O fascismo no Estado español: un xenocidio de clase que non se pode maquillar
Un xenocidio ideolóxico e de clase.
O fascismo, ou falanxismo, en España significou un xenocidio ideolóxico e de clase. Foron asasinados e torturados homes, mulleres e nenos inocentes. Foi un castigo a quen defendeu a legalidade vixente, a quen se atreveu a soñar cun mundo mellor, a pensar e a cuestionar os privilexios da oligarquía. Non foi un exceso nin un erro: foi un proxecto para esmagar o pobo traballador e devolverlle o poder a quen nunca o quixo soltar.
Un golpe de Estado traidor e covarde.
A República sufriu un golpe de Estado, un golpe traidor e covarde. Converteuse en guerra civil porque o pobo resistiu. E ese pobo traballador, coas mans e coa dignidade, tivo que lles plantar cara a uns golpistas que contaron coa axuda necesaria do nazismo alemán e do fascismo italiano para vencer esa resistencia. Convén non esquecelo: non se gañou aquela guerra con razóns; gañouse con avións estranxeiros e con terror.
Quen pensa diferente non é fascista.
Quen pensa diferente e defende a súa postura con argumentos, que podemos compartir ou non, non é un fascista. O fascismo non utiliza argumentos porque non os ten. O seu argumento é a mentira, a forza e a violencia. Chamarlle fascista a calquera que discrepe é un erro, pero moito peor é o contrario: branquear o que foi o fascismo real, o que fusilou, encarcerou e torturou.
Nin comparacións interesadas nin esquecemento.
Quen compara o fascismo español co comunismo faino por ignorancia ou, peor, de maneira intencionada, para lanzar bulos e prostituír a historia. E quen o compara cos defensores da independencia, do dereito de autodeterminación dos pobos ou doutro modelo de Estado equivócase, case sempre a propósito e outras veces exercendo de mamporreiro do poder. Defender que un pobo decida o seu futuro é un dereito democrático, non unha ideoloxía do odio.
Memoria para non repetir.
Mirar cara atrás non é quedar ancorado no pasado. É entender por que hoxe a ultradereita avanza coa bandeira falsa do antisistema, cando ninguén é máis sistémico ca ela. É entender por que non poderemos construír unha sociedade máis xusta sen superar o réxime do 78, que se edificou sen axustar contas con aquel pasado. E é entender que a resposta aos herdeiros daquel golpe non está na moderación nin nas medias tintas, senón na unidade da clase traballadora.
Porque a memoria tamén é unha ferramenta de loita. Quen esquece quen asasinou os nosos avós acaba aceptando que os netos dos verdugos sigan mandando.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

