CEUTA: O CIRCO DOS HORRORES DA DEREITA ESPAÑOLA
Camaradas:
Pedro Sánchez fixo unha pregunta que debería avergoñar a toda a dereita española e que, en troques, serviu para retratala en toda a súa miseria moral: que terían feito eles en Ceuta? Disparar sobre persoas desarmadas e indefensas? Asasinar homes, mulleres e nenos que foxen da fame, da guerra ou da ruína que o propio capitalismo europeo sementou nos seus países de orixe? Esa é a pregunta que ningún dos próceres da dereita e da ultradereita foi quen de responder con algo que non sexa vergonza allea.
E a resposta que recibimos é de traca. Alberto Núñez Feijóo, o home gris que aspira a gobernar España sen ter unha soa idea propia sobre nada, estivo á altura do seu baleiro habitual: «Eu tería ido de vacacións». Ese é o nivel da principal alternativa de goberno que nos ofrece o réxime do 78: a fuxida, a indiferenza, a política como ausencia. Non é só unha frase ridícula; é unha confesión. Feijóo non ten proxecto de país porque non o precisa: o seu papel histórico é administrar os intereses da patronal e da Igrexa galega, non xestionar unha fronteira nin, moito menos, mirar de fronte o sufrimento humano.
Pero se Feijóo dá vergonza, Santiago Abascal dá directamente noxo. O mesmo que nunca pisou un cuartel porque se acolleu a todas as prórrogas posibles para librarse da mili, o mesmo que hoxe se enche a boca de «Viva España» e «a min a Lexión» coma quen recita un catecismo aprendido de memoria, é o que pretende darnos leccións de patriotismo. Un patriotismo de opereta, iso si, que se disolve en canto hai que render contas ante os verdadeiros amos aos que serve: Donald Trump e Benjamín Netanyahu. Abascal non defende España; defende os intereses xeopolíticos de Washington e de Tel Aviv disfrazados de bandeira roiba e amarela. É o lacaio perfecto: berra «patria» mentres executa a axenda doutros.
O que se xoga en Ceuta non é un problema de «seguridade fronteiriza», como nos queren vender; é a consecuencia directa dunha orde mundial que o imperialismo occidental —con España como peza subalterna, pero cómplice— construíu a base de saqueo, guerras e acordos espurios con réximes coma o de Marrocos, sempre disposto a utilizar as persoas migrantes como moeda de cambio xeopolítico. A dereita e a ultradereita non teñen resposta ante isto porque a súa única resposta posible sería recoñecer que o problema é o capitalismo global e as súas fronteiras armadas, e iso, evidentemente, nunca o van dicir.
E convén dicilo alto e claro, aínda que á dereita española lle trema a voz: numerosos analistas sinalan que detrás do que está a ocorrer en Ceuta non son alleos os intereses dos Estados Unidos e de Israel, da CIA e do Mossad. A satrapía monárquica marroquí, unha ditadura disfrazada de reino, conta co respaldo aberto da Administración de Donald Trump e do Goberno de Netanyahu. Non é unha sospeita antollada: un comité do Congreso estadounidense chegou a incorporar nun documento oficial a reivindicación marroquí sobre Ceuta e Melilla, describíndoas como cidades «administradas por España», pero situadas en «territorio marroquí», mentres congresistas republicanos afíns a Trump e think tanks proisraelís empuxan abertamente para que Washington recoñeza esas cidades como territorio ocupado. Non fai falta ser un experto en xeopolítica para atar cabos: o mesmo Trump que recoñeceu a soberanía marroquí sobre o Sáhara Occidental ocupado a cambio de que Marrocos normalizase as relacións con Israel é quen agora deixa que os seus aliados cuestionen a soberanía española.
E non esquezamos tampouco quen espiou ao propio Pedro Sánchez e aos principais líderes europeos: o programa Pegasus, co que se interviñeron os seus teléfonos, é de fabricación israelí. O mesmo Estado que hoxe cala mentres Marrocos presiona España coa chegada masiva de migrantes a Ceuta é o que dispón de tecnoloxía de espionaxe infiltrada nos despachos dos nosos propios gobernantes.
Tampouco se pode pasar por alto o historial de declaracións que deberían ter provocado unha crise diplomática. Yair Netanyahu, fillo do primeiro ministro israelí, animou publicamente en Twitter a árabes e musulmáns a «liberar» Ceuta e Melilla coma se de territorios ocupados se tratase, nunha clara provocación cara a España. E non foi unha anécdota illada: en plena ofensiva israelí sobre Gaza, un voceiro militar israelí chegou a xustificar o asasinato de nenos palestinos fronte aos usuarios españois cunha frase que debería perseguir a quen a pronunciou o resto da súa vida: que eles mataban rápido e sen dor, e que España, en cambio, deixaba morrer de fame. A obscenidade de comparar o xenocidio coa pobreza estrutural española só pode saír de quen leva anos deshumanizando a infancia palestina.
E fronte a todo isto, que fai a dereita española? Silencio. Un silencio covarde e cómplice. Nin Feijóo nin Abascal dedicaron unha soa palabra a denunciar o papel dos Estados Unidos e de Israel no respaldo a Marrocos, nin as declaracións que poñen en entredito a soberanía territorial española. O seu patriotismo de bandeira e himno evapórase en canto hai que sinalar aos seus verdadeiros amos.
Isto non é novo, camaradas. Xa en 1975 foi a CIA a que estivo detrás da Marcha Verde, coa que Marrocos ocupou ilegalmente o Sáhara Occidental cando aínda era territorio español, aproveitando a debilidade do franquismo agonizante e os intereses da Guerra Fría para consolidar a Hassan II como aliado de Washington fronte aos movementos de liberación nacional apoiados pola URSS e Alxeria. Medio século despois, o guión repítese con Ceuta e Melilla: o imperialismo estadounidense e o sionismo israelí utilizan a monarquía alauí coma ariete contra a soberanía española cando convén aos seus intereses xeoestratéxicos.
E hai algo que convén poñer sobre a mesa sen medias tintas: os marroquís que foxen do seu país non o fan por gusto nin por capricho. Fano porque en Marrocos hai opresión, abusos policiais e xudiciais, unha monarquía que reprime calquera disidencia, unha pobreza extrema que condena a millóns de persoas á exclusión e unha absoluta falta de futuro para a súa mocidade. Marrocos non é unha democracia homologable, por moito que os Estados Unidos e Israel o apadriñen e o branqueen como socio estratéxico. É unha monarquía autoritaria que persegue xornalistas, encarcera activistas e mantén o seu pobo sometido, mentres as súas elites fan negocios con Washington e Tel Aviv a conta da soberanía dos seus veciños. Quen foxe de Marrocos non foxe da prosperidade; foxe da miseria e do autoritarismo que esa mesma alianza xeopolítica sostén e protexe.
Fronte ao circo dos horrores que nos ofrecen Feijóo e Abascal, a clase traballadora non pode quedar mirando. Non hai vacacións posibles ante o sufrimento humano, nin patriotismo de pega que valla cando se serve a potencias estranxeiras e se cala ante quen manobra contra a soberanía nacional. A solidariedade internacionalista, a denuncia do racismo institucional, a esixencia de que se investigue o papel de Washington e Tel Aviv nesta crise e a loita contra as políticas migratorias asasinas da Unión Europea son as únicas respostas dignas ante esta traxedia.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

