Non foi unha guerra civil: foi un golpe de Estado contra a República española.
Unha república lexítima.
O que nos ensinaron como «guerra civil» comezou como un golpe de Estado contra un réxime lexítimo. A República naceu das urnas en 1931 e, o 16 de febreiro de 1936, o pobo volveu elixir un Goberno da Fronte Popular. Os militares que se alzaron o 18 de xullo xuraran lealdade á República e romperon a súa palabra para tomar o poder pola forza. Eran militares traidores, e o seu golpe foi ilexítimo: pretendía romper a legalidade e acabar coa democracia.
Un golpe fracasado, salvado desde o estranxeiro.
O golpe fracasou en Madrid, Barcelona, Valencia e boa parte do país, porque o pobo saíu a defender a súa República. Coa frota republicana vixiando o estreito de Xibraltar, o Exército de África non podía cruzar. Foron os avións alemáns e italianos os que fixeron posible o traslado das tropas. O propio Hitler recoñeceuno anos despois: dixo que Franco debería erixir un monumento ao Junkers Ju 52. Sen esa axuda, o golpe non podería continuar.
Hitler, Mussolini e as tropas coloniais.
Alemaña enviou a Lexión Cóndor, con aviación, artillaría, carros de combate e instrutores. Italia enviou decenas de miles de soldados, unha cifra que, segundo as estimacións máis altas, roldaría os 100.000 efectivos se se contan aviadores, mariños e relevos, ademais de avións, submarinos e buques de guerra. As aviacións alemá e italiana bombardearon a poboación civil: Madrid desde novembro de 1936, Gernika en abril de 1937 e Barcelona en marzo de 1938. Franco, ademais, trouxo de África entre 60.000 e 80.000 soldados marroquís, integrados en boa medida nas tropas indíxenas coñecidas como Regulares, que foron empregados contra o pobo español. Sen esa axuda e sen esas tropas, os sublevados non o terían tan doado para dobregar un pobo que defendía a súa liberdade, a súa democracia e o seu dereito a decidir.
Unha República abandonada.
Francia, o Reino Unido e case todas as democracias europeas déronlle as costas á República coa política de Non Intervención, que Alemaña e Italia violaron á vista de todos. Churchill, que se negou a apertar a man do embaixador republicano, resume ben esa actitude: as elites europeas temían máis unha República con reformas sociais ca a Hitler e Mussolini. A Unión Soviética foi o principal apoio estatal no envío de armas, mentres que México tamén axudou á República. A eles sumáronse uns 35.000 voluntarios das Brigadas Internacionais, chegados de decenas de países para defendela.
Terror e exterminio.
Os sublevados non querían só gañar: querían exterminar o adversario político. En Badaxoz, en agosto de 1936, as columnas do Exército de África asasinaron miles de persoas; en Málaga, en febreiro de 1937, a poboación civil que fuxía pola estrada cara a Almería foi metrallada desde o mar e desde o aire. En Galiza, onde o golpe triunfou de inmediato, miles de persoas foron asasinadas por seren sindicalistas, alcaldes, mestres ou, simplemente, por seren de esquerdas. As mulleres sufriron violacións, torturas e rapados da cabeza, prácticas que o xeneral Queipo de Llano alentou pola radio.
A Igrexa bendiciu o golpe como unha «cruzada» e seguiu lexitimando a ditadura. Franco foi presentado como «Caudillo de España por la gracia de Dios». Hoxe, máis de cen mil persoas desaparecidas seguen en unhas 6.000 foxas, e non hai ferida que poida pecharse sen verdade nin xustiza.
A Transición que non fixo xustiza.
Despois da ditadura non houbo xuízo, nin verdade, nin reparación suficientes. A Transición foi un borrón e conta nova: a Lei de Amnistía de 1977 contribuíu a garantir a impunidade, e os franquistas non renderon contas polos seus crimes. Moitos incorporáronse á política: de Alianza Popular, fundada por antigos ministros de Franco, xurdiu o Partido Popular, e dese espazo político naceu Vox.
Décadas de silencio permitiron que as mentiras se repetisen e que a historia se prostituíse. Hoxe, un partido como Vox négase a condenar o golpe e a ditadura; hai quen converte en heroes os fascistas e hai mozos que levantan o brazo e berran «¡Viva Franco!». Rajoy deixou a cero a partida orzamentaria destinada á memoria histórica, e o PP gobernou da man de Vox en comunidades autónomas e concellos.
Había que facer xustiza, reparar as vítimas e contar a verdade nos libros de historia e nas escolas. Non se fixo, e o franquismo ten hoxe unha segunda vida.
A memoria como trincheira.
Lembrar isto non é nostalxia. É chamar as cousas polo seu nome: non foi unha guerra entre irmáns, senón un golpe de Estado contra unha República lexítima que derivou nunha guerra e triunfou, en boa medida, grazas á intervención da Alemaña nazi e da Italia fascista. E lémbranos hoxe, cando volven caer bombas sobre a poboación civil, que quen as lanza e quen mira para outro lado forman parte dunha historia que non debemos esquecer.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

