Feijóo xa fala como Abascal
A máscara cae a anacos
A cinco semanas das xerais do 29N, Alberto Núñez Feijóo deixou de disimular. O home que durante anos se vendeu como o xestor moderado, o político sensato que saíu da Xunta para poñer orde na dereita, abraza agora, sen complexos e á bruta, o discurso reaccionario de VOX. Antiocupación a golpe de «fóra en 48 horas», pensións postas en dúbida, dereitos en almoeda. Calquera cousa por chegar á Moncloa. Sabe que é a súa última oportunidade. E non, non é que non sexa presidente porque non queira: non o é porque é un político mediocre, sen límites nin principios.
Enfermar, un luxo que non nos podemos permitir
Feijóo chama «cancro» ás baixas laborais, pon en cuestión que un traballador cobre o mesmo estando enfermo que traballando e promete impor o seu criterio «con ou sen acordo sindical». Dínnolo dous homes que nunca traballaron como empregados dunha empresa privada. Feijóo pasou de funcionario da Xunta a vivir da política desde os anos noventa. Abascal encadea cargos públicos desde 1999, e a súa única experiencia fóra deles foi un bar en Vitoria que acabou en desafiuzamento, embargos e condenas á súa empresa por impagos aos traballadores. Viven do diñeiro público que sae dos impostos das traballadoras e dos traballadores e veñen darnos leccións.
Eu levo máis de dezaoito anos no comercio e sei o que é o traballo físico; sei que ninguén se pon de baixa por capricho. Eles, que non coñecen a palabra esforzo, pídennos sacrificios e pretenden deixarnos espidos e desprotexidos diante dos poderosos, diante dos seus amos.
Pensións, eutanasia, aborto: nada está a salvo
A portavoz do PP no Congreso, Ester Muñoz, dixo nun pódcast que o sistema de pensións «vai petar» e que hai que cambiar o modelo con «valentía», sen explicar como. Cando saltou a alarma, ela mesma e Feijóo correron a dicir que as pensións son «innegociables» e que subirán co IPC. Feijóo, ademais, tentou pechar a polémica sen desautorizar a súa portavoz.
E cando lle choveron as críticas, Muñoz explicou que «petar» o dicía «nos termos que utiliza a xente nova»: unha escusa de manual, porque quen fala de «valentía» para cambiar o modelo non se desdi, disfrázase. Non o creo: o que di a portavoz é o que pensa o partido do que Feijóo é candidato. Convén lembrar que o PP votou en 2021 contra a lei que garante a revalorización das pensións co IPC.
Falan do «dereito do non nado» mentres recortan os dereitos das traballadoras e dos traballadores que enferman, e anuncian que reformarán a lei da eutanasia para «perfeccionala». Que nos perdoen se non nos fiamos: cando a dereita di que vai «perfeccionar» un dereito, o que adoita querer é poñerlle portas. E con VOX no taboleiro, cada dereito conquistado é unha peza que están dispostos a cobrarse.
PP-VOX, o tándem da demolición
O que representa o tándem PP-VOX é a demolición do pouco que queda do suposto Estado do benestar e da xustiza social: involución social e odio de clase. Recorren ás vellas estratexias de propaganda de Goebbels, o ministro da Alemaña nazi, agora amplificadas polas redes sociais e polos medios de desinformación: bulos, mentiras e odio ás minorías.
Non queren debater o seu programa porque saben que perderían, así que só lles queda mentir e buscar bodes expiatorios. Sementan odio e o odio, tarde ou cedo, colleita violencia e sufrimento.
Os amos de sempre
Feijóo e Abascal son, ao meu xuízo, monicreques das oligarquías, do Israel de Netanyahu e dos EUA de Donald Trump. Vendepatrias dispostos a todo á hora de defender os intereses dos seus amos, sen límites morais nin éticos, sen patria nin empatía; só fame de diñeiro. Humildes co poder e altivos coa clase traballadora, son os encargados de dar a cara en nome dos donos do sistema.
A resposta está nas nosas mans
Fronte ao odio, organización. Fronte aos bulos, conciencia de clase. Fronte aos que nos queren desprotexidos, sindicato, rúa e unidade da xente traballadora. Nin un paso atrás en dereitos.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

