Os Estados Unidos nin pagan traidores nin cumpren a súa palabra.
Hai unha lección que o imperio repite século tras século e que algúns se empeñan en non aprender: Washington non ten amigos, ten intereses. E cando un aliado deixa de ser útil, tírano como se tira un envoltorio. Estámolo vendo agora mesmo, cunha crueldade que nin sequera se esforzan en disimular.
Do aplauso á expulsión.
Durante anos, os Estados Unidos acolleron venezolanos, cubanos e haitianos baixo o paraugas do TPS e do parole humanitario. Non o facían por compaixón: aquela xente era unha ferramenta, a proba viva de que os gobernos que Washington quería derrubar eran o inferno. Mentres durou a campaña de desestabilización contra Caracas, o exilio venezolano era o mellor decorado da propaganda.
Despois chegou o xiro. Trump revogou o TPS que protexía uns 600.000 venezolanos e cancelou o programa de parole. E cando as forzas estadounidenses capturaron a Maduro en xaneiro de 2026, os voos de deportación a Venezuela non se detiveron. Algúns dos que aplaudiron aquela operación, algúns dos que pediron durante anos que os Estados Unidos tomasen o control do seu país, descubriron que a intervención coa que soñaban non incluía un oco para eles.
Non é un caso: é un sistema.
E nin sequera se limitan a devolvelos. Expúlsanos a terceiros países, a Estados cos que non teñen ningún vínculo. Segundo o seguimento de USCRI, Human Rights Watch e Amnistía Internacional, Washington estendeu esta práctica a decenas de Estados. México é o principal destino: HRW calcula que 4.353 cubanos foron enviados alí entre xaneiro de 2025 e marzo de 2026, moitos deles tras pasar anos, mesmo décadas, vivindo nos Estados Unidos. En África, a política alcanza persoas de decenas de nacionalidades, desde etíopes e nixerianos ata afgáns, iranianos ou vietnamitas. Segundo Amnistía Internacional, doce países africanos aceptaran recibir deportados ou xa os recibiran en xuño de 2026.
O máis obsceno é a quen se envía. HRW documenta que, entre o 20 de xaneiro de 2025 e o 5 de agosto de 2026, máis de 500 persoas foron expulsadas a países africanos que non eran os seus. Entre elas había persoas ás que os propios tribunais estadounidenses recoñeceran protección fronte á devolución aos seus países de orixe polo risco de persecución ou tortura. A xustiza do imperio di «esta persoa non pode volver», e o poder executivo responde buscando outra porta traseira por onde botala.
Varados en Monrovia.
En agosto de 2026 tocoulle a Liberia: venezolanos, colombianos, hondureños, brasileiros e guatemaltecos, aloxados en hoteis, sen papeis e sen saber que será deles. Pensemos no que significa. Unha persoa que chega a Monrovia ou a Malabo sen familia, sen amizades, sen cartos e sen medios para gañarse a vida. En Liberia fálase inglés; noutros destinos, linguas que nin sequera se parecen ao castelán. E os países receptores, moitos empobrecidos e algúns golpeados por conflitos armados, non teñen medios suficientes para atender os seus propios habitantes, e moito menos os recén chegados, aos que ninguén lles preguntou se estaban dispostos a recibir.
Quen responde? Liberia ten obrigas respecto das persoas que se atopan no seu territorio; a OIM e ACNUR poden prestarlles asistencia, pero non substitúen os Estados, e os Estados Unidos deben responder pola legalidade dos seus actos. Na práctica, a responsabilidade dilúese entre todos. Ese é o deseño: que ninguén sexa responsable de nada.
A legalidade, outra vez na papeleira.
O dereito internacional prohibe devolver unha persoa a un lugar onde corra un risco real de tortura ou persecución, esixe un procedemento xusto e non permite que un Estado se lave as mans das consecuencias previsibles dos seus actos. Dar menos de 24 horas de aviso e negar o acceso a un avogado non é un procedemento: é un secuestro con membrete. Matices hainos, e convén dicilo: declarar probada a ilegalidade de cada traslado esixe examinar cada caso. Pero a pauta que describen HRW e Amnistía Internacional é o bastante clara.
Haitianos e afgáns: a mesma coherencia.
O patrón repítese. Aos haitianos retiróuselles o TPS, cuxa cancelación se fixo oficial o 27 de xullo de 2026. En agosto aterrou en Haití o primeiro voo con máis de 160 deportados, mentres o Departamento de Estado seguía desaconsellando viaxar alí «por ningún motivo» debido aos secuestros, á violencia e ao colapso sanitario. O país é demasiado perigoso para un funcionario estadounidense, pero apto para devolver trescentos cincuenta mil haitianos. E aos afgáns xa sabemos como se lles trata: vinte anos de ocupación para deixar todo un pobo abandonado tras unha retirada vergoñenta, co armamento abandonado en mans dos talibáns e, agora, sen protección temporal e coas portas pechadas.
Lembralo unha e outra vez.
Aos Estados Unidos non lles importan os pobos: nin o venezolano, nin o cubano, nin o haitiano, nin o afgán. Impórtanlles os seus recursos, as súas posicións estratéxicas e os seus titulares. Cando conseguiron o que querían, quen lles serviu de coartada pasa a ser un problema loxístico.
Por iso hai que repetilo ata que cale: quen confía a súa liberación a unha potencia imperial acaba pagando a factura. A emancipación dos pobos non virá de Washington nin se negociará con Washington. Constrúese desde abaixo, con soberanía, con solidariedade entre pobos irmáns e con memoria. A ver se por fin deixamos de caer sempre na mesma trampa.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

