Iraq, Libia e Siria: o manual da destrución de Estados
Tres países, tres pretextos e un mesmo resultado. Dixéronnos que Iraq agochaba armas de destrución masiva, que en Libia había que protexer a poboación civil e que en Siria se trataba dunha revolución democrática. Os pretextos cambian, pero as ruínas parécense demasiado. Cómpre contar esta historia sen as versións edulcoradas dos grandes medios, porque quen non entende como se destrúe un Estado non entende como van intentar destruír o seguinte.
Ninguén idealiza a ninguén.
Nin Sadam Huseín, nin Muamar Gadafi, nin Bashar al-Asad foron demócratas de manual, e non fai falta agochalo. Pero a pregunta nunca foi se eran gobernos perfectos. A pregunta é quen decide o destino dun pobo: a súa xente ou as chancelerías de Washington, Londres e París. E a resposta, unha vez máis, dérona os bombardeiros.
Iraq: a mentira que custou centos de miles de vidas.
Iraq xa viña desangrado polas sancións dos anos noventa cando, en 2003, Estados Unidos e Gran Bretaña o invadiron sen autorización do Consello de Seguridade, co pretexto dunhas armas de destrución masiva que nunca apareceron. Centos de miles de mortos, segundo as estimacións, e millóns de desprazados. E unha decisión criminal e intelixente á vez: disolver o exército e a administración do Estado e botar á rúa centos de miles de homes armados, sen traballo e cheos de resentimento. Daquela insurxencia e dos cárceres da ocupación saíron cadros do futuro Estado Islámico, que en 2014 tomou Mosul e proclamou o seu califato. Mentres tanto, as grandes petroleiras occidentais volvían facer negocio no país. Ninguén foi xulgado pola mentira.
Libia: protexer a poboación civil para derrubar un goberno.
En 2011, o Consello de Seguridade autorizou unha zona de exclusión aérea para protexer a poboación civil. A OTAN converteuna nunha guerra de cambio de réxime: meses de bombardeos ata que Gadafi foi capturado e asasinado en outubro. Libia tiña o maior índice de desenvolvemento humano de África, sanidade e educación gratuítas e as maiores reservas de petróleo do continente. Hoxe é un país fracturado entre gobernos rivais e milicias, con mercados onde se vende a migrantes como escravos. E cunha lección que se leu en todas as capitais do mundo: Libia renunciara en 2003 ao seu programa de armas de destrución masiva e, en 2011, bombardearona igualmente.
Siria: da «revolución» á toma de Damasco.
O conflito comezou en marzo de 2011 e, desde o primeiro momento, non foi unha guerra só de sirios. Estados Unidos, Turquía e as monarquías do Golfo armaron e financiaron a oposición armada, e daquela mestura foron xurdindo os grupos xihadistas: a Fronte al-Nusra, filial de Al Qaeda, e o Estado Islámico. Rusia e Irán apoiaron o Goberno de Damasco. En decembro de 2024 caeu Asad, e quen entrou en Damasco foi Hayat Tahrir al-Sham, herdeira de Al Nusra, dirixida por Ahmed al-Sharaa, o antigo Abu Mohamed al-Xolani, un home que formou parte de Al Qaeda e por cuxa cabeza Washington chegou a ofrecer dez millóns de dólares.
Mirade o que pasou desde entón. A prensa occidental converteu o xihadista en «rebelde», despois en «opositor» e hoxe en presidente de transición. Retiráronlle a recompensa, quitáronlle a etiqueta de terrorista e, o pasado 24 de agosto, Estados Unidos sacou Siria da súa lista de Estados patrocinadores do terrorismo e levantou as sancións que lle quedaban. Mentres tanto, a Constitución segue suspendida, non hai eleccións, o Parlamento está en boa parte nomeado a dedo, en 2025 houbo matanzas de civís alauís e drusos, e Israel lanzou centos de incursións e bombardeos e ocupa territorio do sur do país. Este é o proceso de esperanza que nos vendían: un Estado desmantelado e un pobo sen soberanía.
O patrón.
Fixádevos no guión. Elíxese o país que non se axeonlla, ponse un pretexto (armas, dereitos humanos, democracia), aplícanselle sancións, ármase a quen o combata, bombardease se fai falta e, cando cae, repártense os recursos. Petróleo, gas, terras estratéxicas e contratos de reconstrución. E as consecuencias páganas sempre os mesmos: as mulleres, os nenos e a clase traballadora. Os que din combater o terrorismo islamista apoiáronse nel, ou toleraron que medrase, cada vez que lles conviña para derrubar un goberno incómodo.
A memoria que nos toca defender.
Por iso non nos serve a amnesia. Iraq, Libia e Siria non son o pasado. Son o aviso do que queren para Cuba, para Venezuela e para calquera pobo que reclame soberanía sobre os seus recursos. Os pobos teñen dereito a decidir o seu destino sen tutelas nin bombas, e teñen dereito a defenderse. A tarefa da clase traballadora internacional é non mercar o relato, desmontar o pretexto antes de que caian as bombas e defender a solidariedade entre os pobos fronte ao imperio e aos seus satélites.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

