Sen conciencia de clase non haberá futuro: reconstruír a esquerda para frear a barbarie.
A ultradereita non avanza porque sexa invencible. Avanza porque millóns de traballadores deixaron de crer que exista unha alternativa real ao modelo actual.
Avanza porque demasiada xente humilde sente que ninguén a representa, que ninguén a escoita e que a esquerda hai tempo que deixou de falar a súa lingua e de pisar os seus barrios, as súas fábricas e os seus centros de traballo.
Ese é o gran drama do noso tempo.
Durante décadas, o neoliberalismo non só destruíu dereitos laborais, privatizou servizos públicos e precarizou a vida de millóns de persoas. Tamén conseguiu algo aínda máis perigoso: destruír a conciencia de clase. Convenceron os traballadores de que xa non eran traballadores. Ensináronnos a competir entre eles mentres unha minoría acumulaba unha riqueza obscena a costa do sufrimento colectivo.
Fixéronnos crer que a explotación era liberdade. Que a precariedade era modernidade. Que chegar esgotado a final de mes era culpa individual e non consecuencia dun sistema deseñado para beneficiar sempre aos mesmos.
E mentres tanto, gran parte da esquerda institucional abandonou o conflito social para abrazar a xestión amable do capitalismo. Acostumáronse demasiado aos despachos, ás institucións e aos equilibrios parlamentarios mentres a clase traballadora seguía perdendo poder adquisitivo, estabilidade e esperanza.
Aí é onde medra a ultradereita.
A extrema dereita non ofrece solucións reais aos problemas da clase traballadora, pero polo menos identifica o malestar existente e convérteo en rabia política. O problema é que esa rabia é dirixida contra os máis débiles en lugar de contra quen realmente provoca a desigualdade e a explotación.
Por iso vemos traballadores pobres votando a quen quere destruír aínda máis dereitos laborais. Porque cando a esquerda desaparece da vida cotiá da xente, outros ocupan ese baleiro con odio, medo e discursos simplistas.
A reconstrución dunha verdadeira esquerda non pode facerse unicamente desde redes sociais, campañas de márketing ou loitas internas por siglas e liderados. Ten que volver a construírse desde abaixo. Desde os centros de traballo, desde o sindicalismo combativo, desde os barrios obreiros, desde a mocidade precarizada e desde quen non chega a fin de mes mentres as grandes empresas baten récords de beneficios.
A esquerda debe volver a parecerse á xente traballadora. Debe volver a falar claro. Debe volver a sinalar aos responsables reais da desigualdade: as elites económicas que controlan gobernos, medios de comunicación e grandes corporacións mentres millóns de persoas sobreviven con salarios indignos e vivendas imposibles de pagar.
E para iso fai falta unidade. Pero non calquera unidade. Non unha unidade baleira baseada unicamente en repartirse postos ou construír coalicións electorais sen proxecto transformador. A verdadeira unidade da esquerda só pode construírse arredor dun compromiso firme coa xustiza social, a defensa dos servizos públicos, a vivenda digna, os dereitos laborais e a redistribución da riqueza.
A unidade non pode significar renunciar a principios. Ten que significar poñer o interese colectivo por riba dos egos, as cotas de poder e as pequenas guerras internas que tantas veces afastaron a esquerda da maioría social.
Porque mentres a esquerda se fragmenta, o capitalismo organízase. Mentres a esquerda discute entre si, os grandes fondos de investimento compran vivendas, privatizan servizos e aumentan beneficios a costa de empeorar a vida da maioría.
Necesitamos recuperar a conciencia de clase porque só entendendo quen produce a riqueza e quen se apropia dela poderemos construír unha alternativa real. A clase traballadora segue existindo. Está nos supermercados, nos hospitais, nas fábricas, na hostalería, nos almacéns loxísticos, no transporte e en cada emprego precario disfrazado de modernidade.
E esa maioría social ten forza suficiente para cambiar o país se volve a organizarse.
A historia demostra que ningún dereito foi regalado. A sanidade pública, as vacacións, as pensións, a xornada laboral ou a educación pública foron conquistas arrincadas mediante loita, organización e solidariedade colectiva.
Por iso o futuro non pasa por resignarse nin por aceptar que a barbarie é inevitable. O futuro pasa por reconstruír unha esquerda valente, coherente e profundamente arraigada na realidade da clase traballadora.
Unha esquerda que non teña medo de falar de explotación, de redistribución de riqueza e de poder económico. Unha esquerda que volva defender sen complexos a xustiza social fronte ao individualismo salvaxe que o capitalismo leva décadas impoñendo.
Porque fronte ao odio da ultradereita necesitamos máis solidariedade.
Fronte ao racismo, máis conciencia de clase.
Fronte ao egoísmo neoliberal, máis comunidade.
Fronte á resignación, máis organización.
E fronte a quen quere converter a política nunha guerra entre pobres, debemos recordar algo esencial: o verdadeiro conflito nunca foi entre traballadores de distinta orixe, xénero ou cultura. O verdadeiro conflito sempre foi entre quen vive do seu traballo e quen vive do traballo dos demais.
Aínda estamos a tempo de reconstruír esperanza.
Pero só se volvemos a camiñar xuntos.
André Abeledo Fernández

