A impunidade de Machado
Dez meses fóra e volve en caravana
O 25 de outubro, María Corina Machado regresou a Venezuela. Percorreu o país, de Barquisimeto a Caracas, entre bandeiras e vítores, coma quen volve duns días de vacacións. E, porén, desde o propio Goberno venezolano chamárana prófuga da xustiza e advertiran de que «terá que render contas» se pisaba o país. Non rendeu ningunha. Pasea libremente, aclamada e sen que ninguén lle pida explicacións.
O historial da que volve
Convén lembrar quen é. A que chamou ás guarimbas. A que incitou á violencia e ao enfrontamento entre venezolanos. A que pediu, unha e outra vez, a intervención militar dos Estados Unidos de Trump e do Israel de Netanyahu contra o seu propio país. A que reclamou sancións contra o seu pobo e apoiou a sabotaxe para render Venezuela pola fame, sen medicinas, sen comida, sen o máis básico para a vida. Unha vendepatrias de manual, que nunca dubidou en poñer a súa terra en bandexa ás potencias estranxeiras.
O seu amo despáchaa cun «moi agradable»
E mírese como recibe o seu amo o regreso da súa serva. Preguntado polos xornalistas, Trump respondeu: «É unha muller moi agradable. Deume o seu Premio Nobel, así que como podo dicir outra cousa? E espero que estea a salvo». Nin unha palabra máis; despois, ao seu: a Estados Unidos, dixo, vaille «realmente ben en Venezuela». Ese é todo o pagamento por anos de servizo e por regalarlle ata o Nobel. O 3 de xaneiro, o día da captura de Maduro, xa a descartara para dirixir o país coa mesma fórmula: moi agradable, pero sen o respecto necesario. Así pagan os imperios a quen os serve: úsanos mentres son útiles e danlles unha palmadiña cando estorban.
Unha xustiza para cada clase
Que ninguén se engane: esta impunidade non é un accidente; é xustiza de clase. A quen se xoga o salario defendendo os seus compañeiros nun centro de traballo pídenlle contas por moito menos. A quen traballou para que o sufrimento chegase a miles de familias venezolanas recíbea unha multitude, coas cámaras de medio mundo apuntando cara a ela. Hai unha vara de medir para o pobo traballador e outra ben distinta para quen serve os poderosos.
Non hai redención para quen traizoa o seu pobo
Non hai perdón para quen axudou a traer tanta dor a Venezuela. Nunca pensei que chegaría a ver como quen empurrou á guerra, á necesidade e á morte camiña tranquilo pola rúa, sen pagar polos seus actos. Co Nobel da Paz colgado, ademais: un premio concedido a quen pasou a vida pedindo a invasión do seu propio país, convertido así no Nobel da vergoña. Pero esa vergoña pálidece ante o que hoxe vemos en Venezuela. O pobo venezolano sabe quen lle fixo dano, e a historia non adoita ser tan indulxente como un presidente co seu agasallo.
Até á vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

