Os verdugos de medio mundo disfrázanse de xuíces: nova acusación inventada contra Maduro e Cilia Flores.
Unha acusación máis para tapar un crime.
O imperio non para. Despois de secuestrar o presidente lexítimo de Venezuela, Nicolás Maduro, e a primeira dama, Cilia Flores, nunha operación terrorista do exército dos EE. UU. en territorio venezolano que deixou polo menos cen mortos, segundo o balance do Goberno venezolano —civís que durmían nas súas casas, militares venezolanos e 32 membros das forzas cubanas—, agora chega unha nova acusación. Segundo os documentos xudiciais, ambos son acusados de conspiración para torturar opositores políticos e, a Cilia Flores, ademais, impútaselle conspiración para cometer narcoterrorismo, un cargo que ata agora só pesaba sobre o presidente.
Cando o relato inicial fai auga, amplíase o expediente. É o vello manual: primeiro secuéstrase e despois búscase o delito que o xustifique.
Quen tortura non pode dar leccións.
Os mesmos que torturan en Guantánamo, que torturaron en Iraq e por medio mundo, teñen a desvergoña de acusar de tortura o presidente Maduro e a súa esposa. Os mesmos que ampararon durante anos a rede de abusos a menores da illa de Jeffrey Epstein, amigo noutro tempo do presidente Donald Trump e morto nun cárcere federal sen que se aclarase todo o que había que aclarar, érguense en defensores dos dereitos humanos.
Os mesmos que sosteñen o xenocidio en Palestina, os mesmos que manteñen o brutal bloqueo xenocida contra Cuba, son os que secuestran un xefe de Estado e o sentan nun banco en Nova York.
Unha vergoña para toda a humanidade.
Maduro e Cilia Flores, de 63 e 69 anos, permanecen secuestrados en Nova York e o seu xuízo está programado para o 1 de xuño de 2027. Un presidente e a súa esposa, arrincados do seu país pola forza, en aberta violación da legalidade internacional, da soberanía dos pobos e dos dereitos humanos máis elementais.
E diante disto, o silencio. Un silencio cómplice e covarde de gobernos, de institucións e de moitos que se din demócratas e progresistas, que permite este atropelo sen pestanexar. Se hoxe se pode secuestrar un presidente por orde de Washington, mañá poderase facer con calquera que non se axeonlle.
A historia non perdoa.
A historia non absolverá os secuestradores e asasinos, nin os seus cómplices, nin os traidores, nin quen mira para outro lado ou cala por covardía.
¡Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

