e sementaba desconfianza cara ás vacinas e cara á ciencia. Pasou co apagón e pasou cos incendios: cada catástrofe, cada traxedia, cada dor colectiva convértese en materia prima para as súas mentiras.
Son sambesugas que precisan sangue fresco das vítimas para nutrir o seu discurso, porque non teñen nin empatía, nin ética, nin patriotismo, nin honra. Todo vale cando o único que importa é a rendibilidade política e económica do medo.
E nesa tarefa de sementar odio non están sós: teñen o seu propio megáfono na caverna mediática española. Aí está o que foi cazador de pantasmas na televisión e que agora dirixe un programa onde invita as pantasmas da ultradereita a vomitar a súa diarrea mental disfrazada de debate, dándolles altofalante e respectabilidade a discursos que deberían quedar na cloaca de onde saen.
Aí está Ana Rosa Quintana, a mesma que protagonizou un dos escándalos de plaxio literario máis sonados deste país cando se descubriu que a súa novela «Sabor a hiel» copiaba parágrafos enteiros doutras autoras, e que hoxe dedica boa parte do seu discurso televisivo a defender a propiedade privada e o negocio inmobiliario mentres xestiona decenas de pisos turísticos; a mesma que clama contra a okupación dende a comodidade de quen especula coa vivenda coma negocio.
E detrás deles, toda a caverna mediática de fachas e oportunistas que sobrevoa cada desgraza deste país buscando audiencia, cota de pantalla e rédito político, sen que lles trema o pulso nin a conciencia.
Fronte a isto, camaradas, a resposta da clase traballadora non pode ser outra que a denuncia, sen complexos, desta instrumentalización miserable da dor allea. Ceuta non precisa bandeiras de opereta nin flotillas de postureo racista. Precisa solidariedade real, políticas migratorias humanas e memoria para non esquecer quen converte cada traxedia nun negocio de odio.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

