A hemeroteca non perdoa ao PPVOX
En 2020, co Parlamento de Galiza en xogo, Feijóo asegurábanos que non tiña intención de pactar con Vox e que non o faría, porque era «un partido que está contra Galicia». Vox devolvíalle a cortesía chamándoo nacionalista. Daquela, o PP galego acusaba a oposición de «amplificar o discurso» de Abascal para lle abrir as portas da Cámara. Fronte á ultradereita, dicían, un muro. Pois ben: o muro durou o que tardou en aparecer a oportunidade.
Do «nunca» ao «agora non pode voar polos aires»
En 2023, camiño do 23-X, o discurso xa era outro: o seu obxectivo «non era pactar con Vox», senón lograr unha maioría suficiente. Reparen no matiz, que non é casual. Pásase do «non o farei» ao «non é o meu obxectivo». É a gramática de quen vai deixando a porta entreaberta. E a porta abriuse: os límites enterráronse e os pactos cos ultras aceleráronse.
En 2025 chegou a enésima promesa: un Executivo monocolor, sen a ultradereita, sen pactar con «este PSOE» e sen «someterse» aos nacionalistas. Menos dun ano despois, o ciclo electoral autonómico e a forza de Vox nas enquisas obrigaban o líder do PP a desdicirse. E en 2026 xa nin sequera se compromete a que goberne a lista máis votada. Ata a xornalista que lle pregunta leva as mans á cabeza. E, cando se defende o pacto con Vox no Senado, a resposta ás críticas é que a «reacción rabiosa» de Sánchez demostra que van «polo camiño axeitado».
Non é unha incongruencia, é un método
Sería un erro ler isto como simples contradicións ou descoidos. É un método. Dise o que convén en cada momento: «Vox está contra Galicia» cando hai que gañar o electorado moderado galego; «maioría potente» cando fan falta votos; «o camiño axeitado» cando xa se asinou. A palabra dada vale o que valla a enquisa da semana. E quen pagamos esa volatilidade somos sempre os mesmos.
O que está en xogo para a clase traballadora
Detrás do ruído hai unha realidade material. Vox e o PP comparten un programa que ataca os dereitos laborais, culpa as persoas inmigrantes do que provoca a patronal, despreza os sindicatos de clase e persegue as linguas e as identidades dos pobos. Que Feijóo dixese en 2020 que Vox estaba contra Galiza non era unha convicción: era unha pose. O que importa hoxe é que o PP decidiu que gobernar vale máis ca calquera principio e que os seus socios ultras cobran caro cada voto.
Quen traballa nun supermercado, nun estaleiro ou nunha fábrica sabe ben o que significa que che prometan algo e logo asinen o contrario. Nos convenios, nos despedimentos, na precariedade. A política da dereita funciona igual ca o patrón que che promete que este ano si.
A resposta está abaixo
Non esperemos que a coherencia veña do PP nin que a ultradereita se modere por si soa. A resposta é organización, conciencia e unidade da clase traballadora nos centros de traballo, nos barrios e nas urnas. Que cada quen lembre o que dixeron e que llo lembre aos demais. A hemeroteca está aí. Usémola.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

