O xudaísmo non é sionismo, nin criticar Israel é odiar a ninguén.
Unha confusión interesada.
Confundir o xudaísmo co sionismo, e a crítica ao Goberno de Israel co antisemitismo, non é un erro: é unha manobra. Serve para blindar un Estado fronte a calquera denuncia e para deixar sen palabras quen se atreve a sinalar un crime. Ser antisionista non é ser antisemita. Máis aínda: quen de verdade combate o antisemitismo, unha lacra real e criminal, debería ser o primeiro en denunciar que se utilice como escudo para tapar unha ocupación, un apartheid e un xenocidio.
O xudaísmo é unha relixión e unha cultura milenaria. O sionismo é unha ideoloxía política nacida a finais do século XIX, con correntes moi distintas entre si: laborista, liberal, relixiosa e revisionista. O que hoxe goberna Israel é o sionismo de extrema dereita, aliado cos colonos, co aparello militar e cos partidos ultranacionalistas. Iso ten nome e apelidos, e pódese criticar sen odiar a ninguén.
Xudeus contra o Goberno de Israel.
Millóns de xudeus no mundo, tamén dentro de Israel, rexeitan as políticas do seu Goberno, e non por iso son todos antisionistas. Hai, ademais, xudeus ortodoxos, fieis ás súas crenzas, como os de Neturei Karta ou unha parte do movemento xasídico de Satmar, que sosteñen que un Estado de Israel creado antes da chegada do Mesías contradí a súa relixión. Para eles, ser xudeu e ser sionista non é o mesmo, e convén lembralo cada vez que alguén queira facernos crer o contrario.
Nin sequera o apoio político ao novo Estado foi unánime nin permanente. A Unión Soviética votou a favor da partición de Palestina en 1947 e foi o primeiro país en recoñecer de iure Israel, en 1948. Despois, foise distanciando ata romper as relacións diplomáticas en 1967.
Einstein: unha advertencia.
Albert Einstein apoiou o proxecto cultural xudeu e a Universidade Hebrea, pero sempre desconfiou do nacionalismo. Defendía a convivencia cos árabes e soñaba cun Estado sen fronteiras exclusivas nin exército propio. Xa en 1929 advertía de que, se non se acadaba unha cooperación honesta cos árabes, non se aprendería nada de dous mil anos de sufrimento.
En decembro de 1948 asinou, xunto con Hannah Arendt e outros intelectuais xudeus, unha carta publicada no New York Times. Nela denunciaban que o partido Herut, de Menachem Begin, se parecía, pola súa organización, polos seus métodos e pola súa filosofía, aos partidos nazi e fascistas. Tamén lembraban a matanza de Deir Yassin, na que a carta cifraba en 240 as vítimas civís, aínda que as estimacións históricas rondan o centenar. Daquel Herut naceu o Likud, o partido de Netanyahu.
Meses antes, o 10 de abril de 1948, un día despois daquela matanza, Einstein respondera a Shepard Rifkin, representante en Nova York dun grupo de apoio á milicia Lehi, que lle solicitara o seu respaldo:
«Cando unha catástrofe real e final se abata sobre nós en Palestina, os primeiros responsables serán os británicos e os segundos, as organizacións terroristas xurdidas das nosas propias filas. Non estou disposto a ver ninguén asociado con esa xente enganada e criminal».
Einstein morreu en 1955 e non chegou a ver o que veu despois. Pero, tendo en conta as súas posicións, as súas advertencias contra o militarismo e o ultranacionalismo e a súa defensa dos dereitos dos palestinos, dificilmente apoiaría hoxe un Estado militarizado e colonial que nega eses dereitos e masacra un pobo. Todo apunta a que o tería rexeitado.
O que din as organizacións de dereitos humanos.
Non o dicimos só nós. Amnistía Internacional, Human Rights Watch e a organización israelí B’Tselem documentaron un sistema de apartheid contra a poboación palestina. A Comisión Internacional Independente de Investigación da ONU concluíu, en setembro de 2025, que Israel cometeu xenocidio en Gaza, e Amnistía Internacional sostén que continuou cometéndoo en 2025, malia os altos o fogo. Israel rexeita esas conclusións, pero a pregunta que importa é outra: que facemos quen sabemos o que está a acontecer?
Ninguén no noso nome.
Defender o pobo palestino non é atacar o pobo xudeu. É defender todos os pobos fronte ao abuso, á ocupación e á limpeza étnica, veñan de onde veñan. E tamén significa plantarse ante a ultradereita de aquí, que presume de combater o antisemitismo mentres se alia con quen arrasa Gaza.
Camaradas, a solidariedade non ten fronteiras: nin de relixión, nin de bandeira, nin de lingua.
Até á vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

